venres, decembro 26, 2014

Por que baixa o petróleo? (Análise I: Manuel Amigo)


Comezamos con este artigo de opinión do noso compañeiro Manuel Amigo unha serie de análises que iremos publicando nos vindeiros días acerca da actual baixada do prezo do cru.


Nestes días os peakoleiros somos obxecto mesmo de burla nos foros polos que nos movemos, por parte de optimistas, tecnoptimistas e habitantes varios da terra plana, debido á caída dos prezos do petróleo que estes atribúen a un aumento de oferta producido pola implementación en USA do fracking, o que segundo eles traslada o pico da extracción de petróleo un pouco máis adiante do infinito e máis alá.

Esta alegría só se ve empanada por un pequeno detalle que atenta contra toda lóxica económica: resulta que a caída dos prezos do petróleo e de todas as materias primas, no canto de catapultar as bolsas mundiais para arriba está a cadrar coas maiores caídas que se lembran nos mercados.

O mundo está a vivir as derradeiras fases dunha curta época de excepcional abundancia de recursos. Os que nos pastorean sábeno dende que llelo avisou o Clube de Roma no 1972, e dende a decada dos 80 veñen implementando un modelo económico baseado na abundancia de crédito barato orientado a preparar a transición a un mundo con escasos recursos.

Esta transición ciméntase na consecución dun obxectivo básico: reforzar o dominio das elites mundiais sobre a plebe no momento en que a posta en evidencia da escasez de recursos pode derivar en revolucións que alteren a orde estabelecida.

Este crédito barato xestionado con intelixencia actúa coma unha verdadeira arma de destrución masiva sobre a economía das clases humildes pois drena a súa riqueza cara ás elites impóndolles unha débeda odiosa que converte estas e as vindeiras xeracións en escravos de facto. Desprovistos de acceso aos recursos, aos medios de produción, e endebedados ata as cellas, quedan totalmente a mercede do que as elites decidan para eles nun futuro que xa teñen planificado.

Pero imos ao caso concreto do petróleo. A partir do 2005, e coincidindo co Peak Oil (o do petróleo cru, recoñecido anos máis tarde pola Axencia Internacional da Enerxía), as elites puxeron en marcha a derradeira e máis brutal campaña de crédito barato da historia da humanidade co mesmo obxectivo que vimos de explicar, pero co obxectivo engadido de daren viabilidade a unha economía mundial que cos prezos do petróleo por riba dos 100 dólares/barril sinxelamente había de colapsar.

O que interesa e unha demolición controlada, non o colapso do sistema. Así, cada repunte do prezo do petróleo foi acompañado pola saída dos helicópteros dos bancos centrais a botaren billetes… billetes que de ningunha maneira serven para reactivar a economía ou por en marcha recuperación algunha, xa que ao ser fisicamente imposíbel que a economía continúe a medrar, esta axústase mediante o peche de empresas, o aumento do paro, os axustes dos gobernos, aumento da morosidade, impagamentos, aumento exponencial da débeda e caída da calidade da mesma e, consecuentemente, unha caída brutal da demanda de petróleo.

Esta baixada da demanda é a verdadeira causa da baixada do prezo do petróleo. Non hai demanda porque a actividade económica nos países do chamado primeiro mundo está en mínimos, e se temos en conta que os prezos do petróleo son a futuro (para entrega en tal data), non semella que se enxergue sinal esperanzador algún.

Pero aínda cómpre dicir máis. Temo que, así como o petróleo chegou ao seu Teito no ano 2005, a capacidade de endebedamento neste mundo finito está total e absolutamente superada; é dicir, xa estamos no punto en que a débeda per capita é tal que xa abonda para asegurar a escravitude das vindeiras xeracións. Así e todo, estamos no punto de risco de que a poboación se percate de que está a ser timada, pois non se lle pode deber a alguén 100 veces o valor do planeta.

Así, o prezo do petróleo baixará, as inversións precisas para asegurar a produción non se farán (porque xa non hai máis crédito dispoñíbel), os países produtores non cubrirán os custes de extracción (polo que se deixarán de explotar pozos), o crédito preciso para os medios de explotación máis custosos non fluirá (a quebra de moitas empresas extractoras estará asegurada), as economías dos países produtores resentiranse reducindo de paso a demanda de petróleo e arrastrando para abaixo o prezo do mesmo (as caídas do prezo do barril poden ser brutais).

Sendo así as cousas, o que se presenta como unha boa noticia para as economías mundiais é en realidade o comezo dun colapso económico mundial: témese un default de Rusia, Venezuela semella ao borde do colapso, os países Árabes na corda frouxa e o fracking made in USA a punto de estoupar coma unha castaña.

O que está claro é que unha recuperación da economía xa é de facto imposíbel, xa que en canto a demanda de petróleo que iso requerería aumente, a escasez de oferta disparará os prezos a niveis inamisíbeis.

…Vivimos tempos interesantes, abofé que si.

Publicado en Véspera de Nada. | 24.12.2014
___________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon