luns, maio 02, 2016

As Mareas en Común convocan o 7 de maio a primeira fase da Marea Viva - Principios de Mareas en Común - Como se pode asinar


Será un encontro para impulsar unha confluencia das forzas do cambio en Galicia, aberto ás persoas, partidos, entidades e movementos con desexo de recuperar as institucións para a xente

Na Marea Viva decidiranse, entre todas e de xeito participado, un proceso de primarias, un código ético para os cargos electos, un modelo organizativo e unha forma de goberno

As Mareas en Común, un proceso formado por iniciativas municipalistas das catro provincias galegas, acordaron onte en Sada fixar o 7 de maio como data de inicio da Marea Viva. Con este nome, desígnase un espazo de traballo para a construción dunha confluencia das forzas do cambio que poida gañar as vindeiras eleccións autonómicas.

Trátase dun espazo de traballo aberto, dun censo aberto ás persoas, mareas, partidos, entidades, movementos e colectivos con desexo de recuperar as institucións galegas para a xente e levar a cabo políticas que representen o ben común e os intereses do 99%.  Terá varias fases, e servirá para  deseñar, de xeito participativo e participado, un proceso de primarias, un código ético para os cargos electos, un modelo organizativo e unha forma de goberno.

Na xuntanza de Sada, a sexta que realizan as Mareas En Común, participaron unhas 200 persoas de 30 mareas municipalistas, entre as que se atopaban os alcaldes de Sada, José Benito e da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro. Tamén acudiron para amosar o seu apoio o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e varias representantes de En Marea nas Cortes Xerais.

Neste encontro tamén se acordou unha folla de ruta rápida e directa para poder cumprir os prazos ante un posible adianto dos comicios autonómicos. De darse o caso de que as eleccións sexan antes do outono, o proceso estará preparado para contribuír á derrota das políticas do PP.


Porque Mareas en Común


No mes de maio do pasado ano agromaron por todo o país procesos municipalistas de confluencia e unidade popular. Estas mareas, desde o protagonismo da cidadanía, están a tentar mudar os modos de facer política nas institucións locais, abríndoas á máis ampla participación e procurando pór en marcha políticas que defendan o común: os dereitos básicos, unha vida digna para todos e para todas, unha economía máis xusta e solidaria, o espazo público, o coñecemento e a cultura colectiva.

Porén, e dado o momento histórico que nos toca vivir, non podemos nin queremos quedar mudas ante unha realidade no noso país que supón unha ameaza para estes obxectivos que nos demos colectivamente. Por iso hai meses decidimos traballar en común para apoiar un proceso de confluencia capaz de gañar o goberno da Xunta nas vindeiras eleccións autonómicas e poñer esta institución ao servizo da xente.

Un proxecto baseado nuns principios básicos que nos unen:

0. Garantía efectiva dos dereitos humanos.
1. Radicalidade democrática.
2. Transparencia e loita contra a corrupción.
3. Feminización da política e loita contra calquera tipo de discriminación.
4. Defensa dun modelo económico xusto que garanta os dereitos sociais e laborais.
5. Defensa da lingua e cultura galega e do noso patrimonio.
6. Protección do ambiente e o benestar animal.
7. Defensa do común.
8. Máis autogoberno e mellor vertebración territorial.


Fai Marea
Xa somos 754 asinantes dos Principios Básicos (02.05.2016)
Asina!

Máis info en:
http://mareasencomun.gal/
ola@mareasencomun.gal
https://twitter.com/mareasencomun
https://facebook.com/mareascomun


Enviado por:
Inácio GZ
inaciogz@gmail.com
1 de maio de 2016 23:44
__________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon