domingo, maio 01, 2016

Tres manifestacións este 1º de Maio en Ferrol e un acto n'As Pontes- Viva a solidariedade obreira, viva o internacionalismo proletario


O día da solidariedade internacional por excelencia é o 1º de Maio. Son miles as manifestacións que se celebran por todos os continentes, moitas reprimidas polas forzas policiais do poder capitalista. O día do internacionalismo proletario, é un día con historia, conmemora-se por acordo do Congreso Obreiro Socialista da Segunda Internacional, celebrado en París en 1889.

O 1º de Maio é unha xornada de loita reivindicativa e de homenaxe aos Mártires de Chicago, sindicalistas anarquistas, que foron axustizados nos Estados Unidos, despois dun xuízo manipulado, pola súa participación nas xornadas de loita pola consecución da xornada laboral de oito horas que tiveron a súa orixe na folga iniciada o 1 de maio de 1886 e o seu punto álxido tres días máis tarde, o 4 de maio, na Revolta de Haymarket en Chicago.

Os Martires de Chigago foron: Samuel Fielden -obreiro téxtil e Michael Swabb -tipógrafo, condenados a cadea perpetua; Oscar Neebe -comercial, condenado a 15 anos de traballos forzados; E os condenados a morte na forca: Georg Engel, -tipógrafo, Adolf Fischer, -xornalista, Albert Parsons, -xornalista, Hessois Auguste Spies, -xornalista, Georg Engel, -tipógrafo, executados o 11 de novembro de 1887, menos Louis Linng -carpinteiro que se suicidou con antelación na cela da prisión.

Mais desde entón, foron centos de miles de mártires que pagaron con millóns de anos de prisión e deixaron a vida, executados polas balas da cobiza capitalista e a represión do despotismo, do fascismo, do nazismo... . Nunha loita desigual polos dereitos laborais, sociais e políticos, as melloras no benestar e as condicións de vida da clase traballadora. Sen falar dos millóns de persoas caidas polas malas condicións laborais e de xornadas interminábeis que aínda ao día de hoxe ben sucedendo e nestes momentos da globalización e a estafa xeneralizada co acumulación da riqueza en moi poucas mans a través das grandes corporacións transnacionais, os paraísos de branqueo de diñeiro e desfalco fiscal e o crime organizado que matan pola fame e as guerras, e manteñen na miseria a millóns de persoas en todo o mundo. Mais que tamén provocan o cambio climático e a destrución do planeta contaminando-o e destruíndo os seus recursos naturais.

Hoxe é o día de lembrar que estamos nun réxime de explotación capitalista mundial que condena a millóns de persoas a unha vida de penurias e sufrimento, sen traballo, sen saúde, sen alimentos, sen teito... a padecer guerras e a vivir nas lixeiras da sociedade opulenta e privilexiada.


O Rana Plaza

Como símbolo dos centos de miles de accidentes, como consecuencia das malas condicións de traballo, para poder encher os escaparates dos grandes centros comerciais en todo o mundo (verdadeiras catedrais do consumismo e de adoración do Deus Mercado), é o momento de recordar ás traballadoras e traballadores do Rana Praza. O colapso dun edificio o 24 de abril de 2013, onde un bloque de oito pisos derrubouse en Savar, un distrito de Daca, capital de Bangladés. Foron 1.127 persoas as que morreron e outras 2.437 resultaron feridas. O edificio, que contiña fábricas de roupa (para as grandes multinacionais do textil: Benetton, The Children's Place, DressBarn, Mango, Monsoon, Inditex,  Primark, El Corte Inglés, ... ), un banco e varias tendas, derrubouse durante a hora punta da mañá. As patronais ignoraron as advertencias para evitar o uso do edificio logo das grandes fendas que apareceron o día anterior.

Situación socio-económica das comarcas

As comarcas do noroeste galego, Ferrolterra, Eume e Ortegal, conforman unha zona que esmorece económica e socialmente e en concreto os concellos da contorna da Ría de Ferrol, están padecendo de xeito significativo unha situación de paro insostíbel.

A zona rexistra uns altos índices de envellecemento da súa poboación e así como de desemprego, maiores que a media de Galiza, que son unha consecuencia, no fundamental, do declive industrial, social e económico que viven as comarcas no seu conxunto. Produto de situacións estruturais e conxunturais, tanto a nivel global, como local. Mais sobre todo das políticas emanadas das diferentes institucións europeas, estatais, autonómicas e locais que non foron capaces de solucionar a situación e menos acabar co sufrimento dunha parte moi importante da poboación.

A  cobertura económica do desemprego, non protexe a máis do 65% das persoas que están en situación de paro. Moitos mozos e mozas están aínda sen acceder ao primeiro emprego e case unha década en desemprego ou camiño da emigración.

Non son os gobernos coas súas políticas os que solucionan o problema de falta de recursos económicos das persoas en paro, senón que son en maior parte as familias a través das axudas e o acollemento, as que cargan coa responsabilidade e fan o traballo paliativo do sistema. Moitas persoas xubiladas ven-se na obriga de renunciar a gozar da súa pensión, para situar-se na precariedade ao ter que axudar aos seus fill@s.


Plan Comarcal de Choque contra o Paro, polo Emprego e a Renda Básica

Como din as Marchas da Dignidade de Ferrolterra, nas liñas mestres da proposta de Plan Comarcal de Choque contra o Paro, polo Emprego e a Renda Básica, a zona, das tres comarcas, necesita-se a elaboración dun Plan que non supoña só como até o de agora, destinar incentivos fiscais para empresas que contraten, ou de impulsar axudas para “promocionar” o traballo de autónomos; ou o ineficaz e fracasado pequeno apoio ao emprendemento; a desenfocada formación profesional sen planificación real das necesidades; ou subsidiar proxectos ao capital privado deitando millóns de euros a un saco sen fondo.

Necesita-se un plan de emprego real e efectivo, coa reactivación dos estaleiros e a diversificación industrial, a potenciación do sector primario co saneamento integral da Ría de Ferrol e a potenciación do marisqueo, a posta en valor do monte e a potenciación da horticultura. Potenciación do cooperativismo e da economía social e solidaria no seu conxunto. Unha renda básica universal. Medidas estruturais a nivel europeo, estatal e galego que impliquen o reparto da riqueza e do emprego. No caso das Terras de Cedeira e Cariño hai que ter en conta a súa especial relación co mar. Así o propio cos concellos rurais agrario-gandeiros. E considera que son os gobernos locais que conforman a Mancomunidade de Municipios, e nos outros que comparten servizos e estreitas relacións nesta zona do noroeste galego, os que tomen a iniciativa para que se aborde a problemática concreta de falta de emprego e prestacións económicas básicas para poder vivir con dignidade. E por último necesita-se que as centrais sindicais e o movimento asociativo en xeral reivindiquen e esixan estas ou outras medidas en beneficio da saúde e o benestar das persoas e do medio ambiente.


As tres manifestacións de Ferrol

Desde hai tempo son tres as manifestacións que se celebran en Ferrol, sede do 1º de Maio das comarcas do noroeste galego. As centrais sindicais organizan por separado o Día Internacional da Clase Obreira con tres manifestacións este primeiro domingo de Maio de 2016.

Manifestación da CIG desde Esteiro, ás 12 do mediodía, co lema "Reformas laborais e lei Mordaza, anulación xa!" , en Ferrol, desde a Avenida de Esteiro e a Praza da Paz 'José Couso', rematando nunha concentración no Cantón de Ferrol.

Manifestación de CCOO e UGT no Inferniño, ás 12 do mediodía co lema "Contra a pobreza laboral e social, traballo e con dereitos", en Ferrol, desde a Estrada de Castela no Inferniño até finalizar na Praza de Galiza, diante do  Teatro Jofre.

Manifestación da CNT desde Recimil, ás 6 da tarde, en Ferrol, desde a Praza do monumento ao 10 de Marzo, co lema "Orgullo e Dignidade Obreira", entre as casa baratas e a Estrada d'As Pias, rematando no Cantón de Ferrol.

Acto n'As Pontes

Xuntos polas Pontes organizou unha homenaxe a todas as persoas que perderon a súa vida en accidentes laborais ou por enfermidades vinculadas ao traballo. A plataforma convida a toda a veciñanza ao acto que se celebrará este domingo 1 de Maio, ás 12 do mediodía. O acto terá lugar nas inmediacións do monumento á traballadora e ao traballador, situado na Canle IV (esquina Rego do Campo).

Desde Ártabra 21, chamamos a participar nas mobilizacións obreiras este 1º de Maio.

Centrais Sindicais na Galiza


  • Confederación Galaica da - CNT/AIT
  • Confederación Intersindical Galega - CIG
  • Confederación Unitaria de Traballadores - CUT
  • Confederación Xeral do Traballo en Galicia - CGT
  • Sindicato Nacional de CCOO de Galicia - CCOO
  • Unión Xeral de Traballadores en Galicia - UGT
  • Unión Sindical de Traballadores Galegos - USTG

  • Confederacións Internacionais
  • Federación Sindical Mundial - FSM
  • Confederación Sindical Internacional - CSI
  • Asociación Internacional dos Traballadores - AIT
  • Global Unions
  • Confederación Europea de Sindicatos - CES

  • Outras centrais sindicais de interese
  • Intersindical Portuguesa - CGTP
  • Sindicato Andaluz de Traballadores/as -SAT
  • Corrente Sindical de Esquerdas -CSI
  • Intersindical Canaria
  • ELA-STV / Sindicato Vasco
  • LAB / Sindicato Vasco
  • Intersindical -CSC / Sindicato Catalán
  • Confederación Intersindical

  • Foto de José Pardo, da manifestación da Folga Comarcakl do 12 de Xuño de 2013 en Ferrol.
    __________


    Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

    Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

    Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
    EmoticonEmoticon