Coa escusa da crise económica e da "austeridade" que nos queren impor os gobernos nacional, estatal e europeo en conxunto cos poderes económicos, a situación de miseria, explotación e recortes leva sendo moito tempo inaguantable e intolerable para o pobo. O desastre non deixa de medrar e só nós podemos paralo.
Esta situación chega tamén ao estudantado, que ve como os dereitos acadados polas xeracións anteriores están a ser destruídos en beneficio duns poucos. Porén, eses poucos non saben que estamos dispostas a saír a rúa para loitar polo noso presente e polo noso futuro, para dicir dunha vez por todas que xa abonda.
Xa abonda da destrución e privatización do ensino público e gratuíto coa escusa da xeración de beneficios. Xa non nos tragamos a súa grande estafa, que non busca outra cousa que manter os privilexios dunha minoría.
Xa abonda dunha educación patriarcal, que segrega por sexos e que oprime á muller en defensa dos seus valores retrógrados. Un ensino que eduque en igualdade non só é necesario, senón que é de xustiza.
Xa abonda de ataques á nosa lingua: mentres que as estatísticas mostran un alarmante descenso no número de galegofalantes, o goberno autonómico impón a redución do seu uso nas aulas, retrotraéndonos unha vez máis a eses tempos nos que falar galego era de bárbaros.
É hora de defender o que é noso, o que queremos que sexa de todas e non duns poucos; é hora de saír ás rúas para defender o público. Quérennos caladas pero nós imos alzar as nosas voces nun berro unitario: por iso, este 26 de febreiro apoiamos as mobilizacións galegas por un ensino popular, científico, antipatriarcal e galego.
Pola dignidade das estudantes!
Pan, traballo e teito!
---
En Ferrol convocan unha manifestación:
Sindicato de Estudantes, por unha banda e o e o sindicalismo estudantil nacionalista por outra, contra o “Decreto 3+2” e en defensa da Universidade Pública e un ensino popular, científico, antipatriarcal e galego.
MANIFESTACIÓN:
Xoves, 26 de febreiro, ás 12 hs, na Praza Amada Garcia, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia.
_________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon