Os prognósticos para 2015 non son prometedores, dado o feito de que os cambios positivos que se produciron en 2014 non son sostíbeis e están ameazados polo xiro máis cara á dereita da política estadounidense.
Por James Petras [*]
21.01.2015
Introdución
O balance de 2014 e as perspectivas para 2015 proporciónannos un panorama complexo con resultados negativos e positivos. Na maioría dos casos, os progresos a escala mundial non son para se asustar senón acontecementos que se abren a novas posibilidades. Porén, os sucesos negativos teñen maiores e máis ameazantes consecuencias sistémicas.
Procederemos a esbozar sucintamente os sucesos -tanto positivos como negativos- de 2014 e o seu impacto real e ao mesmo tempo potencialmente simbólico e significativo. Na segunda parte do ensaio, sintetizaremos algúns dos máis importantes acontecementos e a forma en que os resultados tanto positivos como negativos de 2014 repercutirán en 2015.
Sucesos positivos de 2014
Mentres a meirande parte dos autores de esquerda e progresistas puxeron a énfase nos acontecementos negativos de 2014, unha análise máis matizada revelaría 10 importantes resultados positivos.
1. As revelacións de que a Axencia de Seguridade Nacional (NSA, polas súas siglas en inglés) de Estados Unidos estaba realizando actividades de espionaxe -continuas e desde hai moito tempo- a escala mundial contra centos de millóns de estadounidenses, aliados e adversarios, cidadáns e líderes, provocaron unha profunda desconfianza e puxeron en cuestión as declaracións de Washington sobre a súa defensa da democracia e o seu respecto da soberanía das nacións. As revelacións conduciron a un aumento da vixilancia entre países e a demandas nacionais de cambios.Acontecementos negativos de 2014
2. A publicación do informe do Senado de Estados Unidos que revelou a implicación da CIA en torturas realizadas repetidamente en todo o mundo a sospeitosos políticos documentou o crecemento do aparello policial estatal e provocou a escala mundial unha esixencia de levar aos tribunais a prominentes líderes de EEUU por crimes contra a humanidade.
3. O crecemento de vínculos económicos, políticos e militares entre Rusia e China agoira un novo equilibrio do poder mundial e a aparición dun mundo multipolar, que podería disuadir a Occidente de futuras agresións imperiais.
4. A profundación da campaña anticorrupción emprendida polo presidente de China Xi levou á detención de personalidades de primeira liña dos negocios e a política, e animou as denuncias e as esixencias populares polo “bo goberno” e máis atención ás reivindicacións sociais.
5. O apoio do presidente Putin á resistencia ao réxime títere no leste de Ucraína e aos separatistas de Crimea, como tamén as súas medidas para restrinxir e, nalgúns casos, levar a xuízo a oligarcas cuxos comportamentos son criminais contrarrestou con éxito os esforzos de Occidente destinados a cercar, socavar e devolver a Rusia á condición de estado vasalo. Os neoliberais apoiados por EEUU e a OTAN no interior de Rusia foron gravemente debilitados e as sancións occidentais poden fortalecer o que se fai para socializar a economía.
6. A inauguración dun diálogo con Cuba e o recoñecemento de Washington de que o bloque de medio século só serviu para illar a EEUU de América Latina, son un paso na boa dirección. O aumento do turismo e as misións económicas poden incrementar as esixencias a prol dun levantamento do bloqueo.
7. O crecemento e a expansión de Boicot, Desinvestimento e Sancións (BDS) contra a ocupación israelí de Palestina chegou até os sindicatos máis grandes e as organizacións estudantís e relixiosas, o que á súa vez empurrou a moitos líderes políticos cara ao recoñecemento de Palestina, impoñéndose á enorme oposición das 52 principais organizacións xudías de EEUU e as súas equivalentes no estranxeiro.
8. As negociacións pola paz e o control nuclear entre Irán e EEUU rebaixaron a posibilidade dunha guerra rexional iniciada por Israel. As negociacións en curso rexistraron algúns avances, sobre todo concesións por parte de Irán, pero polo menos favoreceron a diplomacia fronte á agresión militar estadounidense.
9. América Latina está vivindo unha expansión de gobernos de “centroesquerda” en detrimento daqueles de “dereita dura” liberais apoiados por Estados Unidos: Brasil, Venezuela, Chile, Uruguai, Ecuador e Bolivia. Aínda que é certo que estes resultados electorais non desafían o capitalismo nin conducen á expropiación das elites agrarias, mineiras e financeiras, mostran certo grao de independencia en relación coa política exterior netamente militarista de Estados Unidos. A elección do presidente Santos en Colombia e a derrota do candidato da extrema dereita permiten que as negociacións de paz coas FARC -a guerrilla popular- avancen cara a un acordo definitivo.
10. A gran difusión de gravacións multimedia de prominentes científicos, que dan testemuño e documentan a demostrada proba de que o colapso do World Trade Center só puido deberse a unha demolición controlada e non ao impacto dos avións, fixo que se estendan as demandas dunha nova investigación do 11-S.
Os acontecementos e políticas máis importantes con consecuencias fondamente negativas no panorama da paz e a xustiza social tamén son moitos:
1. A instalación por parte de EEUU e a Unión Europea dun réxime títere no oeste de Ucraína (Kiev) e a súa conversión nun estado economicamente vasalo da UE e a OTAN na fronteira de Rusia é un golpe moi importante contra a democracia e un apoio para os xefes políticos neofascistas de Ucraína. A militarización de Ucraína, en tanto adversario de Rusia, xera a ameaza dunha guerra nuclear a escala mundial.Perspectivas para o novo ano
2. O golpe de estado militar en Exipto e a violencia desatada a partir del, con purgas, encarceramentos e tortura de funcionarios electos e disidentes laicos propicia o regreso da influencia estadounidense no norte de África e reforza o bloqueo israelí de Gaza e Cisxordania. Segundo o IMF, termináronse os subsidios ao transporte e os alimentos. Como resultado da política ditatorial dos militares en favor dos negocios, en 2014 o índice da Bolsa exipcia devolveu o 30 por cento aos especuladores estranxeiros e nacionais. Entre o golpe de mediados de 2013 e o final de 2014, o índice M5CI da Bolsa de Exipto duplicouse.
3. O regreso de Estados Unidos á guerra civil en Iraq, os seus bombardeos aéreos en Siria para parar os avances do ISIS e a súa decisión de manter varios miles de soldados en Afganistán significan que o militarismo das pasadas décadas continua definindo a política exterior de EEUU en Oriente Medio. As baixas civís crecen e as guerras non dan sinais de que vaian acabar. A devastación causada pola intervención militar de EEUU e a OTAN continúa estimulando o extremismo islámico e provocando a fuxida de civís.
4. En repetidas veces, EEUU apoiou a Israel no espolio e a colonización de territorio palestino en Cisxordania e Xerusalén, e o salvaxe asasinato de 2.000 palestinos e a devastación das propiedades en Gaza por un valor de 5.000 millóns de dólares. Aguilloado polos multimillonarios sionistas e por AIPAC, Estados Unidos bloqueou todos os esforzos que a Autoridade Nacional Palestina realizou para conseguir o seu ingreso nas Nacións Unidas mediante a presión exercida sobre os representantes africanos no Consello de Seguridade.
5. A defensa que o presidente Obama e o Congreso fixeron da espionaxe da NSA e da tortura da CIA debilitou aínda máis o que quedaba de garantías constitucionais en EEUU.
6. A vitoria lograda pola dereita máis dura nas eleccións lexislativas de EEUU significará problemas moi importantes nas conversas de paz con Irán, na fin do bloqueo de Cuba e na política gobernamental de expulsión de inmigrantes.
7. As protestas realizadas en Ferguson contra o asasinato dun mozo negro por parte da policía convertéronse nunha protesta de alcance nacional (“a vida dos negros importa”) contra a impunidade e a violencia policiais que contén todos os trazos dunha mobilización popular que busca a democratización do país. Isto deu lugar a que os axentes de policía e os sindicatos policiais lanzasen un importante contraataque e se mobilizasen para defender o poder policial, capitalizando no seu proveito o asasinato de dous policías de Nova York realizado por unha persoa exasperada.
8. O éxito estadounidense -co apoio da UE- na imposición de sancións contra Rusia, o aumento dos exercicios militares xunto á fronteira báltica de Rusia e no Cáucaso, ameazan converterse nunha confrontación nuclear.
9. A promoción por parte de Washington de pactos económicos cos países de Asia e o Pacífico, excepto China; os acordos militares de base con Xapón, Australia e Filipinas; e a expansión da vixilancia aérea e marítima das costas chinesas, de xeito evidente provocativo, debilita calquera perspectiva de que a Casa Branca contemple a posibilidade de que China chegue a ser unha potencia mundial.
10. As políticas económicas continúan concentrado a riqueza no 1 por cento máis rico da pirámide social mentres os banqueiros investidores evitan ir ao cárcere por estafas de miles de millóns de dólares e operacións ilícitas, sentando así as bases dunha nova crise financeira.
Os prognósticos para 2015 non son prometedores, dado o feito de que os cambios positivos que se produciron en 2014 non son sostíbeis e están ameazados polo xiro máis cara á dereita da política estadounidense.
O máis probábel é que a nova maioría dereitista no Congreso fará todo o posíbel para impedir o fin do bloqueo económico de Cuba. É moi factíbel que a poderosa configuración en favor de Israel no Congreso, os medios de información e o Tesouro impoña unhas esixencias tan gravosas e unilaterais a Irán que imposibiliten calquera acordo significativo. En Israel, é posíbel que os partidos neofascistas de extrema dereita consigan o poder moi axiña en 2015 e que isto signifique a aceleración do espolio de terras e a colonización de territorio palestino, pechando así calquera perspectiva dun acordo negociado. Os poderosos grupos de presión sionistas en Washington garantirán a continuidade do apoio estadounidense a Israel.
A administración Obama, cegada polos seus éxitos na obtención de apoio a EEUU polas súas sancións contra Rusia, presionará aínda máis forte por unha guerra económica a gran escala, coa esperanza de derrubar o goberno de Putin.
O incremento no envío de tropas e o compromiso militar no sur de Asia, en Oriente medio e na rexión do Báltico fará crecer aínda máis as tensións económicas con Chinesa e Corea do Norte, tal como sucede con Rusia.
Obama traballará xunto coa nova á dereita do Congreso para diminuír os impostos ás grandes corporacións co fin de alfombrar o camiño dos tratados de libre comercio con Europa (agás Rusia) e Asia (excepto China), e reforzar o arbitrario poder policial da CIA, a NSA e o FBI.
A policía, organizada e mobilizada, avanzará aínda máis cara á subordinación das autoridades civís e lanzará unha guerra a gran escala contra os movementos que cuestionan a violencia policial contra os cidadáns afronorteamericanos. A enorme demostración de forza das manifestacións en Nova York en defensa da policía foi un ensaio xeral de cara a 2015.
A economía estadounidense chegará a ser aínda máis asimétrica, desequilibrada e suxeita a volatilidade financeira. Os cidadáns estadounidenses de clase media e traballadora veranse máis alienados dos partidos, os órganos lexislativos e o poder executivo; como consecuencia diso, aumentará a abstención. Porén, moitos estadounidenses loitarán para elixir a representantes populares nas eleccións locais e poñer en marcha iniciativas alí onde viven.
Fóra das súas fronteiras, EEUU será incapaz de conseguir ningunha vitoria militar decisiva en calquera dos teatros de guerra. É probábel que o ISIS en Siria e Iraq continúe ocupando porcións importantes de territorio e sostendo unha guerra a longo prazo. Eventualmente, os talibáns rodearán as grandes cidades e guarnicións onde se refuxian os asesores estadounidenses. É posíbel que Ucraína precipítese a unha creba económica. No sur de Europa, o partido de socialista esquerda SYRIZA pode gañar as eleccións; seguramente intentará impoñer unha moratoria no pagamento da débeda e estimular a economía. Os réximes neoliberais de Italia, o Estado español e Portugal continuarán a súa deterioración. En Francia, a adopción dunha axenda favorábel aos negocios por parte do goberno socialista conducirá a un incremento do conflito cos sindicatos e unha posíbel fractura. A Fronte Nacional pode converterse no principal partido e adoptar posicións tanto de dereita (contra a inmigración) como de esquerda (contra a austeridade propugnada pola UE). É probábel que nas oito eleccións programadas para este ano na UE se dea un aumento do apoio a partidos e movementos de esquerda, populistas e de extrema dereita.
A axitación, as guerras e as sancións producirán novos aliñamentos políticos. Así como Rusia e China se están achegando neste sentido, tamén forzas políticas de América do Norte e do Sur, de Asia e de Oriente Medio poden atopar novos aliñamentos provocados polos acontecementos. Arabia Saudita e Israel, Irán e Iraq, Turquía e Rusia, Brasil e Venezuela...
Desafíos imprevistos poden xurdir de protagonistas menores e maiores: un novo goberno de Syriza en Grecia que rexeite acatar a axenda de austeridade de Berlín pode provocar unha crise moi importante na Unión Europea. A campaña contra a corrupción emprendida por China pode derivar nun aumento das protestas populares. As dúas Coreas poderían iniciar unhas negociacións buscadas desde hai moito tempo... excluíndo a Estados Unidos.
Co comezo de 2015 iniciamos unha viaxe cara ao final da noite...
[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 8 de xaneiro de 2015]
Traducido e publicado por Avantar.
[*] James Petras -nado en 1937, é profesor emérito de socioloxía na Universidade de Binghamton, Nova York. Traballou co Movemento dos traballadores sen terra do Brasil e co Movemento dos parados da Arxentina. É autor de diversos libros, entre os que salientan: The Power of Israel in the United States (2006), Social Movements and State Power: Argentina, Brazil, Bolivia, Ecuador, con Henry Veltmeyer (2005) e Globalization Unmasked: Imperialism in the 21st Century, con Henry Veltmeyer (2001). Web oficial: http://petras.lahaine.org/
__________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon