venres, xullo 08, 2016

A eurodeputada galega, Lídia Senra, que participou nunha protesta no Parlamento Europeo organizada polo GUE, chama a pór fin ao austericidio público e esíxelle a De Guindos e tamén a Feijóo que actúen con transparencia e expliquen os recortes previstos en pensións, sanidade e educación


Lídia Senra: “O PP vendeu fume para gañar as eleccións e agora a chantaxe da UE por déficit pagarémola tod@s”. | Esíxelle a De Guindos e tamén a Feijóo que actúen con transparencia e expliquen os recortes previstos en pensións, sanidade e educación. | A eurodeputada de AGE, que participou nunha protesta no Parlamento Europeo organizada polo GUE, chama a pór fin ao austericidio público
.

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), acusou este xoves ao Partido Popular de “vender fume” nos últimos anos e meses para gañar as eleccións no Estado español e agora a realidade é que seremos “todas e todos, o pobo, quen pagaremos as esixencias da Unión Europea por déficit como non poñamos freo á súa chantaxe”. Senra reacciona así ante a decisión do Colexio de Comisarios, que hoxe adoptou o ditame negativo sobre as medidas tomadas polo Goberno do Estado español para cumprir os obxectivos de déficit pactados coa UE, o que activa o proceso que pode derivar nunha multa ao Estado español con ata 2.000 millóns de euros e a conxelación de parte dos fondos comunitarios que lle corresponden.

A Comisión Europea sostén que España se desviou no obxectivo de déficit en 2014 nunha décima (5,9% fronte ao 5,8% pactado) e en 2015 –ano electoral- nun punto (5,1% fronte ao 4,2% pactado) e incide en que “as medidas de saneamento do sistema de pensións e as administracións públicas” adoptadas no Estado español, “non teñen sido suficientes para compensar as medidas expansivas”.

O PP vendeu fume para poder gañar as eleccións, ata actuou irresponsablemente no cumprimento do nivel de déficit que pode supoñer unha multa, e aínda que non haxa multa, as esixencias da UE imos ter que pagalas todos e todas nós. Levou o déficit público ao 100% do PIB. E se finalmente a dereita segue a gobernar no Estado español, lexislará por decreto, sen necesidade de acordo parlamentario, para aumentar os impostos indirectos, que son os que afectan ás clases populares, e continuar co austericidio e a política de recortes de servizos públicos de cara a cumprir o que esixe Bruxelas”, denunciou onte a eurodeputada galega.

Lídia Senra reclámalle ao Ministro de Economía en funcións, Luis de Guindos, quen se amosaba esta semana convencido de que a UE non vai multar ao Estado español, que antes de que os parlamentarios e parlamentarias voten a investidura do novo Goberno, nos diga a todas e todos que vai facer o PP para cumprir co esixido por Bruxelas, porque se non soben os impostos e cotizacións sociais, terán que reducir os gastos públicos. “E isto xa sabemos como vai: Recortes en sanidade, educación, salarios, funcionarios e funcionarias e quen sabe se finalmente, nas pensións tamén, para acadar os obxectivos neoliberais de privatizar as pensións mediante a contratación privada de plans de pensións”, engadiu a eurodeputada, quen tamén lle demandou claridade ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e que “deixe de dicir que isto non vai con Galiza e de enganar á cidadanía nas vésperas das eleccións galegas previstas para este outono”.

Contextualización

Lídia Senra asegura que o PP vendeu fume polo seguinte: O Estado español aplicou unha rebaixa fiscal no IRPF para todos os tramos e tamén reduciu o Imposto sobre Sociedades do 30% ao 28% en 2015 e do 25% en 2016. No Imposto sobre Sociedades, a meirande parte das empresas (PEMES) xa estaban pagando o 25% (e seguirano pagando logo da rebaixa) e estes tipos máximos só lles afectaban ás grandes empresas. É dicir, que na práctica, no imposto sobre sociedades elimínase a progresividade. As rebaixas fiscais viñeron sobre impostos directos, aqueles que se aplican en función do volume de riqueza (rendementos do traballo ou beneficios empresariais), mentres que non se tocou o IVE que foi subido no seu momento e que afecta por igual a todas as persoas, independentemente do volume de ingresos que estas teñan.

Luis de Guindos di que coas novas previsións do Estado español para 2016 e 2017, a Unión Europea finalmente non aplicará a multa. Pero a Comisión Europea afirma que o Estado Español non cumprirá cos obxectivos de déficit, polo que nos programas de estabilidade para 2017 e 2018 deberá aplicar novos recortes no gasto público ou aumento de impostos, previsiblemente nos indirectos, quedando lonxe da promesa electoral e irreal de non subir os impostos.

Para poder chegar aos obxectivos de déficit, non se podían baixar os impostos no 2015, pero baixáronse por ser ano electoral, e baixáronse nos impostos directos, mantendo os indirectos. Por riba, seguirán tendo que recorrer ao fondo das pensións porque as cotizacións correntes das traballadoras e traballadores non chegan para facer fronte ao pago das pensións. O cal non é de estrañar co índice de desemprego actual.

A opinión da Comisión Europea deberá agora ser validada o 12 de xullo no Consello Europeo de Ministros de Economía e Finanzas.

Lídia Senra esíxelle a De Guindos que actúe xa con total transparencia e diga publicamente a toda a cidadanía en que se van traducir exactamente os escenarios orzamentarios que planea o PP e en que van basear as alegacións á CE. “Que nos diga cales son os esforzos fiscais aos que se vai comprometer e como vai afectar aos impostos. Cantos e a quen? Ten que dicirnos se lle vai tocar ás pensións e se van seguir desmantelando a sanidade e o ensino públicos”, reclamou a eurodeputada, que quixo deixar clara a posición de AGE contraria á “chantaxe da Unión Europea e da banca” e avogou por facer unha auditoría da débeda pública, negarse a pagar a débeda ilexítima e poñer fin ao austericidio (como se cualifica á política brutal de recortes en servizos públicos básicos).A membro de AGEe participou este xoves pola mañá tamén, na sede do Parlamento Europeo en Estrasburgo, nunha protesta organizada polo GUE/NGL contra a citada chantaxe.

Santiago, a 7 de Xullo de 2016

---

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

lidia.senra@europarl.europa.eu

Equipa de Comunicación AGEe:
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Bruxelas:
vera.montotovazquez@europarl.europa.eu
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Galiza:
age.europa.galiza@gmail.com
Xornal dixital de AGEe:
http://ageuropa.gal/

   


Enviado por:
AGE Europa - Galiza
-age.europa.galiza@gmail.com-
7 de julho de 2016 16:48
__________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon