xoves, abril 16, 2015

Piñeiros: Pepe Grandal, ... Por Xaquín Campo Freire

Por Xaquín Campo Freire [*]
16.04.2015


PIÑEIROS: PEPE GRANDAL

Unha comunidade humana que se aprecie, teña sentido de si mesma e queira sobrevivir, ten de mirar sobre si, volver ao pasado e recoñecerse nas figuras máis senlleiras da súa veciñanza.

Coñecín a Pepe Grandal a pouco de chegar a Piñeiros no ano 1968. Presentoumo Emilio Gómez, do Estanco, e ben que llo agradecín.

Tardei aínda un tempo en ir collendo confianza con el pois Pepe Grandal non era un botado para adiante, nin un “falabarato”. Grandal, así o coñeciamos todos na veciñanza, era un home calado, moi observador, sempre de traxe e garabata, elegante sen afectación, culto e de formas cultivadas. Honrado a carta cabal. Un amigo excelente que nunca che faría unha traizón e que con educación che manifestaba se as cousas as vía torcidas ou ían ás avesas. Non casaba coas inxustizas, nin coas mentiras, nin coas calumnias. En resumo, era un home de peso.

Fora moi deportista nos seus anos novos e aínda conservaba a súa debilidade polo ciclismo. Nada que ver a bicicleta que el posuía coas sofisticadas de hoxe. Pero el sempre tivo, para aqueles tempos, unha boa “máquina” e percorreu boa parte da Galiza dando pedal. Coñecía perfectamente todas as estradas de daquela e sabía moi ben dos puntos duros, deses chamados “rompe pernas”, incluídas as fochas, que máis dunha vez lle deron desgustos. Por iso, xa maior, viámolo aínda achegarse a Ferrol, Xuvia, Neda ou outras paraxes das contornas. E, de volta, viña tan “pichi”, coma se tivese quince anos.

Sabía ir en compaña pero principalmente era un lobo solitario e pasábao moi ben, pois a onde chegase alí lle esperaban sempre amigos que moito se alegraban cos seus saúdos e visitas.

Eu sei que a Pepe Grandal, naqueles tempos da república, guerra e ditadura franquista, fixérono sufrir abondo xentes pouco de fiar, precisamente por ser calado e non “chivatear”. Quixérono utilizar de todos os lados pero el mantívose sempre no seu ser de home de peso. Por iso o perseguiron.

Iso non quere dicir que cando houbo que arrimar o lombo non se comprometese a fondo e con palabras ben meditadas e pensadas.

Poñerei dous casos ben significativos: O apeadeiro de Piñeiros. Só el sabe canto traballou, visitou, falou, conversou para convencer do interese  comunitario deste novo servizo comunal. Tal vez sexa agora cando de verdade nos damos conta da súa utilidade. Incluso alguén pode pensar que se lle debe a FEVE e ao seu proxecto inicial. Nada máis lonxe da realidade. Iso si. Cando a inauguración, os que se puxeron para a foto e se atribuíron os méritos pouco tiñan que ver co asunto, salvo algúns que traballaron para impedir que se fixera. Aquel día Pepe Grandal estivo, coma sempre, discreto, calado, silencioso, entre a xente. Dábase por pagado coa consecución da súa teima. Ben merece Pepe Grandal unha placa de recoñecemento ou algo mellor que non se poida destruír e garde a súa memoria imperecedoira para cantos vindes detrás ou chegades doutras latitudes. Incluso podería ser o nome oficial: “Apeadoiro Pepe GrandaL. PIÑEIROS” . A ver se non se queda en palabras e entre todos o facemos posíbel. Merecido o ten. Eu apúntome.

O segundo feito foi o compromiso contra do abuso a Marujita Novo cando a viron o suficientemente soa e desamparada para “chaparlle” as súas terras. Asunto ben feo foi aquel. Pepe Grandal, xunto con outros veciños honrados, estivo á fronte da defensa do débil. Aí están aínda Ofelia, a titora,  Emilio, Tolín e moitos outros, para testificaren canto se fixo para que o peixe grande non abusase e comese á vítima indefensa. Grazas a eles todos, tamén a D. Pedro Roca Alcalde, Marujita tivo unha vida máis pacifica e volveu a ter un sorriso na cara. Que Deus llelo pague a todos. Eu tamén lles estou agradecido.

XAQUÍN CAMPO FREIRE. MANDIÁ, 15-04-2015.

[*] Xaquín Campo Freire [Xaquín da Roca],  Narón 1937, é un relixioso galeguista. Graduado social, ATS pola Universidade de Santiago de Compostela, a diplomatura en Xerontoloxía Social pola Universidade Complutense de Madrid e é licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria, pola Universidade Camillianum de Roma dende 2005. É membro do consello de redacción da revista Encrucillada así como membro ordinario da AELG. Traballou de enfermeiro no PAC de Fene e de capelán de Residencia de Anciáns. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e da Escola de Saúde e Centro de Escoita Activa Mons. Araúxo.

Enviado por:
Xaquin Campo Freire
-xaquinderoca@mundo-r.com-
15 de abril de 2015 17:47

Como vai a vida? Saudiños. Hai figuras na nosa bisbarra perdidas na historia da memoria ou na memoria da historia. Xa nos sei ben en cal delas ou nas dúas tal vez. Pero un día xorden con forzan  e non deixan acougar. Velaí unha delas que xa finou hai tempo. Pero a súa obra segue aí, por máis que moitos xa non o saiban. Por iso quero facer memoria de Pepe Grandal, de Piñeiros, Narón. Moitos han de agradecerlle ao noso xornal que se fale del. Meréceo. Unha aperta e a seguir. Xaquín Campo Freire.

_________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon