domingo, janeiro 03, 2016

Matemática parlamentaria, ... Por Suso Baleato - As contas non cadran - A matemática parlamentaria desmente tanto a euforia da esquerda populista como o triunfalismo da dereita popular.


Por Suso Baleato [*]
01.01.2016

As contas non cadran. A matemática parlamentaria desmente tanto a euforia da esquerda populista como o triunfalismo da dereita popular. O trámite de constitución do grupo parlamentario galego será o primeiro test sobre a capacidade das novas formacións políticas para cumprir os compromisos adquiridos en campaña.

Nas democracias parlamentarias gaña as eleccións o partido que obtén o apoio necesario para presidir o executivo. Nos sistemas bipartidistas a presidencia adoita corresponderlle á lista mais votada, pero a regra non sempre funciona con mais de dous partidos. As dificultades que o Partido Popular experimenta para formar goberno ilustran ben o caso. De conseguir a presidencia sería ademais en minoría, lonxe de acadar a estabilidade necesaria para governar de acordo coa súa propia teoría política. Proclamar a vitoria nesas circunstancias resulta cando menos contraditorio.
"Laminada a necesaria reforma institucional, o fulgurante éxito das novas formacións políticas aseméllase mais ben a unha derrota"
A euforia das novas formacións políticas apunta a unha situación similar. O seu potencial de cambio institucional queda resumido nun algarismo: 117, os votos que impiden a formación de maiorías cualificadas no Congreso. Ao Partido Popular bástanlle os seus 123 escanos para bloquear calquera das reformas constitucionais promovidas polas forzas emerxentes. O mesmo sucede coas reformas por vía orgánica de estatutos autonómicos, lei electoral ou dereitos fundamentais, que os populares poden vetar en solitario coa súa maioría absoluta no Senado. Laminada a necesaria reforma institucional, o fulgurante éxito das novas formacións políticas aseméllase mais ben a unha derrota.

As disfuncións da algoritmia institucional deseñada na transición resultan evidentes, pero ademais de acadar un apoio numérico suficiente é preciso coñecer os mecanismos capaces de mellorar o seu funcionamento. Xorden dúbidas razoábeis sobre a capacidade dos novos actores para facelo á vista da euforia coa que celebran o seu tan meritorio como acoutado éxito electoral. Teremos tempo para comprobar si se trata da inconsciencia de quen repasou mal as contas, ou si se trata dunha fuxida cara adiante ante a evidencia de que os números non cadran para implantar as reformas comprometidas.

Precisamente Galicia protagonizará o primeiro test sobre a capacidade das novas formacións políticas para cumprir os seus compromisos. Cómpre lembrar que as cúpulas dos partidos que formaron a Marea comprometéronse a constituír grupo propio no Congreso. Tal como foi sinalado no seu momento a concorrencia xunto a Podemos vetaba esa posibilidade, mais supoñemos que a Marea identificou un mecanismo xurídico-político capaz de superar esa contradición, dado que mantivo a súa promesa. Teremos a certeza en breve.
"Cos orzamentos de 2016 xa aprobados, a troika non precisa formar novo governo para aplicar o seu programa económico durante o próximo ano"
No entanto, o verdadeiro gañador dos comicios observa distraído o ruidoso esperpento da corte madrileña. Tomar el cielo por asalto! Ante todo, estabilidade! Contrato único! Independencia! Cos orzamentos de 2016 xa aprobados, a troika non precisa formar novo governo para aplicar o seu programa económico durante o próximo ano. Ante a debilidade dos posíbeis gobernos minoritarios, basta a inercia do proceso administrativo sumada ao labor dos servizos de intelixencia para manter o status quo do Estado até os próximos comicios.

Así as cousas, o dato mais valioso sería a data de celebración das novas xerais. Resulta interesante considerar a posíbel coincidencia dos comicios galegos coas eleccións a Cortes. O adianto das autonómicas galegas é prerrogativa do Presidente da Xunta, quen tería na súa man facelas coincidir cunhas novas xerais de fracasar a consolidación dun goberno en minoría na Moncloa. Trataríase dun escenario propicio para o Partido Popular no caso de que a esquerda caera no erro de se enredar no espectáculo do desgoberno e frustrase as expectativas de cambio depositadas nas novas formacións.

[*] Suso Baleato, europeo nacional de Galicia, é un analista especializado en tecnoloxía política. Actualmente colabora no desenvolvemento das políticas públicas tecnolóxicas de ámbito global que se promoven desde a OCDE, á vez que prepara unha tese doutoral sobre tecnoloxía política na Universidade de Konstanz (Alemania). Forma parte do grupo de investigación sobre Conflito, Comunicación e Redes desa Universidade; é investigador visitante do Instituto Federal de Investigación de Suíza en Zurich; e foi nomeado membro asociado da Martin School da Universidade de Oxford. Desenvolveu a súa actividade profesional no ámbito da enxeniería informática, área na que traballou durante quince anos desenvolvendo proxectos de software e administrando sistemas tanto no sector público como no privado. É u hacktivista na rúa e na web. | web pesrsoal, twitter e facebook.

Publicado en Praza Pública | 29.12.2015

Recomendamos acceder ao artigo no xornal dixital Praza Pública onde están postados interesantes comentarios que complementan o análise do autor.

Praza Pública precisa de Ti: A forza de Praza Pública son os seus lectores e lectoras. Praza é un medio da súa comunidade de lectores. A existencia do xornal depende das achegas realizadas por todos nós [+info]. | Licenza Creative Commons by-sa.

---

Resultados Electorais Xerais 20D do 2015 | Congreso e Senado.

Enlace de interese: Como podería un Senado do PP complicar a un Goberno doutro partido. | A última palabra tena o Congreso, aínda que a Cámara Alta toma algunhas decisións trascendentes e pode vetar unha reforma da Constitución. |  José Luis Sastre Madrid 21.12.2015 Cadena Ser  | ir a web.
_________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon