O grupo municipal de Esquerda Unida denuncia a pasividade acrítica do goberno municipal con respecto ao repago no servizo de axuda do fogar | Esquerda Unida votará en contra da ordenanza municipal que consagra o repago para a axuda familiar | O grupo advirte das graves consecuencias para os dependentes severos con baixos recursos.
Desde que o goberno do PP publicou no DOG un 16 de marzo de 2012 a nova regulación dos servizos sociais comunitarios e o seu financiamento comezouse un camiño cara o desmantelamento dun dos piares do benestar. Ata o momento o Servizo de Axuda no Fogar era considerado como un servizo social comunitario básico de carácter público garantido polos concellos sen distinción e con financiamento fundamentalmente público. Con independencia de que quedaran moitas cousas por facer a tendencia ao longo dos anos precedentes era de avance progresivo a partir das bases anteriores, non de retroceso. A partir dos anos 2010 e 2011 o financiamento público ,dependente da Xunta, non parou de decrecer con recortes anuais continuos en xeral para o conxunto dos servizos sociocomunitarios e especialmente para os servizos básicos como é a axuda no fogar. Cando falamos disto falamos de persoas dependentes, desestruturación familiar, enfermidades agudas etc.
O decreto establece unha nova regulación da participación económica das persoas usuarias no custe do Servizo de Axuda no Fogar que incrementa de xeito substancial en case todos os tramos de renda: o repago. Subas grandes para as persoas que teñen recoñecidas as prestacións por dependencia e aínda moito maiores para as que sen ter recoñecida as prestación están en grave situación de risco ou vulnerabilidade ou para os grandes dependentes que non só van ter que repagar as prestacións básicas senón tamén os servizos complementarios. É especialmente sangrante este último asunto: aquelas persoas con dependencia severa e que até agora podían acceder aos servizos de adaptacións funcionais, podoloxía e fisioterapia van verse privados deles xa que no caso, dramaticamente en ascenso, de baixos ingresos e gran dependencia, co repago médico-sanitario polo medio, o repago nas prestacións comunitarias faise imposible.
Estamos diante dunha situación típica de exclusión por achiques de espazos sociais : a sociedade de mercado que se pretende onde o todo non é o dereito e os dereitos sociais senón o mercado e as relacións mercantís, non deixa espazo para a universalización de dereitos e as prestación públicas. E non o fai porque a dogmática neoliberal ataca nos dous puntos cardinais que sosteñen os dereitos sociais: financiamento público e con cargo a impostos e prestacións con cargo a unha concepción universal do servizo. Dadas determinadas condicións todos/as temos dereito á prestación pública, de calidade e tendencialmente gratuíta.
Pola contra a colonización mercantil do conxunto da vida non fai máis que ocupar a vida social e excluír aos sectores que non poden acceder, por recursos, aos servizos. Imos asistir neste punto a aspectos moi dramáticos do que podemos cualificar de “consecuencias non desexadas” : entre elas non é a menos importante o feito da previsible deriva de moitos casos de dependencia cara o mundo da parasanidade, sen claridade profesional e fiscal, xa que está claro que non vai poder haber repago en moitos casos de pacientes con dependencia severa e necesidades de prestacións continuadas.
O papel do goberno municipal do PP foi de submisión e colaboración absoluta cos ditados da nova normativa . Alén da lectura restritiva que fai do decreto, xa que mesmo podería ser moito máis favorable aos usuarios con menos recursos introducindo outros tramos nos obrigatorios que estabelece a norma, non se fai ningunha lectura política do asunto que nos traemos entre mans e se despacha todo coa evasiva e tópica afirmación de que a lei hai que cumprila etc. Tamén hai que cumprir a nova normativa de retribucións salariais aos alcaldes e concelleiros coa nova lei de administracións locais e , que saibamos, hai toda unha batería de presións para que non se cumpra. Chegaría décima parte de todo ese movemento de cargos e electos do PP, vía FGAMP e outras, para paralizar todos os aspectos máis lesivos da aplicación do decreto, e o decreto mesmo: manter o financiamento dos gastos derivados do servizo e impedir o seu progresivo deterioro como servizo público, facer que esta contribución sexa vía impostos e impedir a participación das persoas usuarias no servizo.
Previsiblemente este mes vai se aprobar definitivamente a nova ordenanza fiscal do concello sobre axuda no fogar. Sen dubidalo Esquerda Unida votará en contra. Sen apaños posibles: oposición clara e rotunda.
Ferrol a 21 de xaneiro de 2014
Esquerda Unida de Ferrol
R/ do Sol 124 Entrechán Esquerda
981944035
www.euferrol.org
https://www.facebook.com/esquerdaunida.ferrol
https://twitter.com/EUFerrol
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html
Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
21 de janeiro de 2014 14:27
Bo día. Enviamos nota de prensa pola que o grupo municipal de Esquerda Unida fixa a súa posición sobre a nova ordenanza municipal que regula o servizo de axuda no fogar. Novamente estamos diante dun recorte e dun repago para un servizo público e para un sector da poboación especialmente vulnerable. Con toda probabilidade proximamente se procederá á súa aprobación definitiva en pleno e o grupo municipal igual que non aceptou apaños de ningún tipo tampouco aceptará agora evasivas sobre legalidades vixentes: votará en contra. Grazas. Un saúdo, Secretaría de Comunicación. CPL - Ferrol
__________
Foto do xornal dixital Terra Cha Xa.
__________________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon