AO PLENO DO CONCELLO DE FERROL
Javier Galán Peréz, voceiro do Grupo Municipal de Esquerda Unida no concello e ao amparo do disposto no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, presenta para a súa aprobación a seguinte moción e que leva por título:
MEDIDAS PARA PREVIR A POBREZA ENERXÉTICA
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A pobreza enerxética pódese definir como aquela situación que sofre un fogar incapaz de pagar unha cantidade de servizos da enerxía suficiente para a satisfacción das súas necesidades domésticas e/ou cando se ve obrigado a destinar unha parte excesiva dos seus ingresos a pagar a factura enerxética da súa vivenda.
A pobreza enerxética depende fundamentalmente de tres compoñentes: os ingresos familiares, os custos da enerxía e a calidade da vivenda en canto á súa eficiencia.
Segundo a Enquisa de Orzamentos Familiares -EPF- e a Enquisa de Condicións de Vida -ECV-, arredor do 10% da poboación española sófrea (4 millóns de persoas), e trátase dun fenómeno in crescendo, mentres o desemprego e a crise económica minguan o poder adquisitivo da cidadanía, os servizos básicos como a electricidade, o gas ou a auga, cuxos prezos se encareceron sen tregua, están a acaparar cada vez maior proporción no orzamento familiar.
A ECV de 2011 destaca que o 6% da poboación non pode manter a súa vivenda a unha temperatura adecuada, porcentaxe que se sitúa no 8% o caso de mulleres que habitan soas. Trátase aínda dun fenómeno invisible tanto polo seu carácter doméstico como pola súa interrelación con outras manifestacións da pobreza e exclusión social. E a pesar da dificultade de cuantificar este fenómeno xa existen estudos que reflicten como a pobreza enerxética se incrementa no noso país.
O último informe do Observatorio de Vulnerabilidade de Cruz Vermella sinala que preto do 58% das persoas atendidas por Cruz Vermella durante o 2013 tiña problemas para manter a súa casa a unha temperatura óptima, un 16% máis que no 2011. Outro dato é que unha de cada tres persoas atendidas por Cruz Vermella non pode pagar as subministracións básicas, como a auga, a luz ou o gas.
A pobreza enerxética ten un impacto profundo na vida das persoas e pode influenciar na súa esperanza de vida e no agravamento de enfermidades crónicas. Estímase que a pobreza enerxética pode ser responsable de máis de 2.300 mortes prematuras anuais fronte ás 1.480 provocadas por accidentes de tráfico. As consecuencias da pobreza enerxética son múltiples: a falta de calefacción afecta á hixiene, a saúde (dilema «heat or eat», afeccións respiratorias, etc.) e, a miúdo, xera sobre mortalidade e sobreendeudamiento, así como illamento social e xeográfico.
A UE tamén comparte este diagnóstico e xa nas Directivas 2009/72/CE e 2009/73/CE do mercado interior de electricidade e gas, respectivamente, expoñen esixencias que obrigan aos Estados Membros a adoptar medidas para abordar o fenómeno da pobreza enerxética.
O Ditame do CESE -Comité Económico e Social Europeo- de 2011 sobre «A Pobreza Enerxética no contexto da liberalización da crise económica» sinala que a pobreza enerxética é unha nova prioridade social que necesita apoio a todos os niveis e propón que a pobreza enerxética se teña en conta á hora de elaborar calquera política enerxética.
E nun posterior ditame de 2013 «Por unha acción europea coordinada para previr e combater a pobreza enerxética», o mesmo CESE -Comité Económico e Social Europeo-, manifesta que a enerxía é un ben común esencial, debido ao seu papel indispensable en todas as actividades cotiás, que permite a cada cidadán ter unha vida digna, mentres que carecer del provoca dramas. Engade que a pobreza enerxética mata física e socialmente.
O Estado español é o país da UE27 cos prezos da electricidade máis caros, despois de Malta e Chipre (FACUA 2012). Segundo datos de Cruz Vermella de 2012, en dous anos o gas incrementouse o 22%, a luz o 34%, a auga o 8,5% e a bombona de butano o 23%. Segundo Eurostat, desde 2001 a 2012, a factura de electricidade en España custa de media un 105,1% máis. Entre 2007 e 2012, un 49% máis. Se se conta desde 2006 até os últimos incrementos, no caso do pequeno consumidor a subida é do 88%, o que, unido á crise económica, agrava a dificultade de afrontar a factura enerxética das persoas máis vulnerables, facendo crecer con forza a pobreza enerxética e os cortes de subministración.
As compañías non ofrecen datos para cuantificar o número de clientes que non pagan e, por tanto, ven afectados por cortes de subministración. O certo, no entanto, é que aos servizos sociais chegan cada vez máis casos deste tipo. Así, mentres concellos e entidades sociais incrementan as axudas destinadas á urxencia social, e concretamente ás referidas ao pago de facturas de gas, luz e auga, as grandes compañías de subministración continúan obtendo beneficios millonarios, que chegan a ser da 6,78% fronte ao 2,62% das europeas, e ordenando o corte de subministracións por débedas irrisorias.
O Estado español carece dunha política específica dirixida a previr o fenómeno da pobreza enerxética que sofren cada vez máis familias e fogares para garantir uns consumos mínimos vitais a todas as familias en función do número de membros e de períodos estacionales. Todas as compañías subministradoras aseguran dispor de bonos sociais para as familias máis desfavorecidas, pero non tan só son insuficientes senón que a miúdo provocan que quen máis os necesite quede fóra.
O Estado debería mellorar o actual bono social, para ter en conta tamén as condicións da vivenda e o nivel de ingresos familiares e non só a potencia contratada ou a situación familiar/laboral. Tamén habería que valorar a posibilidade de establecer un bono social para o gas butano, como xa fan outros países.
O Real Decreto-lei 13/2012, de 30 de marzo, polo que se traspoñen directivas en materia de mercados interiores de electricidade e gas e en materia de comunicacións electrónicas, e polo que se adoptan medidas para a corrección das desviacións por desaxustes entre os custos e ingresos dos sectores eléctrico e gasista, fai referencia no seu redactado á pobreza enerxética, anuncia o establecemento de medidas de protección para o consumidor vulnerable e reverte transitoriamente ao bono social eléctrico regulado no Real Decreto-lei 6/2009, de 30 de abril, polo que se adoptan determinadas medidas no sector enerxético e se aproba o bono social.
A reforma do mercado enerxético emprendida polo Goberno até agora tampouco establece solución algunha ao fenómeno de pobreza enerxética e o déficit tarifario ameaza con incrementar aínda máis a factura. Os prezos soben debido á falta dunha auténtica reforma eléctrica, e a consecuencia diso está a recaer sobre os consumidores/as e as renovables, sen un diagnóstico previo.
Ademais, os cambios regulatorios no sector eléctrico, especialmente os máis recentes, suporán un encarecemento dos custos que afectarán fundamentalmente aos consumidores/as coa revisión automática das peaxes. O cambio do sistema de facturación que aumentará os custos fixos da factura supón unha penalización engadida a quen menos consome, xa sexa por menor renda ou por ser eficiente, empeorando o problema da pobreza enerxética e aumentando a exclusión.
A teórica liberalización do sector eléctrico non serviu para abaratar o prezo da subministración. A cuestión non resolta do déficit tarifario está a converterse na causa principal do incremento das taxas de pobreza enerxética en tanto que se resolve mediante un incremento dos prezos fixados ao consumidor, mentres o Goberno mira para outro lado.
Existen experiencias a nivel europeo onde ademais de axudas puntuais a colectivos vulnerables para o pago de facturas ou dirixidas ao aforro e eficiencia enerxética, aseguran a subministración en momentos críticos, trátase de impedir a desconexión durante os meses de máis frío ou a consumidores/as vulnerables, é dicir aquelas persoas que por razóns de idade, saúde, discapacidade ou inseguridade financeira grave non están en condicións de garantir o seu benestar persoal e o do resto de membros da súa familia.
Esta falta de recursos para manter o fogar en condicións térmicas axeitadas durante os meses de inverno afecta a un 20% da poboación galega segundo fontes de organismos como Cáritas ou a Rede Galega contra a pobreza pero a pesar de todos isto a insensibilidade da Xunta de Galicia está á altura o grupo parlamentar do PP no Congreso dos deputados onde grupo e Goberno vetaron unha iniciativa do grupo parlamentar de Izquierda Plural e non quixeron admitir en consideración a proposición . A Xunta de Galicia e os Concellos non poden permanecer impasibles diante desta situación. Hai razóns máis que suficientes para a que as distintas administracións públicas acheguen unha resposta eficaz e solidaria do conxunto dos elementos que fan habitable un fogar en primeirísimo lugar a enerxía eléctrica, a calefacción e a auga.
Por todo o exposto o Grupo Municipal de Esquerda Unida
PROPÓN AO PLENO MUNICIPAL DO CONCELLO DE FERROL A ADOPCIÓN DOS SEGUINTES ACORDOS:
1. Esixir ao Goberno de España a aprobación dunha Lei de medidas para previr a pobreza enerxética que regule o sistema de subministracións básicas do fogar e inclúa mecanismos que prime o aforro e penalice o consumo ineficiente, garantindo que as tarifas non sexan obxecto de mercado, establecendo prezos sociais e elementos de fiscalidade enerxética favorables para as familias con baixos ingresos económicos.
Igualmente, na citada Lei estableceranse medidas para que todos os fogares poidan manter unhas condicións adecuadas de temperatura como dispor doutros servizos enerxéticos esenciais a un prezo xusto. Crearase o bono social para aqueles fogares con poder adquisitivo reducido ou en risco de exclusión social, establecéndose unha tregua invernal e impedindo o corte de subministración a estas familias.
2. Instar ao goberno central a:
a) presentar unha proposta de reforma da Lei de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas de 2013 para que as empresas subministradoras non poidan suspender o abastecemento de auga a unha familia por razóns económicas cando os recursos familiares non permitan cubrir o seu pago.3. Instar á Xunta de Galicia.
b) presentar unha proposta de modificación da Lei 3//1992, de 28 de decembro, do Imposto sobre o Valor Engadido establecendo un IVE reducido para o prezo de gas e a electricidade a nivel doméstico.
a) a desenvolver un programa de fogares habitables en forma de axudas inmediatas á cidadanía galega para garantir o subministro dos elementos enerxéticos básicos (luz, auga e calefacción) de xeito que ningún fogar perda eses subministros polo impago dos mesmos.4. O Concello de Ferrol elaborará un plan contra a pobreza enerxética, co obxectivo de garantir o dereito da cidadanía ás subministracións básicas do fogar que permita identificar, previr e corrixir as situacións detectadas.
b) a acometer con urxencia un programa de rehabilitación para acadar a eficiencia enerxética do parque de viviendas galegas.
5. Desta moción darase traslado a:
- Presidencia do Goberno de España.
- Grupos con representación parlamentaria no Congreso de Deputados.
- Presidencia da Xunta de Galicia.
- Parlamento de Galicia.
- Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).
- Federación Galega de Municipios de Provincias. (FEGAMP)
- Confederación Galega de Asociacións de Veciños (COGAVE)
- Asociacións de Veciños e Consumidores de Ferrol.
Asdo.:
Concelleiro Portavoz do Grupo Municipal de Esquerda Unida
Esquerda Unida de Ferrol
R/ do Sol 124 Entrechán Esquerda
981944035
www.euferrol.org
https://www.facebook.com/esquerdaunida.ferrol
https://twitter.com/EUFerrol
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html
Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
31 de janeiro de 2014 14:17
Bo día. Enviámosvos a moción que onte defendimos no pleno do Concello. Esquerda Unida considera que a incapacidade de moitos fogares para facer frente ao gasto enerxético é un problema socio-político de primeira magnitude e que interpela ao conxunto das administracións públicas, concello incluídos. Evidentemente o PP votou en contra apelando á necesidade de facerlle frente ao"déficit" tarifario, esa estafa sen parangón en Europa. Grazas e un saúdo, Secretaría de Comunicación. Consello Político Local- EU Ferrol
__________
Foto libre e CA21.
___________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon