quinta-feira, fevereiro 26, 2015

Syriza, Podemos e un libro dos oitenta, ... Por David Rodríguez

Por David Rodríguez [*]
28.01.2015

Tiven o pracer de ser convidado por Anticapitalistas Galiza ao segundo día das súas xornadas sobre “Grecia e as resistencias á austeridade en Europa”. Nesa charla, Jorge Costa, ex deputado do Bloco de Esquerdas, explicou marabillosamente por que en Portugal, a diferenza de España e Grecia, non aparecera ningunha alternativa partidaria que recollese o descontento da xente: o Partido Socialista soubera mudar a pel, unha vez máis, para aparecer, con caras renovadas, como firme opositor ao memorando que el mesmo asinou. Isto é: en Portugal o recambio bipartidista continúa a funcionar a pleno rendemento.

Porén, ao reflexionar sobre os casos de Syriza e Podemos -os novos fenómenos políticos que puxeron, ou parece que van pór, o bipartidismo en cuestión tanto en Grecia como en España- un non pode máis que verificar a grande diferenza que separa a estes dous proxectos políticos. Se o primeiro é unha coalición de esquerdas con referentes e linguaxe bastante clásicas o segundo precisou crear toda unha neolingua que o afastase da súa identificación coa tradición da esquerda para conseguir converterse no que hoxe é.

Syriza e Podemos son hoxe dous partidos de masas. O primeiro é, coas súas contradicións, claramente de esquerdas. O segundo, non o sabemos. No primeiro, o recente acordo de Varoufakis/Tsipras co Eurogrupo está a provocar un debate intenso no que parte dos integrantes do Comité Central e algún deputado non ocultan a súa indignación polo que entenden unha claudicación que impedirá cumprir o programa electoral polo que foron elexidos. No segundo, a hipertrofia do líder carismático cunha relación de excepcionalidade coas masas provoca que o lifting (por dicilo suavemente) aplicado ao programa co que Podemos se presentou ás eleccións europeas apenas xerase controversia interna.

Como posible explicación desta diferenza, sostiven na charla referida que, se cadra, a causa habería que buscala no proceso de desideoloxización ao que foi sometida a sociedade española desde que o Partido Socialista se convertera no pau de palleiro que sostería o réxime do 78 practicamente até os nosos días.

En 1986 Santiago Alba Rico e Carlos Fernández Liria escribiron un estupendo opúsculo titulado “Dejar de Pensar” que eu recomendaría a todos os simpatizantes e militantes de Podemos. Un alegato antiposmoderno, é dicir, anti cháchara da fin das ideoloxías e os grandes relatos, en pleno felipismo que, sen dúbida, anunciaba lucidamente o que os seguintes trinta anos non farían máis que profundizar: o total desarme ideolóxico e político da sociedade española.

No prefacio de 2008 dese mesmo libelo (no bo sentido desta palabra), os autores dicían:
"Foi unha época indigna para a filosofía e o pensamento político. Por suposto que houbo moitos intelectuais que conservaron a decencia. Moitos conservaron incluso a súa intelixencia intacta. Pero a eles foi, precisamente, aos que se deixou de oír".
Na actualidade, tanto Santiago Alba Rico como Carlos Fernández Liria apoian o proxecto Podemos. Sen entrar en polémicas sobre se o laclaunismo é máis, menos ou igual de posmoderno que a terceira vía, agardemos, pois, que desta volta a decencia intelectual sexa conservada e non se deixe de oír, polo mal uso do "ruído plebiscitario" que todo o tapa, a quen mereza ser oído.

O Funambulista Coxo

Publicado o 27 de Xaneiro de 2015 no blogue:

ofunambulistacoxo.blogspot.com.

[*] David Rodríguez Rodríguez (Vigo, 1975), deseñador gŕafico, activista social, escritor e articulista. Membro do Consello Editorial de Altermundo. Mantén o blogue Ofunambulistacoxo desde o ano 2005. Militante de Anova-IN. É autor das obras de teatro radiofónico 'O Bambán' e 'Nunca me esquecerei de ti' (gañadora e finalista respectivamente do I e IV Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural). Escribiu o poemario 'Lapidarias. Os versos escuros' e participou no libro colectivo 'Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural'. E a escolma
'Retomando a palabra. Das guerras culturais ao crac financeiro'.O 17 de xaneiro de 2015, abre un novo blogue baixo nome de Lecturas Coxas que son traducións propias de textos interesantes ... @Ofunambulista, podese-lle contactar en ofunambulista[arroba]gmail.com.
_________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon