xoves, febreiro 18, 2016

Ante o anuncio da entrada dun novo buque gaseiro, o LNG Castillo de Villalba, cargado con gas para a ilegal e perigosa Reganosa, o Comité Cidadán de Emerxencia convoca unha concentración sonora, na Praza Amada Garcia, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, este xoves 18 de Febreiro de 2016, ás 7 da tarde

Tags

"...unha planta de gas que nos ameaza todo-los días, aumentando exponencialmente esta ameaza sempre que entra na Ría un buque destas características, cargado para a perigosa e ilegal planta regasificadora de Mugardos..."
CONCENTRACIÓN SONORA EN FERROL,
 XOVES 18 DE FEBREIRO, ÁS 7 DA TARDE
DIANTE DO EDIFICIO ADMINISTRATIVO DA XUNTA
NA PRAZA AMADA GARCIA

O "Castillo de Villalba" (LNG Tanker), anuncia que vai descargar miles de toneladas de gas natural licuado para Reganosa. O LNG Castillo de Villalba é un buque de grande porte, de 284,40 m de eslora e 42,50 m de manga e  de calado 11,40 m. E cunha capacidade de carga de 138.000 m³ de GNL (LNG). O buque vai entrar pola bocana da Ría e cruzará o angosto, estreito, de pouco calado e de fondo rochoso, canle de máis de 4.500 metros, até chegar ao pantalán de descarga do peirao de punta Promontorio, situado no termo municipal de Mugardos. Onde Reganosa coa complicidade de políticos sen escrúpulos construíu unha planta de gas que nos ameaza todo-los días, aumentando exponencialmente esta ameaza, sempre que entra na Ría un buque destas características, cargado para a perigosa e ilegal planta regasificadora de Mugardos. No caso de entrar, Este buque faría o gaseiro número 206 que descargaría en Reganosa, desde que o fixera o "Galicia Spirit" en Maio de 2007.

A principios de 2014, Reganosa anunciaba un novo despropósito contra a poboación que mora na contorna desta Ría. O negocio anunciado consiste nun dispositivo que traslade á boca da Ría o GNL como combustíbel. Un negocio de Reganosa, apoiado pola Xunta de Galicia, subsidiado con diñeiro público. Proxectan un HUB de Gas Natural Licuado de Reganosa que fará de Ferrol unha enorme bomba de reloxería colocada dentro da nosa Ría, será  a construción dun surtidor de gas (gasolineira) na Ría de Ferrol, para buques que utilicen LNG/GNL como combustíbel. Este proxecto xa conta co apoio da Unión Europea, cun custe orzamentario millonario. Mais hai un mes un dos principais socios de Reganosa, Gas Natural Fenosa, abandonaba o proxecto e a propia Reganosa, vendendo todas as súas accións. Aínda está sen explicar, e menos analizar, o porque o socio gasista principal de Reganosa abandona. Algo que nos venderon en positivo, como que Galiza se facía co controlo da planta, onde diñeiro público se invístese nunha planta de gas deficitaria, ilegal e perigosa. E xa non digamos a aposta de GADISA, que co seu novo investimento pon en perigo a viabilidade de miles de postos de traballo que xera o grupo noutras actividades, como na rama da distribución e comercio de alimentación.

Diante do aumento da ameaza contra a seguridade e a vida, que supón a entrada dun novo buque gaseiro, xunto á propia instalación da Planta de Gas en Mugardos, o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol convoca unha acción de protesta e denuncia, consistente nunha Concentración Sonora, este Xoves ás 7 da Tarde, en Ferrol, na Praza Amada Garcia, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia.


Van facer catro anos, desde que o 11 de Maio de 2012 se ditou a Sentenza polo Tribunal Supremo, onde a planta xa foi declarada ilegal, en sentenza inapelábel. O 15 de Setembro de 2014, foi admitido a trámite, polo Tribunal Supremo, o Recurso de Casación contra a decisión da Xunta de Galicia e o Concello de Mugardos que denegan a nulidade do novo PXOM en execución da mencionada Sentencia.

Tras a Sentenza do Tribunal Supremo, que declara ilegal a localización de Reganosa, esiximos o fin desta ameaza e deste malgasto de cartos públicos. Temos que esixir o seu peche definitivo.
  • QUE SE CUMPRA A SENTENZA DO TRIBUNAL SUPREMO XA! 
  • POLA DEFENSA DA VIDA, A NOSA SEGURIDADE E A RÍA  !!
  • CESE DA ACTIVIDADE E DESMANTELAMENTO DE REGANOSA  !!
  • MÓVETE CONTRA A IMPUNIDADE !!
  • PECHE XA!!
  • PLANTA DE GAS FORA DA RÍA  !!

O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL, TAMÉN NECESITA NESTES MOMENTOS AXUDA ECONÓMICA, PARA CONTINUAR COS PROCESOS XUDICIAIS E ADMINISTRATIVOS ABERTOS: COLABORA.

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc


Información baseada na enviada polo:
Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
16 de fevereiro de 2016 13:41
_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon