“Sionismo, limpeza étnica e infancia”, mesa redonda e proxeccións no Ateneo Ferrolán
A Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), BDS-Galiza (Campaña Internacional de Boicote, Desinvestimentos e Sancións contra Israel) e o Ateneo Ferrolán organizan unha palestra para reflexionar e debater arredor do xenocidio que se está a cometer en Palestina e que, como sabemos, ten especial incidencia sobre a poboación infantil. Contarase coa presenza de Elvira Souto e Lucía Barros, activistas de BDS-Galiza que presentarán sendos relatorios arredor da situación da infancia en Palestina e a xornada completarase coa proxección da curtametraxe Película urgente por Palestina, do cineasta galego Alberte Pagán.
O acto terá lugar o vindeiro Venres 27 de febreiro ás 19:30 horas no Ateneo Ferrolán (Rúa Magdalena 202-204).
A sesión dará inicio coa proxección da fita do cineasta de Carballiño Alberte Pagán Película urgente por Palestina. A curtametraxe, gravada en Palestina polo propio director en 2012, preséntase no propio texto en off do filme como “un panfleto sobre o sufrimento cotiá, sobre o sufrimento histórico, sen imaxes, sen palabras”. Pero, a pesar dos seus escasos 15 minutos de duración, a obra de Pagán consegue ir máis aló da mera denuncia, reflexionando sobre os camiños nos que o cinema pode (e debe) representar o xenocidio.
Tras a proxección terán a palabra dúas representantes de BDS-Galiza, a Campaña Internacional de Boicote, Desinvestimentos e Sancións contra Israel que, segundo se le no seu lema fundacional, agroma como unha resposta á colonización, o apartheid e a ocupación israelí en terras de Palestina. Baixo o título “Sionismo, limpeza étnica e infancia” intervirán as dúas relatoras, por unha banda Elvira Souto, activista de longa traxectoria e actualmente unha das coordinadoras de Esculca, Observatorio para a Defensa dos Direitos e Liberdades, que explicará a historia, funcionamento e obxectivos de BDS-Galiza así como o xeito de participar da campaña. Pola súa banda, Lucía Barros falaranos da súa propia experiencia en Palestina a onde viaxou en 2012 coa ONG Sodepaz e que coñece de primeira man a vida cotiá da poboación palestina baixo a ocupación israelí. No seu relatorio, Barros incidirá naqueles aspectos que vulneran de xeito máis directo a vida dos nenos e as nenas.
Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME)
Web oficial de Agamme:
http://www.agamme.org/
Conta no facebook:
https://www.facebook.com/Agamme.org
Enviado por:
Agamme
-agammeferrol@gmail.com-
23 de fevereiro de 2015 11:08
___________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon