martes, xaneiro 20, 2015

A vitoria de Syriza sería o punto de partida da batalla contra as medidas de austeridade da Troika - A eurodiputada galega Lidia Senra participa nunha delegacións internacional de apoio a Syriza


Lidia Senra está participando na primeira das dúas delegacións internacionais de apoio a Syriza coordenadas polo GUE-NGL. | "A vitoria de Syriza sería o punto de partida da batalla contra as medidas de austeridade da Troika". | Sanidade e educación, os dereitos sociais máis duramente atacados polas medidas de austeridade impostas pola Troika en Grecia.


Finalizou a primeira das dúas delegacións parlamentarias desprazadas a Grecia polo Grupo Confederal da Esquerda  Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE-NG) en apoio a Syriza.

A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) Lídia Senra, xunto ca presidenta do GUE-NGL Gabi Zimmer (Die Linke), a eurodeputada portuguesa do Bloco de Esquerdas Marisa Marías e o eurodeputado alemán Stefan Eck (independente), son as persoas integrantes desta primeira delegación.

Durante esta visita, aliás de coñecer de primeira man a situación do pobo grego, a participación en espazos con medios de comunicación e o mantemento de xuntanzas con representantes da formación política de esquerdas Syriza, as eurodeputadas do GUE-NGL mantiveron contactos con representantes sindicais que lles trasladaron unha análise pormenorizada das nefastas consecuencias que para a poboación grega están a ter as medidas de austeridade impostas pola Toika no país heleno.

Dende Atenas, Senra salienta que "a educación e a sanidade son dous dos sectores máis duramente golpeados polos recortes da Troika en Grecia". "Mantivemos unha xuntanza cun dos sindicatos de profesoras e profesores, onde puidemos constatar a terríbel situación de deterioro da ensinanza no país logo do despido de máis de 10.000 traballadoras e traballadores dende o ano 2009", relata a eurodeputada galega. E a esta forte redución do profesorado cómpre engadirlle tamén que "hai milleiros de profesoras e profesores que non están despedidos pero que se atopan en situación de 'suspensión', polo que as escolas non contan con persoal abondo".

A nivel sanitario, "están pechados case todos os centros de asistencia primaria", constatou, sendo moi admirábel a reacción do pobo grego, que foi quen de crear un servizo de clínicas de asistencia sanitaria social autoxestionadas para non deixar desatendida a ningunha persoa. "A sociedade organizouse e constituíu unha rede de clínicas de saúde por toda Grecia, dezasete delas en Atenas, que funcionan grazas á forte implicación da xente. Teñen tamén unha farmacia solidaria, subministrada a base de doazóns de medicamentos, e a onde acoden aquelas persoas que non poden pagar os tratamentos".

Xunto co resto da delegación internacional do GUE-NGL, Lídia Senra participou en varios actos da campaña electoral de Syriza en distintos barrios de Atenas. Tamén tivo a posibilidade de se  reunir con mulleres empregadas na limpeza do Ministerio de Economía grego, que levan xa 259 días en folga, acampadas diante desta institución, "dando a batalla pra que se manteña o emprego público na limpeza dos edificios gubernamentais". 

Dende Atenas, a eurodeputada de AGEe valorou tamén que, en relación á situación de ataque aos dereitos sociais por parte das medidas de austeridade impostas dende a UE, "aquí a destrución dos servizos públicos está máis avanzada, pero na Galiza  tamén vemos como as políticas de austeridade atacan fortemente á ensinanza e á sanidade, como cada vez máis persoas teñen dificultades para acceder aos servizos sanitarios, como despiden cada vez máis mestres e mestras, non se cobren as prazas do profesorado xubilado, etc." Neste senso, "é moi de valorar o esforzo e a decisión do pobo grego, que está organizado en base a redes de solidariedade para que ningunha persoa teña que padecer esta cruel crise en solitario" .

Para Senra, a vitoria de Syriza en Grecia, "é moi importante porque entendemos que vai iniciar un camiño para darlle a volta ás políticas da Unión Europea, por iso estamos aquí, porque pensamos que será o punto de partida da batalla contra as políticas de austeridade que estamos dando os pobos de Europa en xeral, e do sur en particular, para poñer os dereitos das persoas por diante dos intereses do Capital".

Aliás, Aternativa Galega de Esquerda en Europa quixo tamén expresar o seu pleno apoio a Syriza no proceso electoral en curso participando nunha campaña internacional de apoio por parte de distintas organizacións políticas da esquerda europea.

A eurodeputada de AGEe fixo parte desta campaña destacando a esperanza de que a vitoria de Syriza en Grecia sexa "a vitoria de todos os pobos do sur de Europa que estamos a sofrer as consecuencias dunha débeda que está a destruír os nosos servizos públicos, os nosos postos de traballo, que está a destruír as nosas vidas"[1], e desexou "todo o mellor para a vitoria de Syriza e a vitoria de tódolos pobos de Europa".

Atenas, 19 Xaneiro 2015.


[*] Lidia Senra, eurodiputada, da Alternativa Galega de Esquerda en Europa, no Grupo Confederal da Esquerda Unitária Europeia/Esquerda Nórdica Verde.

Máis información:
Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa-GUE/NGL | Tlf: 609 845 861 lidia.senra@europarl.europa.eu |

Información baseada na enviada por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
19 de janeiro de 2015 18:43
__________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon