"Ferrol Resiste", le-se nun cartaz das Marchas da Dignidade, berro que reclama á vez que solucións, unha acción colectiva deste pobo sacrificado, pouco a pouco, nos altares do Deus Mercado. Miles de persoas, mais tiñan que ser moitas máis, saíron á rúa para reivindicar un futuro para as traballadoras e traballadores do Naval e Ferrolterra - Traballadores do campo en loita, por un prezo xusto para o leite, somaron-se á protesta en solidariedade e na defensa das súas reivindicación reclamando tamén un futuro para o agro galego Desde Ártabra 21, polo seu interese, transcribimos a reportaxe de Raúl Salgado [*] publicada no xornal dixital de Ferrolterra "Ferrol 360".
O naval reúne en Ferrol a máis de 5.000 persoas para rexeitar as promesas electorais
Máis de 5.000 persoas percorreron este domingo parte do casco urbano de Ferrol con motivo da protesta comarcal convocada polos sindicatos en defensa do sector naval da Ría. A marcha partiu da praza d'O Inferniño e culminou na de Galicia tras atravesar a zona histórica.
Co sol como aliado e sen necesidade de drásticos cortes de tráfico, os participantes foron a máis desde o propio nacemento da protesta e no seu camiño cara á primeira gran parada, a Praza de España. Alí viuse unha das imaxes máis simbólicas da cita, coa saída de sete tractores do túnel dese céntrico espazo.
Traballadores do campo, en pleno calendario reivindicativo, mostraron a súa solidariedade cos operarios. Os congregados accedían á Madalena pola rúa do Sol, desembocando no Jofre tras baixar por Arce e Real de forma previa. O xornalista Nicolás Vidal, até datas recentes redactor de Diario de Ferrol, leu o manifesto do evento.
Non foi, pese ao éxito popular, unha mobilización que reúna a moitas caras coñecidas da política galega. Máis aló de dirixentes locais, unicamente asomou Francisco Jorquera (BNG). O PSOE estivo representado por Beatriz Sestayo e Pomba Rodríguez e as candidaturas de confluencia polo propio alcalde de Ferrol, por citar exemplos.
Tamén acudiron rexedores como os de San Sadurniño, Cedeira ou Valdoviño ou os máximos responsábeis comarcais de UGT, CCOO e CIG. Javier Galán, presidente do comité de empresa de Navantia Ferrol, dixo que os traballadores están "fartos de que campaña tras campaña" os partidos repitan diversas promesas electorais que acaban quedando relegadas.
"Xa estamos fartos de fume en campaña», remarcou ante a prensa, censurando a ausencia de alternativas para os «milleiros de compañeiros" que han ter que abandonar os estaleiros nos últimos anos. Afea, igualmente, que Navantia sosteña que "acabou a crise" e demanda carga de traballo efectiva.
O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, indicou aos xornalistas que "ou sector está a esmorecer", criticando que o Goberno estea "vendendo que hai carga de traballo". Subliña que apenas "mil persoas" subsisten nas plantas públicas, queixadas dunha incipiente subactividade. Ao seu xuízo, volver "á rúa" é a única opción.
solicitou carga de traballo, dique flotante e o rexuvenecemento da plantilla. Afirma que a comarca está "esmorecendo", algo palpable en "comercio", datos de "desemprego" ou o seu paulatino despoboamento. O nacionalista Jorquera aseverou que non é un "problema de Ferrolterra, senón galego". Ve "básico" que a cidadanía actúe contra a "inacción" en relación co naval.
Reportaxe e Fotos de Raúl Salgado | @raulsalgado | Publicado en Ferrol 360 | Domingo 13 decembro 2015 | 13:33
[*] Raúl Salgado Rodríguez, nado en Ferrol en 1982, xornalista. Foi redactor en Localia Televisión, RadioVoz, V Televisión, La Voz de Galicia, El Mundo e elmundo.es, desde Ferrol. | Tamén colaborou con Europa Press, Cadea SER, Cadea Dial, Cuatro e Ferrol Hoxe. | En Santiago de Compostela foi correspondente para Vaia Troula, de Televisión de Galicia. | Na actualidade forma parte de Ferrol360, o novo diario dixital de Ferrolterra, Eume e Ortegal. raulsalgadorodriguez@gmail.com. | https://www.facebook.com/raulsalgadorodriguez | https://twitter.com/raulsalgado.
Baixo licenza Creative Commons by-nc-nd 4.0.
___________
Outras fotos, de Jorge Suárez, Karlotti e André.
___________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon