venres, maio 16, 2014

As leis da competencia na esquerda


Polo seu interese e actualidade, publicamos a última editorial da revista dixital 'Somos Ninguén -Ideas para o común', titulada 'As leis da competencia na esquerda', publicada o 14 de Maio de 2014
. Agardamos que sexa de proveito para o pensamento e a acción.


En tempos de reestruturación capitalista, hai moitos síntomas que nos axudan a diagnosticar algunhas doenzas da esquerda contemporánea. A da fragmentación é unha das principais. Responde coma un reflexo nun espello á lóxica que o mando imprimiu nas relacións de produción, é unha manifestación aguda da hexemonía cultural do poder. Un proletariado fragmentado, e por tanto sen recoñecerse, desposuído de identidade, perde capacidade para enfrontarse eficazmente ao dominio e ao control, para sequera identificalos como tales, e en fases críticas, a súa resposta á reestruturación é lenta e feble.

A fragmentación traslada o antagonismo. Da loita de clases á competencia entre iguais mediante a despersonalización colectiva. A unidade, pola contra, prodúcese a partir de identidade recoñecida e de conciencia conquistada, conciencia das necesidades, como apuntaba Engels. Así se expresan estas lóxicas antagónicas, con maior intensidade en días de disputa política electoral: enquisas, interpretacións e a realidade reconstruída polos medios de comunicación. En primeiro termo, as dúas pólas do Partido da Orde (Partido Popular e Partido Socialista) teñen reservado espazo para o simulacro de competición; ao fondo, as esquerdas obrigadas a competir entre si polo reparto dos restos. Esa é a foto fixa do sistema e do réxime de representación. No espectáculo non hai lugar para a improvisación. A sorpresa non se concibe; por tanto, non existe.

Mal fará a esquerda se lle apón derrotas e sufrimentos só á perversidade e á intelixencia do poder. O poder é perverso e intelixente, sen dúbida, pero conta coa aquiescencia involuntaria dunhas organizacións diluídas nas lóxicas da competencia. A competencia proxecta no plano político a sombra da intervención mercantil noutros campos sociais, unha intervención que despraza sistematicamente as funcións dos produtos materiais ou inmateriais deses ámbitos ata convertelos en puras mercadorías con valor de cambio. Esa sombra transforma tamén, segundo a mesma lóxica mercantil, as funcións das organizacións de esquerda ata convertelas en simples mercadorías. Daquela, os obxectivos mudan. A necesidade de autorreprodución, que expresa o corporativismo non xa da organización senón do seu cadro dirixente, substitúe calquera perspectiva situada nos diversos espazos de acción social, supedita as necesidades dos grupos sociais que se di representar, da clase, ás necesidades internas da organización e dos seus cadros dirixentes. A política desaparece nun malabarismo de conspiracións, de tácticas que invaden os espazos dos proxectos estratéxicos e de estratexias que se someten ás dinámicas conservadoras das institucións e se desvían a horizontes inalcanzables. A separación entre as organizacións de esquerda e o pobo que debera usalas como ferramenta de intervención e transformación, de conquista e exercicio dun poder democrático e igualitario, vaise ensanchando ata a inmensidade. E cando se produce a incomunicación absoluta, as organizacións resultan ineficaces, inofensivas para o cambio de mans do poder. Ou sexa, incapaces de contribuír a transformar as relacións de produción, que é transformar as vidas comúns desde a súa base material.

Na súa redución a simples aparellos de autorreprodución, as organizacións pasan de querer aglutinar as multitudes e dotalas de corpo político a representar precariamente a súa propia militancia. Se a organización debera ser unha imaxe da sociedade que se proxecta, convértese apenas nunha caricatura de trazo groso dos aparellos do réxime e reproduce os mecanismos do poder que combate. Nese proceso, acaba por producirse un desfase social que muda por unha primaria conciencia de si mesma a conciencia das necesidades do corpo social que a esixe, que a necesita e a constrúe e lle dá vida e razón de ser. É o camiño que vai desde a revolución á supervivencia. O resistencialismo perde o seu sentido de conservación do terreo conquistado e expresa a doenza obsesiva da necesidade de supervivencia. O instrumento deveu inservible. Impera o fetichismo da mercadoría. A lóxica de mercado que asalta a política e o espazo social esixe que cada organización ocupe un espazo de maneira ordenada. A reserva dun nicho de consumidores é o obxectivo mercantil que substitúe os proxectos políticos. O inimigo, entón, é quen ocupa espazos próximos, quen ameaza con invadir o propio espazo e con crebar a lóxica do espectáculo e da ocupación de andeis. E aí amósase en toda a súa inmensidade impoñente a competencia. As organizacións de esquerda compiten entre si por un mesmo espazo. A unidade nun proxecto común é unha utopía, case unha quimera. A lóxica da fragmentación segue a manifestarse na competencia entre semellantes.

Asaltadas pola perplexidade das derrotas históricas, as organizacións tamén tenden a refuxiarse e a confiar máis na pureza da verdade revelada ca na vertixe de camiñar e o risco de non atinar. Ou de atinar… A relixión tamén se impuxo e se impón á política e á razón.

Pero os tempos esixen unidade. E esixen tamén a devolución do protagonismo político ao suxeito colectivo. Se en realidade aspiran a ser ferramentas de transformación, as organizacións terán que se entregar furibundas á necesidade de acumular forzas, de conquistar procesos de unidade que rompan identidades prefiguradas e fosilizadas, de evitar reproducir liortas extemporáneas, de recoñecer na súa unidade construída a partir da riquísima diversidade o suxeito colectivo que as esixe. E terán que fundirse, crebar fronteiras e compartir dialecticamente proxectos, puntos de vista e matices ata sintetizalos nun mínimo común imprescindible.

Non vemos moi lonxe desta esquemática descrición o que ocorre no ámbito da esquerda en Galicia desde a aparición no escenario político de Anova e da Alternativa Galega de Esquerda (AGE). Nese escenario parece producirse unha loita desesperada do BNG na defensa dun nicho de mercado que ata non hai moito tempo aparentaba posuír en exclusiva.

O mundo está fóra dos círculos íntimos das organizacións. Confundir a sociedade co interior da propia organización ou os intereses da maioría social cos do grupo dirixente é un erro de tráxicas dimensións. Como o é ocultar o mundo coa sombra da organización.

Pensar na organización e non no suxeito social que ten que dirixila é a posición máis reaccionaria.

info[arroba]somosninguen.org

Somos Ninguén é un proxecto en construción. No ano V da última crise sistémica do capitalismo globalizado queremos chantar estes alicerces sen saber moi ben -e sen preocuparnos demasiado- como serán as paredes, as fiestras nin o teito [Quen Somos].
info[arroba]somosninguen.org


Fonte: http://www.somosninguen.org/


Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
15 de maio de 2014 19:53
________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon