mércores, marzo 11, 2015

Asemblea Cidadá de inscritos ao Círculo de Podemos Ferrol, hoxe mércores 11 de marzo, ás 7 da tarde no Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño


A falta de Secretar@ Xeral e Consello Cidadá, un grupo de inscritos no Círculo Podemos Ferrol promove para hoxe mércores 11 de Marzo, unha Asemblea Cidadá en Ferrol, que está previsto que se celebre, no Centro Cultural Carvalho Calero ás 7 da tarde. O obxectivo é promover unha candidatura de unidade popular que concorra ás eleccións municipais previstas para Maio deste ano.

Asemblea Cidadá de inscritos ao Círculo de Podemos Ferrol

Día: Mércores 11 de Marzo de 2015.
Hora: 19:00hs.
Lugar: Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño.

Esta nova convocatoria, realizada o pasado venres en rolda de prensa, terá que afrontar o anuncio feito onte, polo Consello Cidadán de Podemos Galicia, a través dun comunicado que chegou a Ártabra 21 que manifesta que "tras as continuas solicitudes por parte de persoas inscritas en Podemos Ferrol, e dada a falta de órganos constituídos e polo tanto lexitimados para avanzar no proceso de implantación de Podemos na cidade, analizou na xuntanza do propio consello do martes 10 de marzo de 2015 en Vigo, a formación dun Equipo Técnico Municipal Transitorio ata a convocatoria do novo proceso de elección municipal que tal e como estableceu a Comisión de Garantías Estatal non será antes de xuño deste ano 2015". Tamén manifestan que en poucos días darán a coñecer mediante rolda de prensa ás persoas que conformaran ese equipo técnico que se fará cargo do circulo de Podemos en Ferrol.

De todos os xeitos as persoas integrantes de Podemos Ferrol que promoven a Asemblea Cidadá, formularán aos seus inscritos a proposta de traballar para conseguir convencer ao resto de forzas políticas, a confluencia nun programa transformador, para poder concorrer ás municipais nunha candidatura de unidade popular.

Segundo medios presentes na rolda de prensa, Carlos del Río, un dos catro candidatos que se presentaron a Secretario Xeral do partido no concello, fixo un chamamento a outras forzas que "actualmente están tamén barallando presentarse, a unirse a este proxecto, para que sexa unha candidatura única, forte, potente e ilusionante para o pobo de Ferrol".

Foto de Praza Pública, Asemblea de Podemos Ferrol en Xuño de 2014.
________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon