xoves, decembro 12, 2013

Era visto, ... Por Rafael Pillado Lista

Por Rafael Pillado [*]
12.12.2013


Era previsible que Navantia chegase a esta situación. O goberno do PP acaba de recordarnos que leva dous anos no goberno. Dous anos nos que non moveu un dedo para dotar de carga de traballo ao naval. Esa é a súa responsabilidade. En troques, o seu "ministro de industria" foi a Arxentina a resolver os problemas de Repsol. Varas de medir, distintas. Para quen gobernan?

Mentres tanto, e tras a marcha do último buque australiano, Navantia se queda sen traballo, despois dun goteo de despedimentos dos compañeiros de CC. AA. Nin se molestaron os nosos gobernantes. É certo que non faltaron promesas de solución, sobre todo, durante pasadas campañas electorais. Promesas que veñen “mareando a perdiz” cos traídos, levados e de novo traídos floteis de Pemex. Incluso xogaron falsamente con Reganosa, e coa idea de que os gaseiros poderían ser unha solución, cando xa foran contratados por estaleiros asiáticos. Sen a intervención do goberno e sen que Navantia presentara unha proposta elaborada.

E repito que esta situación era previsible. Porque, non hai mellor camiño para afundir os estaleiros que deixalos caer e así xustificar o seu desmantelamento por perdas. E non só en Ferrolterra. Cansáronse os dirixentes do PP de recordarnos que as empresas públicas son chiringuitos que hai que desfacer. E por outra banda, un eixo central da súa política é a privatización do público que sexa rendible a empresarios privados. Os amigos, claro. Xa se ve como tratan os servizos públicos esenciais.

Mentres tanto, a dirección de Navantia buscaba aplicar un “novo convenio”, a dous meses de rematar o anterior. Non supoñía ningún avance, pero iso si, o camiño corto para acabar con dereitos alcanzados con sacrificio, que afectaban non só aos traballadores en activo, senón tamén a miles de prexubilados, xubilados, viudas, etc., desta comarca. Buscaba ademais que fora firmado polos sindicatos. Un desatino interesado, rexeitado pola maioría dos traballadores/as da empresa, concretamente en Ferrol-Fene.

E chegamos á data prevista, catro de decembro, de presentación dun plan de empresa, no que a dirección xa anunciara que non sería negociado, e do que algunhas fontes adiantaban que traería despidos e recortes salariais. Ese era o plan, son insaciables. En datas posteriores, anuncian que non se presentará aínda, en espera de carga de traballo. ¿Cando?

¿Que motivou ese freado? Navantia tiña previsto chegar até aquí co convenio firmado co aval dos sindicatos, e en harmonía social. Pola contra, non se firmou pola acción dos traballadores e ademais producíronse importantes mobilizacións de rexeitamento. Incluso, os alcaldes do PP desta comarca, fóronse a Madrid, aínda que en lugar de ir á presidencia do goberno, “equivocáronse” e foron a SEPI. Aquí todos, incluso as bases do PP son desfeitas en este “festival” de recortes e liquidacións.

Pero hai outro factor que non debemos menosprezar, tratase das eleccións europeas, no mes de maio, nas que as enquisas prognostican unha caída electoral moi pronunciada do partido do goberno, e temen un conflito continuado no tempo. ¿Esperan tempos mellores? Isto só é un alto no camiño.

Por esta razón, e sen perda de tempo, convén cambiar de paso e incrementar tódalas medidas de mobilización e presión, que nos leven a elevar as accións.

Navantia é un elemento central na actividade económica e social da comarca, pero non está soia. Os problemas da comarca son moitos e de variada condición. Poño un exemplo, referido ao comercio. A cantidade de pequenos e medios negocios que veñen pechando día tras día, e deixan na rúa a traballadores e empresarios. Están determinados pola parálise económica e polas políticas desenvolvidas. A falta de crédito, a instalación de áreas comerciais, co aplauso dos gobernos locais, etc. Por iso, é necesario que cada sector defina os seus problemas e se mova por eles.

Para asegurar a defensa da comarca, é imprescindible facer converxer a todos os sectores, en unha mobilización potente e sostida, esixindo resposta dos gobernos correspondentes. E iso só é posible coa unidade de todos, porque todos somos afectados, en torno a unha plataforma unitaria, sen exclusións, a nivel comarcal.

É posible e necesario vencer, polo ven de cantos vivimos e traballamos en Ferrolterra. Unidade na acción e nas esixencias. Imprescindible, cambiar de paso.

Rafael Pillado, 8.12.1

Artigo Publicado no xornal comarcal 'Diario de Ferrol'.

[*] Rafael Pillado Lista, San Cibrao (Cervo) o 12 de xuño de 1942,  é Vicepresidente da A.C. Fuco Buxán e membro do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol. Foi un activista sindical e político nos anos da ditadura franquista, sen deixar nunca a súa actividade social e política. Participa no Encontro Social e na Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra. Escribe artigos sobre a actualidade nos medios locais. Ten escrito un importante e moi interesante libro sobre unha parte da nosa historia recente "O Latexo da vida e da conciencia - Memorias Colectivas de Rafael Pillado - I (Primeiro Volume)".

A nosa web:
www.fucobuxan.net
Os nosos blogues:
Escolma das Razóns
http://escolmadasrazons.blogspot.com.es/
Pensamento Crítico
http://opinionsfuco.blogspot.com.es/
Nas redes sociais:
Facebook
http://www.facebook.com/pages/Fuco-Bux%C3%A1n/118931821452749
Twitter
http://twitter.com/FucoBuxan
Google+
https://plus.google.com/u/0/108716477794009532670/posts
Albúns fotográficos en Picasa:
https://picasaweb.google.com/106726281086842107689
Canle e Youtube:
http://www.youtube.com/user/fucobuxan

---
Fuco Buxán, A. C.
Rúa Armada Española, 32 baixo- 15406 - Ferrol
Apartado Correos 240 C.P. 15400 Ferrol
Telefono. 981325492
www.fucobuxan.net
fucobuxan@yahoo.es

Enviado por:
fucobuxan
-fucobuxan@gmail.com-
12 de dezembro de 2013 11:35

______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon