luns, decembro 14, 2015

A modernización do municipalismo galego pasa necesariamente pola integración das TI, ... Por Raúl Fernández Iglesias


Por Raúl Fernández Iglesias [*]
14.12.2015

As Tecnoloxías da Información (TI) supoñen unha oportunidade á vez que unha obriga e un compromiso para os nosos concellos. | A modernización do municipalismo galego pasa necesariamente pola integración das TI.

Son moitas as ferramentas das que nos dotan as TI para acadar unha administración eficaz e eficiente. As páxinas web institucionais, as redes sociais e todas as novas ferramentas que vaian aparecendo son elementos poderosos para espallar a nosa cultura, lingua e as posibilidades turísticas dos nosos concellos á vez que proporcionan información precisa da labor de goberno e actividades. Máis tamén hai outras moitas caras: os trámites e a propia xestión administrativa que xa non se entende sen as computadoras, a relación de todas e todas coa administración na realización de todo tipo de trámites dende o propio domicilio mediante a sede electrónica e os portais de transparencia onde publicar todo aquelo que da propia administración queren e deben saber todas e todos. Ademais son elemento ideal para levar a cabo unha verdadeira democracia participativa, un goberno compartido con toda a veciñanza.

A única nova competencia que establece a Lei 27/2013 para os concellos é a especificada no seu artigo 25.ñ, que determina como competencia municipal a promoción da participación de todas e todos no uso eficiente e sostible das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC). Lémbranos isto que as TI teñen dúas caras, a da administración poñendo os medios de transmisión e comunicación pero tamén a das propias persoas que precisan estar capacitadas para a recepción de información e a comunicación coa administración, sendo responsabilidade desta procurar a eliminación da fenda dixital.

As TIC facilitan unha administración transparente, organizada e áxil na súa resposta. A estas alturas nin se pode nin se debe obrigar á presenza física para a realización de xestións e as propias leis dotan de dereitos á veciñanza neste senso. Un dos perigos nos que habitualmente cae a administración é obrigar a que un tramite só se poida facer de xeito telemático, obviando que hai moitos sectores da poboación que nin teñen coñecementos tecnolóxicos nin dispoñen de medios materiais para facelo, co consecuente custo económico dun tramite administrativo que ten que ser gratuíto, aumentando a fenda dixital e a desigualdade no acceso á administración. Compre pois poñer a disposición por unha banda de posibilidades formativas as que acollerse e por outra servizos de asistencia onde poder facer eses trámites. Non se pode negar que si a información chega electronicamente, será moito mais doado, barato, eficaz e eficiente o seu procesamento, permitíndolle ademais aos concellos aforrar recursos humanos e materiais que se poden asignar a outras tarefas nas que o trato humano e directo sexa máis necesario.

Non se nos escapa que a día de hoxe moitos concellos non reúnen nin as capacidades técnicas nin as económicas para afrontar todos estes retos. É por elo indispensable a intervención do Goberno de Galiza, non solo como coordinador de procedementos senón tamén como base de apoio para aquelas entidades que non dispoñan dos medios nin dos coñecementos precisos para levalos a cabo.

A rede "Rede Dixital da Sociedade da Información" creada polo nacionalismo no seu paso polo goberno do país era ferramenta indispensábel para a formación e alfabetización dixital de persoas e empresas locais, ademais da dinamización de todos estes axentes sociais. A volta do partido popular á Xunta trouxo como consecuencia unha labor sistemática de deconstrucción da que non se librou esta Rede e, despois de dous anos pechada con moita presión social para a súa reapertura, creouse a Rede CeMIT na que de unha cobertura prácticamente de toda Galiza pasamos a menos de cen centros e solo a metade subvencionados. É urxente pois que estas aulas cubran todo o territorio e que se faga unha labor de dinamización indispensábel para que haxa unha implicación efectiva de todos os axentes sociais.

Por outra banda, a implantación de software libre e de código aberto na administración local implica beneficios tales como un aforro importante de medios económicos, aínda que cómpre lembrar que libre non significa gratuíto. Como efectos complementarios, e quizais aínda máis importantes, imos ter ferramentas informáticas na nosa lingua, sen depender de multinacionais que funcionan a golpe de talonario, e ademais as empresas locais do sector serán beneficiadas e poderán traballar nas aplicacións para adaptalas as novas normativas e posibles melloras na xestión. Os formatos de datos abertos eliminarán a dependencia de aplicacións pechadas e propietarias.

As TIC van ser importantes na labor de apoio a economía local xa que abrirán novos mercados de negocio para a produción e empresas locais, á vez que serán parte importante na definición de nichos de negocio non existentes até o de agora. O coñecemento é a baza máis importante para competir con outros mercados nos que é imposible facelo nos produtos comúns.

[*] Raúl Fernández Iglesias, Lugo, 1955. Enxeñeiro en Informática pola Universidade da Coruña onde reside. Cursou tamén estudos de Enxeñería Industrial na Universidade Politécnica de Madrid.

 Traballa na Fegamp onde é Coordinador de actas e informes ademais de responsábel das Tecnoloxías da Información e Comunicación.

 Participou do movemento veciñal no que ostentou o cargo de Presidente da Asociación de Veciñas/os de Monte Alto.

 Na actualidade é o Responsábel Local do BNG da Coruña e forma parte, entre outras, da Comisión de Análise Local do Parlamento de Galiza.

Fonte: Terra e Tempo | 14.12.2015
__________

Enlaces relacionados:

Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia - OSIMGA:
http://www.osimga.gal/

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia - AMTEGA:
http://amtega.xunta.gal/

Enlaces de interese:
Software Libre:

GNU Operating Sistem:
http://www.gnu.org/philosophy/free-sw.gl.html

Galipedia:
https://gl.wikipedia.org/wiki/Software_libre

Distribucións Linux:
https://es.wikipedia.org/wiki/Anexo:Distribuciones_Linux

O sitio web DistroWatch:
http://distrowatch.com/
__________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon