domingo, febreiro 07, 2016

A Asemblea das Marchas da Dignidade tomou decisóns para continuar marchando polo camiño da mobilización, a concienciación e a solidariedade - Plan Comarcal de choque contra o Paro, ... e o Sector Naval da Ría de Ferrol


As Marchas na nosa Comarca somos unha plataforma de funcionamento horizontal e asembleario, en febreiro de 2014, desde a Columna Caranceira e máis tarde desde a Columna de Ferrolterra, tomamos unha decisión de marchar até Madrid, para manifestar-nos o 22 de Marzo, xunto a traballadoras e traballadores doutros lugares e nacións do Estado. Confluíamos en Madrid diversas columnas de traballadoras e traballadores, para dicir basta xa!, á política do goberno do Partido Popular e da Troika.

Marchabamos ... e seguimos marchando

« Polo dereito ao traballo.
« Polos dereitos sociais e o dereito a unha renda básica.
« Polo dereito a unha vivenda digna.
« Polos servizos públicos, a sanidade e a educación.
« Contra a corrupción , os corruptos e os corruptores.
« Contra o pago da débeda ilexítima que nos afoga.
« Contra a estafa e o roubo bancario.
« Polo dereito a decidir dos pobos das nacións do estado.

Na Galiza participamos na Columna Galega, formando parte da Plataforma Galega como a asemblea das Marchas da Dignidade de Ferrolterra apoiando o Manifesto Galego. Facemos dous anos de asembleas e mobilizacións que se memorizan neste sitio na rede.

Esta iniciativa chamada Marchas da Dignidade, unía a moitas persoas afectadas polas políticas inxustas e empobrecedoras dos diferentes gobernos corruptos e neoliberais, presentes nas institucións e gobernos do estado a todos os niveis. Mas aínda non conseguimos botar do goberno español ao Partido Popular, nestas últimas eleccións xerais, foron o partido máis votado con máis de 7 millóns de persoas que depositaron unha papeleta apoiando-os. Con toda probabilidade, en Abril haberá novas eleccións, pois os poderosos sectores socioliberais do PSOE apertan con forza para que non haxa un goberno no estado capaz de paliar o sufrimento de millóns de persoas, derroguen a lexislación máis lesiva e aproben leis en beneficio da clase traballadora e contra o acelerado empobrecemento da poboación.

Desde as Marchas da Dignidade, sempre dixemos que non se cambia o rumbo co voto, o voto ten que ir acompañado dunha mobilización constante na rúa, pois chegar ao goberno non é ter o poder, o poder conquista-se coa construción social e económica alternativa, concienciando e mobilizando, logo o voto será mais forte e decisivo.

Nas pasadas eleccións municipais do 24 de Maio de 2015, cambiaron cousas e gobernos, a nivel de estado se lles arrebataron cidades tan importantes como Madrid, Valencia, Zaragoza e Cádiz que pasan a mans de plataformas de esquerda alternativa. En Barcelona Ada Colau chega á alcaldía. O PP foi desaloxado dos seus principais bastións e, das dez grandes cidades do estado só conserva Málaga. O PSOE tamén lles arrebatou Sevilla e Alacante. O PP e PSOE na nova situación quedan empatados no controlo das pequenas e medianas capitais de provincia. Na Galiza o PP perde A Coruña, Compostela e Ferrol a mans de alternativas municipalistas de esquerda denominadas en moitos casos "mareas". Nas nosas comarcas o envorco é moi grande, o PP perde Ferrol, Fene, Neda, Cerdido, Cedeira, Ortigueira, Moeche, Valdoviño e Pontedeume,  só reten a de Cabanas e As Somozas, e gaña a de Mugardos onde goberna con minoría, posibelmente por pouco tempo. De 20 concellos que conforman as tres comarcas só teñen 3 alcaldías.

Nas comarcas do noroeste poden-se facer moitas cousas se os gobernos e os partidos que se sitúan na esquerda quixesen. Só teñen que reunir-se e falar entre eles para tomar a decisión de elaborar, de xeito participativo, un PLAN COMARCAL DE CHOQUE CONTRA O PARO, POLO EMPREGO E A RENDA BÁSICA. E aquí é onde andamos desde hai case un ano que comezamos con esta demanda. Agora temos que pechar o ciclo e conseguir que os responsábeis municipais se poñan mans á obra. Nós estamos para demandalo, é por iso que confeccionamos un escrito para cada concello que estamos entregando perante esta semana e a que ven. dentro desta campaña o vindeiro Luns 8 de Febreiro, ás 11:30hs, concentrarémonos diante das portas do Palacio Municipal de Ferrol, para entregar o escrito correspondente a esta cidade e daremos conta publicamente e en rolda de prensa da iniciativa que levamos a todos os concellos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

Escritos aos Concellos: Ares, Cabanas, Capela (A), Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, Pontes de Garc. Rodr. (As), San Sadurniño, Somozas (As) e Valdoviño.

Evento no facebook:
https://www.facebook.com/events/177543179279151/

O Sector Naval da Ría de Ferrol

Na última Asemblea das Marchas da Dignidade de Ferrolterra acordamos comezar a facer sesións monográficas sobre o Sector Naval da Ría de Ferrol (Navantia e industria Auxilia) como xerador de emprego. Trata-se de realizar unha aproximación o máis real posíbel a como se desenvolven as condicións de traballo, xornada, horas extra e salarios. Carga de Traballo actual e prevista. Condicións operativas da principal (Fene e Ferrol). Formación. Aplicación do Convenio Colectivo. Colectivo de Prexubilados. As relacións entre principal e industria auxiliar. Infraestruturas, maquinaria e bens de equipo, estado actual. Análise da Industria Auxiliar. Sistema de compras (aceiro, metais, compoñentes electrónicos e informáticos, ..). Sistema de contratacións da empresa auxiliar. Contratacións do persoal. A falta dunha verdadeira industria auxiliar na comarca que forneza de bens e complementos de alto valor engadido como motores, bombas, equipos de goberno, propulsión e manobra, equipos de manutención e de carga e descarga, equipos e instalacións eléctricas, de fluídos, TICs e sistemas electrónicos e hidráulicos, válvulas e accesorios. Análise das reivindicacións do Dique Flotante e Dique seco. O Sector Naval e a Diversidade industrial. Eólica Mariña. Aparatos Offshore. Para logo tirar conclusións, as posibilidades industriais, as posibilidades de xeración de emprego, acabar coa precarización e mellorar as condicións de traballo, salariais, ... Sabemos que moitas veces ten-se intentado abordar este asunto, mas cumpre intenta-lo de novo. A potenciación da contratación directa por parte das empresas publicas (Navantia). Temos propostas que facer.

A xuntanza inicial está prevista para o mércores 17 de Febreiro ás 18:00hs no Ateneo Ferrolán.

Foto de Cesar Toimil. | Manifestación en Ferrol en Maio 2015.

--
Marchas da Dignidade Ferrolterra
Contacto:
Correo-e: marchasdadignidadeferrolterra@gmail.com  |
Teléfono: 602 587 531 |
Blogue de FerrolTerra: http://marchas-da-dignidade-ferrolterra.blogspot.com.es/ |
Blogue Galego: http://marchasdadignidade.blogspot.com/ |
Web Estatal: http://marchasdeladignidad.org/ |

___________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon