sábado, maio 14, 2016

Municipalización, remunicipalización e loita veciñal e popular contra o saqueo das arcas públicas - Vídeo da Xornada Aberta sobre Auga e Corrupción, coa presencia de Fernando Urruticoechea e un interesante debate, máis de dúas horas de mesa de traballo en defensa dos servizos públicos


Este venres 13 de Maio de 2016, tiña lugar, en Caranza no local de Fuco Buxán, unha moi interesante xornada de traballo sobre municipalización, remunicipalización e loita popular-veciñal contra o saqueo das arcas públicas.

Unha xornada Aberta sobre "Auga e Corrupción", coa presencia de Fernando Urruticoechea [*], organizada por membros da Iniciativa Cidadá pola Xestión Pública e Social do Ciclo da Auga e do Saneamento en Ferrol. Nesta xornada produciuse un moi interesante debate, sobre cuestións concretas que están sucedendo nas entrañas do goberno municipal de Ferrol. Sendo unha das consecuencias desta situación, a suspensión das xornadas previstas sobre o problema da auga, que tiñan sido organizadas co apoio do propio goberno municipal.

Foron máis de dúas horas de mesa de traballo en defensa dos servizos públicos, a súa remunicipalización e municipalización, como forma de combater as políticas neoliberais de saqueo das arcas públicas, do diñeiro de toda a veciñanza. O tema clave foi a auga, un ben público esencial. O acceso á auga potábel é un dereito humano fundamental, ... non pode ser un negocio en mans das grandes multinacionais. Corrupción, corruptos e corruptores foi tamén tema de debate.

Fernando Urruticoechea, economista e interventor xeneral municipal no concello valenciano de Oriola, de máis de oitenta mil habitantes, fixo, ao noso xuízo, un intervención maxistral, argumentada e á vez de fácil entendemento para o público en xeral. A súa intervención versou sobre as consecuencias da xestión privada da auga, e moito máis... pola súa importancia desde Ártabra 21, publicamos este documento audiovisual, que agardamos que sexa de interese.

Nota.- A continuación presentamos a Mesa de Traballo que durou sobre dúas horas e cuarto, este é o documento audiovisual catado cun móbil só cuns pequenos cortes técnicos produto da precariedade do medio.


https://www.youtube.com/playlist?list=PLDnF1VI4jx6meLml7to0WVtAlo4Vn-Snv

[*] Fernando Urruticoechea, economista e interventor municipal, con habilitación estatal, de categoría superior. Foi precursor das denuncias de corrupción xa en 1990 no concello de Galdakao (Biscaia), sendo máis coñecido o seu labor profesional, de control da legalidade, no Concello de Castro Urdiales (Cantabria), entre os anos 2001 e 2006. Máis recentemente tivo que informar acerca da corrupción existente no concello de Crevillente (Alacante), tamén case en total soidade. Como funcionario demostrou ser unha persoa comprometida co cumprimento da súa profesión, en defensa do interese xeral e moi activa contra a corrupción. Na actualidade é interventor xeneral municipal no concello valenciano de Oriola (Orihuela), na comarca do Baix Segura.

Enlaces de Interese:
  • Como gañar a batalla da auga, de Fernando Urriticoechea. | Publicado o setembro 14, 2014 en Atlántica XXII (Revista Asturiana de Información e Pensamento). | Ir á Web.
  • A Coruña quere levar o dereito humano á auga a toda a súa xestión. | 21 de setembro de 2015. | Ir á Web.
  • O retorno da auga a mans públicas. | Remunicipalización.| Iniciativa cidadá pola xestión pública e social do ciclo da auga e do saneamento en Ferrol, Saneamento. | Ir á Web.
__________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon