venres, xullo 08, 2016

A eurodiputada galega, Lídia Senra, denunciou que “Europa está en guerra contra un inimigo inventado”, polo que vota en Estrasburgo en contra da nova Axencia da Garda Europea de Fronteiras e Costas, e chama a resolver a grave crise humanitaria actual e a abandonar as políticas que tratan ás persoas migrantes como inimigas


AGEe vota en Estrasburgo en contra da nova Axencia da Garda Europea de Fronteiras e Costas. | Lídia Senra chama a resolver a grave crise humanitaria actual e a abandonar as políticas que tratan ás persoas migrantes como inimigas. | Tacha de reprobable a actitude da UE por non buscar solucións ás causas que orixinan a migración e a demanda de asilo das refuxiadas.


Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), votou hoxe no pleno do Parlamento Europeo en Estrasburgo, en contra da nova proposta de regulamento relativo á Garda Costeira e de Fronteiras Europea. A Eurocámara debateu esta mañá as novas competencias que terá a ata o de agora Axencia Europea para a Xestión da Cooperación Operativa nas Fronteiras Exteriores dos Estados membros da UE, Frontex, que será transformada en Axencia da Garda Europea de Fronteiras e Costas.

O representante do Parlamento Europeo nas negociacións interinstitucionais, Artis Pabriks, explicou que a axencia de Frontex ampliará, unha vez aprobada hoxe a proposta, a súas misións e terá poderes e obrigas estendidas, “podendo prestar axuda a calquera país da UE que se enfronte a presión desproporcionada da migración ou a calquera outro tipo de problemas potenciais nas súas fronteiras externas”. A nova axencia estará composta por 1.500 gardas fronteirizos, capaces de chegar a calquera lugar en 72 horas e tamén terá a facultade de repatriar ás persoas migrantes. “En caso de que un Estado se negue a cooperar coa nova axencia e poña baixo ameaza o funcionamento normal da zona Schengen, os demais membros da UE poderán introducir o control fronteirizo con ese Estado”, explicou Artis Pabriks no pleno.

Fronte a esta posición, Lídia Senra, en consonancia coa campaña, impulsada por movementos sociais, Frontex Exit, denunciou que “Europa está en guerra contra un inimigo inventado”, e criticou que a aprobación da nova Frontex non supón máis que “insistir nesa idea de que as persoas migrantes son unha ameaza para a seguridade da UE mentres o respecto aos dereitos fundamentais brilla pola súa ausencia novamente”.

A eurodeputada galega considera que o novo proxecto non aborda a urxencia humanitaria que se está a dar nas fronteiras da UE e que fai oídos xordos aos graves problemas de violación de dereitos fundamentais. A nova axencia terá competencias para recoller e procesar máis datos persoais dos migrantes e para transmitir esta información á Europol sen as garantías de protección de datos necesarias. Senra criticou que a Unión Europea siga negándose a abordar o reto real ao que se enfronta hoxe en día, cando “moitas mulleres e homes seguen a morrer cada día na auga tratando de chegar a Europa e a axencia non fai nada” e cando segue sen resolverse de forma efectiva a crise das persoas refuxiadas. “A UE está a levar a cabo unha política totalmente nefasta e reprobable. Non está a facer nada para resolver as guerras e conflitos que hai nos países de orixe das persoas migrantes. Estamos falando de persoas que foxen de zonas de conflito e demandan asilo e tamén de persoas que foxen da miseria provocada pola rapiña das multinacionais e das potencias occidentais nos seus países e a UE non fai nada nin para garantirlles o dereito ao asilo nin para poñer fin ao saqueo de recursos naturais que as multinacionais levan a cabo nesas zonas”. “O que habería que facer é combater as causas que provocan a migración forzada, proporcionar asilo e acollida e desenvolver políticas en condicións que respecten os dereitos humanos”, insistiu.

Antes da votación no pleno deste mércores, o martes pola tarde Lídia Senra, ao igual que varias eurodeputadas e eurodeputados do GUE/NGL, participou naprotesta ás portas da sede do Parlamento Europeo, en Estrasburgo, contra a que é coñecida como nova Frontex.

Lídia Senra insiste que en lugar de levar a cabo este tipo de reformas, a UE debería centrarse en garantir os dereitos de asilo e acollida e a actuar en situacións sangrantes como a que se está a dar en Hungría, onde máis de 600 persoas xa foron expulsadas ao outro lado das vallas fronteirizas e non reciben asistencia.

Santiago, a 6 de xullo de 2016.

---

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

lidia.senra@europarl.europa.eu

Equipa de Comunicación AGEe:
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Bruxelas:
vera.montotovazquez@europarl.europa.eu
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Galiza:
age.europa.galiza@gmail.com
Xornal dixital de AGEe:
http://ageuropa.gal/

   


Enviado por:
AGE Europa - Galiza
-age.europa.galiza@gmail.com-
6 de julho de 2016 13:09
__________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon