luns, setembro 15, 2014

Tres consideracións e dúas preguntas sobre o Ateneo Ferrolán

Reunido o Colectivo Ártabra 21 e informado da situación que está sufrindo o Ateneo Ferrolán na nosa cidade, quere manifestar publicamente o apoio a esta entidade nos seguintes termos:
1º O PP, no seu día, cos seus votos no Pleno aprobou e promoveu a rehabilitación do edificio do Ateneo. Para levar a termo esta rehabilitación se lle esixiu ao Ateneo o traslado do seu patrimonio. Este traslado e almacenamento realizouno unha empresa privada (Mudanzas Félix), no lugar de utilizar recursos municipais, e o Ateneo asinou o contrato de arrendamento dos contedores coa seguridade de que os custes estaban incluídos nos orzamentos da rehabilitación.

2º Hai máis dun ano que o Ateneo ven demandando ao Concello que asuma responsablemente a débeda adquirida polo traslado e custodia do patrimonio do Ateneo. Esta débeda non parou de medrar desde que finalizaron as obras de rehabilitación. Ante a denuncia presentada no xulgado por Mudanzas Félix, para esixir do Ateneo o pago de 39.000 euros en concepto de aluguer de contedores, cumpre que o Concello, como responsábel e promotor da rehabilitación do edificio, asuma a súa responsabilidade e poña fin a esta situación.

3º A actuación por parte do PP até este momento, só se pode clasificar como de acoso á entidade Ateneo Ferrolán. A rehabilitación do edificio realizouse sen local alternativo onde desenvolver as súas actividades; se lle reclúe na parte alta do edificio, agora rehabilitado, que levaba sendo a sede da entidade desde case 30 anos, e agora se pretende, mediante á privatización da xestión, outorgada á multinacional EULEN, acabar cun modelo de autoxestión cultural, que permitía un espazo de liberdade e independencia aberto a toda a cidadanía e ao tecido asociativo da nosa cidade, e non supoñía custe nas arcas municipais.
O Colectivo Ártabra 21 estaría moi interesado en que o Sr. Alcalde respondera a estas dúas preguntas:
As entidades de Ferrol, teñen que, a partir de agora, estar alerta e  sospeitar que as melloras que se leven a cabo por parte do concello, nos edificios de propiedade municipal que utilizan, vanlles supoñer prexuízos económicos e xudiciais como lle ocorre ao Ateneo Ferrolán?

En que parte do programa electoral se recollen todas estas actuacións, incluíndo o acordo coa empresa EULEN, que no nome da austeridade, privatizan servizos que resultan máis caros para a cidadanía que a xestión pública e as iniciativas sociais de autoxestión?
Reiterar o noso apoio à concentración que convoca o Ateneo Ferrolán, co apoio dunha parte moi importante do tecido asociativo e cultural da cidade, para este martes 16 de setembro na Praza do Concello, ás 8 da tarde, para esixirlle ao goberno municipal que asuma as responsabilidades contraidas e se encargue dos gastos do traslado e almacenamento do patrimonio da entidade por mor das obras de rehabilitación do edificio que realizou o Concello.

Ferrol, 14 de setembro, de 2014

Colectivo Ártabra 21

Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
Ferrol Terra de Trasancos e Bezoucos
  
Correo-e: artabra21@gmail.com
Sitio-e: http://artabra21.blogspot.com/
___________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon