sábado, xuño 18, 2016

Manifestación en Ferrol, como noutras cidades da Galiza e en miles de todo o mundo, por unha pasaxe segura para as persoas refuxiadas, por un forte 'Non ás guerras' e contra as fronteiras criminais - Este domingo 19 de Xuño, ás 12 do mediodía, desde a Praza Amada Garcia, diante do Edificio da Xunta


Este domingo 19 de Xuño, a Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas en Ferrolterra, convocou unha Manifestación en Ferrol, como noutras cidades da Galiza e en miles de todo o mundo, por unha pasaxe segura para as persoas refuxiadas e inmigrantes, por un forte 'Non ás guerras' e contra as fronteiras criminais.

A manifestación de Ferrol, vai saír desde a Praza Amada Garcia, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, este domingo 19 de Xuño, ás 12 do mediodía.

A Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas, foi constituída o pasado 20 de Abril, en Santiago de Compostela, a nivel galego, e a ela están adheridos máis de 70 colectivos, asociacións, ONGD, sindicatos, partidos políticos e persoas individuais. O seu obxectivo é denunciar publicamente a inhumana xestión da crise das persoas refuxiadas levada a cabo polas diferentes institucións e gobernos da Unión Europea.

En Ferrolterra a Rede constituíu-se o 25 de Maio entre entidades xa adscritas a esta rede e outras novas de ámbito local. Presentada publicamente o pasado 31 de Maio nun emotivo acto que contou coa coa presenza de Alberto Ameneiros, veciño da comarca que retornara había escasos días do campo de Idomeni, en Grecia.  Alberto Ameneiros, non só informou da traxedia que viven miles de persoas, senón trouxo unha mensaxe desde os campos de refuxiadas cun único desexo de poder gozar do dereito a vivir en paz e de seren tratadas como seres humanos.

A Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas, convoca estas mobilizacións o 18, 19 e 20 de Xuño declarado Día mundial das persoas refuxiadas [*].

Baixo o lema 'Non ás guerras. Rachemos coas fronteiras' A Coruña, A Guarda, Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo sairán ás rúas para esixir rutas legais sen condicións; o cumprimento dos convenios internacionais en materia de asilo e refuxio; que se revise en profundidade a política migratoria e exterior europea; e o respectos dos dereitos humanos das persoas que se viron obrigadas a fuxir da guerra, a violencia e a fame.

Web de referencia da Rede:
http://www.rederefuxiadas.org/

@GalRefuxiadas

Manifesto subscrito polas organizacións adscritas á Rede o pasado 20 de Abril de 2016 | Acceder/Baixar.

[*] O 4 de decembro de 2000 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas na Resolución 55/76 decide que, a partir do ano 2001, o día 20 de xuño sexa o Día Mundial dos Refuxiados. | + Info.
____________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon