domingo, novembro 22, 2015

Presentación dos candidatos e candidatas de EnMarea, este domingo en Compostela


EnMarea chama a trasladar ás institucións "o que levamos anos reivindicando nas rúas". | Presentación dos candidatos e candidatas de EnMarea, este domingo en Compostela.

EnMarea, a lista apoiada por Podemos, Anova, EU e as candidaturas cidadás municipalistas, presentouse este domingo en Compostela, definíndose como "a única candidatura" que pode derrotar a Núñez Feijoo e a Rajoy. No acto interviron as persoas que encabezan as candidaturas en cada circunscrición provincial (Antón Gómez-Reino, Alexandra Fernández Gómez, David Bruzos e Miguel Anxo Fernán Vello), e as número 2 en Pontevedra (Ángela Rodríguez Martínez, 'Pam') e A Coruña (Yolanda Díaz).

Os distintos candidatos e candidatas foron debullando os obxectivos da lista, que aspira a obter os escanos suficientes para formar un grupo parlamentario galego no Congreso. Chamaron a "mudalo todo para que nada siga igual" e a "trasladar ás institucións o que levamos anos reivindicando nas rúas", como destacou Antón Gómez-Reino, Tone (Podemos). "Temos que trasladar ao Congreso a vontade de cambio que vén de hai anos", engadiu. Pola súa banda, Alexandra Fernández Gómez (Anova) salientou que "o 15M saímos ás rúas coa idea de que as solucións son colectivas", subliñando que a confluencia das distintas formas que compoñen EnMarea responde a que "temos un obxectivo común".
"Sinalaron que a lista é "a única candidatura" que pode derrotar a Núñez Feijoo e a Rajoy, situando o obxectivo non só nas eleccións xerais deste 20 de decembro, senón tamén nos comicios autonómicos do vindeiro ano"

Neste senso, Yolanda Díaz (EU) sinalou que a lista é "a única candidatura" que pode derrotar a Núñez Feijoo e a Rajoy, situando o obxectivo non só nas eleccións xerais deste 20 de decembro, senón tamén nos comicios autonómicos do vindeiro ano. Ángela Rodríguez destacou que "Son muller e estou aquí para dar a cara por todas aquelas que o fan anónimamente", pedindo o voto para EnMarea "pola democracia, pola xustiza, pola igualdade e sobre todo pola alegría".

Miguel Anxo Fernán Vello denunciou que "a política que temos marxina aos novos e resigna aos maiores" e chamou a "poñer a economía ao servizo da xente", reivindicando "a xustiza social e rescatar as persoas e non aos bancos". Así mesmo, o número un por Lugo subliñou que "En Marea nunca deixará que morra a nación das galegas e galegos". "Nacimos para mudar as cousas procurando solucións públicas, nacimos para renovar a política", engadiu. Finalmente, David Bruzos, cabeza de lista por Ourense, salientou que "o país non é só as súas cidades. Temos que apostar por potenciar o rural", engadindo que "ten que ser prioritario facilitar os proxectos que veñan do rural. Non se pode seguir vivindo de costas a eles".

Redacción | @prazapublica | 22.11.2015

Praza Pública precisa de Ti:
A forza de Praza Pública son os seus lectores e lectoras. Praza é un medio da súa comunidade de lectores. A existencia do xornal depende das achegas realizadas por todos nós [+info]. | Licenza Creative Commons by-sa.
_________________

Enlaces e Contacto:
Web: http://enmarea.gal/
Twitter: https://twitter.com/En_Marea
Facebook: https://www.facebook.com/En-Marea-1727994870757411
Hashtag: #EnMarea
Correo: info@enmarea.gal
__________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon