mércores, xaneiro 21, 2015

Meu deus! que soiños fican os presos enfermos!. ... Por Xaquín Campo Freire

MEU DEUS! QUE SOIÑOS FICAN OS PRESOS ENFERMOS!
SÓ SEI UNHA PALABRA: ¡GRAZAS!

Por Xaquín Campo Freire [*]
18.01.2015

Onde hai cárceres, tamén hai un hospital de referencia. Alí adoita estar constituída unha unidade de custodia para presos. Moitos están moi doentes e sempre moi sos. Moi doentes e moi sos. Pero coa alma aberta ao agarimo, á amizade e quizais esperando unha gran reconciliación coa súa propia vida, con Deus, coa súa familia, coas vítimas. Hai fame de paz e palabra, Pero sobre todo de escoita activa e empática.

Os capeláns de prisións nin sempre saben da existencia desta unidade. ¡Que inmensa é a soidade dos doentes presos! Meu Deus! recordando a Bécquer: ¡Que soíños fican os presos! 

Estivo cinco meses encamado, en absoluto decúbito supino, sen poder pórse en bipedestación nin en posición lateral. “Chapado” con chave naquel habitáculo, mirando día e noite ao branco teito.

Vinte e catro anos. Somalí. Levaba un ano sen poder comunicar coa familia. É de relixión musulmá. Dunha recia espiritualidade da África negra, con gran vida interior, moita paciencia e confianza en Alá e na vida. Moi boa persoa.

Decidiron, por fin, operalo. Foron tres intervencións de nove horas cada unha. Íalle niso a súa existencia. El era ben coñecedor de todo. Comunícase ben nun español de nivel elemental tirando a bo e con boa comprensión. Tivo varias complicacións: un neumotórax e outras dúas aspiracións no abdome.

Grazas á nosa sanidade pública, de calidade e aínda case universal. A ver se os especuladores coa saúde do pobo humilde non son quen de acabaren con todo polo camiño que levan.

En Pastoral Penitenciaria debemos facernos máis presentes. Debemos coordinar esta acción cos capeláns do mesmo hospital e coa Pastoral da Saúde. Tamén con Cáritas. Cómpre tomar conciencia da presenza dos presos doentes e da súa gran soidade. E entrarmos en relación, sempre con todo respecto, coas forzas de seguridade encargados da vixía. ¡Canto lle axudaron a diario a Willy! E asemade aos outros.

Os policías de custodia foron excelentes. Sábeo el e tamén eu, que fun testemuña repetidas veces, do boas persoas que foron desde todos os puntos de vista. Un exemplo que merecía un relato máis amplo polos moitos detalles de proximidade e gran humanidade con el e cos demais. Grazas a eles a súa soidade foi moitísimo menor. Aquelas bromas, sempre no seu lugar, e tamén  as alegrías, foron impagables. O persoal sanitario, moi profesional, ético e próximo. Para eles toda gratitude.

Eu cheguei a Willy por notificación e consello de D. Dionisio, o educador. Funo a visitar cada semana. Falei cos médicos. E establecín unha corrente de información respectuosa entre o enfermo e vós, os compañeiros. Atención a isto: El chámavos: “A súa familia”. ¡Que lonxe se atopa dos seus! Conseguiuse permiso da Dirección de Teixeiro para comunicar coa súa nai desde o hospital. Unha hora de palabras, bágoas e gratitude. Logo dun ano, críano morto e desaparecido para sempre. Nos ollos dos axentes de policía vin bágoas de emoción. A experiencia abriunos “os ollos do corazón” a todos ¡Que inmensa é a soidade dos estranxeiros, refuxiados, migrantes, mulleres e nenos, pobres e enfermos!

Leveille, con autorización, os vosos agasallos de manualidades a Willy, que el repartiu aos que o coidaban. Tamén dúas cariñosas cartas que foron lidas e relidas infinidade de veces por el, polos axentes da autoridade e polo persoal sanitario. Sabían que isto lle daba paz. Queridos amigos do módulo 7: Cinco meses mirando a un teito branco coa súa saúde deteriorada, coa vida en risco, foi unha proba enorme. Vin a súa fe e o seu afán por loitar. rezamos xuntos. El a Alá e eu, con el, ao único e mesmo Deus que existe máis aló dos nomes con que nós o poidamos coñecer. É inmenso o ben que lle fixestes a Willy. E a min tamén por poder ser portador de mensaxes de vida, de agarimo, de humanización, de esperanza.

Actualmente está xa entre nós. En lenta pero franca recuperación. Con moitas ganas de vivir Só teño unha palabra: Grazas. Primeiro a Willy polo exemplo e forza interior. Só alguén espiritualmente tan forte é capaz de resistir con tanto empuxe unha proba tan difícil. Grazas a D. Dionisio. Desde a súa gran discreción estivo acertadamente en todo momento axudando ata onde nin nos damos conta. Grazas a D. Carlos, o señor Director, e a Dª Adela. Deles só recibín facilidades, sempre dentro da legalidade. E moitísimas grazas a todos vostedes, amigos do módulo 7, por todo o ben e axuda que fixestes ao noso irmán doente. Víao chorar cos testemuños da vosa sincera amizade. E vinvos a vós preocupados, solidarios e moi alegres cando vos daba noticias esperanzadoras del. Sinceramente: ¡Grazas! Non sei outra palabra.

[*] Xaquín Campo Freire [Xaquín da Roca],  Narón 1937, é un relixioso galeguista. Graduado social, ATS pola Universidade de Santiago de Compostela, a diplomatura en Xerontoloxía Social pola Universidade Complutense de Madrid e é licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria, pola Universidade Camillianum de Roma dende 2005. É membro do consello de redacción da revista Encrucillada así como membro ordinario da AELG. Traballou de enfermeiro no PAC de Fene e de capelán de Residencia de Anciáns. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e da Escola de Saúde e Centro de Escoita Activa Mons. Araúxo.

Enviado por:
Xaquin Campo Freire
-xaquinderoca@gmail.com-
21 de janeiro de 2015 12:18

___________ ___________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon