mércores, agosto 06, 2014

Esquerda Unida pronuncia-se sobre a anulación da poxa especulativa dos terreos de Defensa en Esteiro e sobre o rexeitamento de Bruselas para que Navantia constrúa o dique flotante

Esquerda Unida pide a anulación da poxa especulativa dos terreos de Defensa en Esteiro. | A obtención de plusvalías por medio da venda de terreos públicos, por nada menos que un mínimo 1,5 millóns de euros é un roubo á veciñanza de Ferrol, ante o silencio cómplice do goberno municipal. | Esquerda Unida de Ferrol dirixirase ao Ministro a través de Izquierda Plural no Congreso dos Deputados para tal fin.

A publicación no Boletín Oficial do Estado da poxa das parcelas 8C e 18.1 do Polígono de Esteiro, de máis de 1.500 metros cadrados, constitúe unha operación especulativa de envergadura do Ministerio de Defensa, unha institución que durante anos desprezou a lexislación fiscal negándose a pagar o Imposto sobre Bens Inmobles ao Concello de Ferrol, malia a ocupar un vinte por cento dos terreos municipais, e que, agora, sen ningún tipo de negociación ou procura de convenio, saca á venda pública os terreos que lexitimamente corresponderían ao Concello de Ferrol, unha vez desafectados de usos militares.

Cabe lembrar que mesmo a parcela 8C, confluencia entre a Avenida de Vigo e a Avenida de Esteiro foi  embargada polo impago do IBI no ano 2007 por un concelleiro de facenda, un tal Rey Varela, quen argumentaba ese embargo en defensa dos intereses da cidade. Semella que eses intereses da cidade xa non concordan cos do goberno municipal, polo silencio clamoroso que mantén ante este roubo a man armada para a veciñanza de Ferrol destes terreos, que ben poderían ter usos dotacionais e de servizos para a cidadanía.

A área de urbanismo de Esquerda Unida quere incidir que unha desas parcelas está afecta ao antigo INVIFAS (Instituto de Vivenda das Forzas Armadas) co que o seu uso non era militar estritamente, razón de máis para cualificar esta operación como un pelotazo en toda regra, unha especulación infame que usurpa dos dereitos a espazos públicos á cidade de Ferrol.

A actitude entreguista e sumisa do alcalde de Ferrol respecto ao Ministerio de defensa comeza a ser clamorosa:

  • Hai un convenio metido nun caixón, polo que se ían ceder terreos (previo pago da abusiva cantidade de medio millón de euros das arcas municipais) do que nada se sabe e pendente “duns flecos” dende hai meses
  • Hai unha residencia universitaria con unha demanda que triplica á paupérrima oferta e que ben podería ser suplida coa cesión destes terreos para a construcción dunha nova residencia que dea impulso ao Campus de Ferrol, ou para a unificar todas as titulacións nun mesmo espazo físico: o barrio de Esteiro.
  • Apláudese con entusiasmo a decisión de Defensa de construír un BAM, cando son coñecidas as necesidades dunha Fragata, tanto para o propio ministerio como para que a carga de traballo dos nosos estaleiros palíe a sangría dos máis de 4000 postos de traballo perdidos na industria auxiliar.
Esquerda Unida insta ao goberno municipal que en lugar de vender o mantemento ordinario de rúas, reparación de fochas e viais como un gran Plan do goberno municipal, actúe ante o Ministerio de Defensa e solicite convenios de cesión de terreos para o uso público destas parcelas, ben sexa ligadas ao Campus ou ben para usos sociais, pero en ningún caso que se consinta a especulación e o enriquecemento inxusto coas propiedades que están no solo urbano do concello de Ferrol.  Pola nosa banda, a organización local de Ferrol dirixirase aos grupos de Alternativa Galega e da Izquierda Plural a pedir explicacións a este goberno metido a especulador inmobiliario co que é de todos e de todas.

Esquerda Unida de Ferrol nega que o dique sexa unha axuda estatal e demanda a súa dotación económica inmediata nos orzamentos da Xunta e do Estado. | O dique flotante, reivindicación história de EU, non é produción en si mesma, senón unha ferramenta de traballo necesaria para adaptarse a circunstancias excepcionais, que si permite o mencionado artigo 107 do TFUE. | A falta desa infraestrutura supón a renuncia a unha cota de mercado que outros países, como Francia co sector da automoción, si corrixiron  con fondos públicos sen que a UE puxera reparos.

O ditame da UE, con meses de retraso, en gran parte por neglixencia do goberno do Partido Popular, debe ser rexeitado unanimemente polas organizacións políticas, sindicais e a sociedade civil,  xa que é un golpe máis a un sector naval público noqueado, que tan só a unidade na loita e a firme determinación na resposta pode mudar en carga de traballo, ante a absoluta desidia do alcalde de Ferrol, a pouca forza de Feijoo e a intención clara de Montoro e Rajoy de deixar caer as gadoupas especuladoras das multinacionais sobre os terreos de Navantia Fene e Navantia Ferrol, botando o peche á única industria que nos queda.

Esquerda Unida de Ferrol, aínda que insiste en que non é axuda pública prohibida por ser o dique nada máis que unha ferramenta de traballo, considera que existen no propio tratado excepcións á regra xeral que non foron contempladas, nin esixida a súa contemplación polos gobernos da Xunta e o Estado. Así, no artigo 107  do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (TFUE) no apartado 2 b) menciónase a posibilidade destas axudas cando sexan destinadas a reparar prexuízos causados por acontecementos de carácter excepcional. Obviamente a ampliación no ancho do Canal de Panamá, que provocou a inmediata ampliación dos gaseiros para ter máis capacidade, deixou sen posibilidade de reparar estes buques a Navantia Ferrol, xa que logo non están adaptados os diques existentes aos novos tamaños, o que imposibilita a concurrencia competitiva con estaleiros franceses.

Por outra banda, o punto 3 do artigo 107 do TFUE prevé que poidan ser compatibles estas axudas cando estean destinadas a favorecer o desenvolvemento económico de rexións nas que o nivel de vida sexa anormalmente baixo ou nas que exista unha grave situación de subemprego.

Non fai falta moita reflexión e basta con analizar uns cantos datos, para decatarse de que Ferrolterra está nestas circunstancias: co 30% de taxa de desemprego, onde so un de cada tres traballan, 5000 persoas non perciben ningún tipo de prestación, o descenso demográfico é brutal retrocedendo en décadas, cunha alta taxa de pobreza, envellecemento e emigración

Dende Esquerda Unida instamos ao Presidente do Goberno a que na vindeira xuntanza que vai manter con Angela Merkel en Compostela, en lugar de detallar o Plan de axuste que teñen previsto de 45.000 millóns e que traerá máis recortes de dereitos sociais e sufrimento para as persoas, faga fronte a un problema que ameaza con facer tambalear o sector naval público e esixa a inmediata rectificación na decisión da Unión Europea, que permita dotar de partidas orzamentarias suficientes tanto na Xunta como no Estado esta ferramenta de traballo vital e estratéxica para os estaleiros da ría a poucos meses do fin do veto á construción civil, para unha Ferrolterra que xa está cansa de que os partidos da dereita se preguen aos ditados da Troika (a Comisión Europea é piar deste sistema) e asuman as súas decisións como lóxicas do mercado, quizais vai sendo hora de que impoñamos a lóxica da xente do común.

Ferrol, 5 de agosto de 2014
--
Esquerda Unida de Ferrol
R/ do Sol 124 Entrechán Esquerda
981944035

www.euferrol.org
https://www.facebook.com/esquerdaunida.ferrol
https://twitter.com/EUFerrol
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html

Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
5 de agosto de 2014 14:27
5 de agosto de 2014 16:04

Bo día, achégase nota de prensa relativa á poxa especulativa que o Ministerio de Defensa pretende facer con parcelas públicas de Esteiro e nota de prensa relativa ao rexeitamento de Bruselas para que Navantia constrúa o dique flotante. Un saúdo. Jorge Suárez Secretiario de comunicación

___________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon