Amosando publicacións coa etiqueta Déficit Público. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Déficit Público. Amosar todas as publicacións

domingo, xullo 31, 2016

Lídia Senra: “A ‘non aplicación’ da multa non pode repercutir en máis ataques ás clases populares” - A ameaza de suspensión de fondos feita pola CE evidencia que o Estado está intervido por Bruxelas - O goberno Español comprometeu-se a aplicar un duro axuste para o ano 2017 - A eurodeputada galega formula unha batería de medidas a aplicar para facer fronte ao déficit, incluída unha posíbel saída do Euro


A oficina en Bruxelas da eurodeputada galega, Lídia Senra, remitiu-nos unha moi interesante información que nos vai comezar a afectar nos vindeiros meses. E non se trata do Brexit, onde o segundo maior contribuidor ás arcas europeas decidiu abandonar o barco da UE que seguro nós vai afectar e moito. Non, trata-se da "non aplicación da sanción de 2.200 millóns de euros" por incumprimento do déficit, a cambio dun forte axuste económico e social. O Goberno en funcións de Mariano Rajoy, comprometeu ao polo de agora Reino de España, a aplicar un duro axuste para o ano 2017. Desde Ártabra 21 convidamos a ler as dúas novas con atención e tomar nota do que se aveciña. Un novo goberno do cambio, tería que saber que o que iría facer fronte a isto no caso de acadar o poder nas institucións. Os próximos invernos van ser duros.

Lídia Senra: “A ‘non aplicación’ da multa non pode repercutir en máis ataques ás clases populares”. | A eurodeputada de AGEe plantexa unha batería de medidas a aplicar para facer fronte ao déficit, incluída unha posíbel saída do Euro. | Salienta a necesidade dun Goberno disposto a “dar pasos” para recuperar a Soberanía Popular e facer fronte á ditadura de Bruxelas.

O feito de que o Estado español e Portugal, non sexan multados por incumprir os obxectivos de déficit do 2015 é positivo, xa que o contrario, no caso do Estado Español, suporía sacar das arcas públicas uns 2.200 millóns de euros, tendo como consecuencia un incremento dos xa asfixiantes recortes que vimos sufrindo nos últimos tempos [1].

Agora ben, esta “non aplicación” da sanción non é gratuíta. O Goberno en funcións comprometeuse a aplicar un duro axuste para o ano 2017, para reducir o déficit do 5,2% -en 2015- ao 4,6% no 2016, para situarse en 2018 no 2,2%, é dicir, por embaixo do 3% que establece o Pacto de Estabilidade. A Comisión Europea xa puxo en marcha a chantaxe conxelando, polo momento, os fondos estruturais que recibe o Estado até saber cales son as medidas concretas que vai acometer o Goberno español para levar adiante os recortes comprometidos.

Diante deste novo contexto, “o primeiro que debería facer o Goberno español é explicar claramente que accións vai emprender para chegar aos obxectivos de déficit aos que se comprometeron”, esixiu a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda (AGEe), Lídia Senra. Tendo en conta que a data límite para tomar medidas é o 15 de outubro de 2016, “é máis que urxente que este Goberno en funcións explique os compromisos asumidos”, apremiou.

Ademais disto, “cómpre esixir con contundencia que calquera compromiso para reducir o déficit debe pasar por incrementar os ingresos para o erario público sen acudir a privatizacións de ningún tipo nin cargar os impostos indirectos”, evitando que recaian novamente sobre as clases populares.

Estas son algunhas das medidas que a eurodeputada de AGEe identifica como necesarias para afrontar a crise provocada polas políticas de austeridade impostas para reducir o déficit:
  1. O primeiro paso debería ir no camiño de que sexan os bancos e as grandes empresas responsábeis da débeda pública quen asuma a parte que lle corresponde dos xuros da débeda -nos orzamentos de 2016 adícanse 34.000 millóns de euros so para pagar os xuros da débeda.
  2. Lexislar para poñer fin á elusión [2] e á evasión fiscal, obrigando ás grandes empresas a pagar os seus impostos. Cómpre recordar que o Ibex-35 triplicou a súa presenza en paraísos fiscais durante a crise. E que, segundo un informe de Oxfam Intermon e o ORCS, o Banco de Santander é o principal beneficiario da elusión fiscal con 235 filiais localizadas en territorios con vantaxes fiscais.
  3. Negarse a que sexa Bruxelas quen marque os obxectivos de déficit do Estado e as regras para reducilo, xa que isto impide facer políticas sociais, provoca o desmantelamento dos servizos públicos básicos como sanidade, ensino ou os servizos sociais, ameaza as pensións, obriga a privatizar todo o que nos queda público, provoca unha enorme destrución de emprego e impón “reformas” para arrebatar os dereitos laborais conquistados polas loitas das e dos traballadores.
  4. Facer fronte ás imposicións que significa o actual proxecto de integración neoliberal e autoritaria, mediante actuacións que permitan a recuperación da Soberanía Popular e o dereito a decidir dos pobos. Neste sentido esiximos a retirada do denominado “documento dos cinco presidentes” sobre como avanzar na construción dunha unión económica e monetaria, por canto supón afondar aínda máis nestas políticas neoliberais que nos están destruíndo.
  5. Eliminar da Constitución Española a obriga de priorizar o pago da débeda.
“A Comisión Europea utiliza a chantaxe para lograr os seus obxectivos sabendo que as súas imposicións supoñen aumentar aínda máis o noso empobrecemento e a precarización das clases populares”, advertiu a eurodeputada galega. Por iso “cómpre un Goberno disposto a dar pasos”, reivindicou, “os pasos necesarios para recuperar a capacidade de decidir sobre os orzamentos e sobre o nivel de déficit en función dos intereses da maioría. Os pasos necesarios para priorizar políticas para manter os servizos públicos e os bens comúns a salvo das privatizacións, chegando mesmo ao abandono da moeda única se fora preciso para garantir os dereitos das persoas. Os pasos necesarios para crear emprego e recuperar a capacidade de desenvolver todos os nosos sectores produtivos e para que o respecto aos dereitos humanos, entre eles a saúde, a educación, ou o dereito á folga... estean por enriba dos intereses do capital”.

Bruxelas, a 28 de Xullo de 2016.

“A ameaza de suspensión de fondos feita pola CE evidencia que o Estado está intervido por Bruxelas”. | Achegamos listaxe correspondente aos fondos europeos propostos para suspensión pola CE e carta na que o PE acepta debate estruturado. | Senra esixe que Feijoo “dea a cara” para explicar o impacto nos orzamentos da Xunta e demanda oposición total ás medidas da UE.

O pasado 14 de xullo o Vicepresidente da Comisión Europea Jyrki Katainen remitiu unha carta ao Presidente do Parlamento Europeo, Martin Schulz, achegando unha lista de posíbeis Fondos Estruturais e de Investimento Social Europeo que poderían ser conxelados no Estado español e Portugal en virtude da Normativa de Disposicións Comúns que rexe este tipo de fondos -entre os que se atopan, entre outros, o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural ou o Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e que prevé que parte deses recursos podan ser suspendidos se o Consello decide que un Estado membro non tomou medidas eficaces en resposta a unha recomendación emitida no contexto do Procedemento de Déficit Excesivo.

Posto que o pasado 12 de xullo, á vista de que o déficit do Estado español e Portugal non era inferior ao 3%, o Consello ditaminou que estes Estados realizaron un esforzo orzamentario que ficou “moi por embaixo do recomendado”, dánse xa as condicións contempladas pola tecnocracia europea para proceder á chantaxe da ameaza de suspensión de fondos públicos a estes dous Estados membro.

Nos fondos propostos para suspensión atópanse tódolos plans de desenvolvemento rural do Estado español, polo tanto tamén o galego; así como programas de dimensión estatal que afectan directamente ao noso País, como o Programa Operativo Rexional; o Programa Operativo do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca; o Programa Operativo de Emprego, Formación e Educación; o Programa Operativo de Inclusión e Economía Social; o Programa Operativo de Asistencia Técnica; o Programa Operativo de Crecemento Intelixente; o Programa Operativo de Crecemento Sustentábel ou o Programa Operativo Iniciativa PEME, entre outros.

O 25 de xullo o Presidente do Parlamento remitiu unha carta ao Presidente da Comisión Europea, Jean Claude Juncker, aceptando a proposta da CE de que logo do verán teña lugar un debate estruturado entre a Comisión Europea e o Parlamento Europeo a fin de discutir, no caso de que finalmente se dea unha suspensión de fondos, cales dos sinalados na lista proposta pola Comisión Europea serían os afectados. Logo deste proceso a Comisión Europea proporá para a súa aprobación no Consello Europeo -conformado polos/as presidentes dos estados membros- unha lista de fondos a conxelar, como castigo ao incumprimento do déficit do Estado Español.

“De concretarse a posibilidade da suspensión de fondos -sinalou a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra-, o Plan Estratéxico 2015-2020 do que alardea Feijoo, e que mesmo nos veu ‘vender’ a Bruxelas o Conselleiro de Facenda, podería converterse en papel mollado”.

Este escenario de violencia económica debuxado polas institucións europeas, “pon de manifesto algo que sempre se quixo ocultar, que é a intervención do Estado español por parte de Bruxelas”, analizou a eurodeputada galega. “Chantaxear con cartos públicos para obrigar a favorecer aos intereses privados a través de recortes e privatizacións é totalmente inmoral e atentatorio contra os Dereitos Humanos; é arrepiante que a Comisión Europea empregue a extorsión para afondar nunhas políticas de austeridade que están levando ao aumento da pobreza e da exclusión social, á falta de recursos para o coidado da saúde a través do desmantelamento da Sanidade, á restrición do acceso á educación, e toda unha batería de medidas orientadas a atacar ás clases populares”.

Reiteramos que o Goberno central en funcións ten que explicar inmediatamente en que vai concretar os recortes comprometidos para acadar a redución do déficit orzamentario, así como explicar tamén se vai adoptar medidas con relación ao outros aspectos recollidos no Memorando de 2012, como as reformas do mercado laboral, das pensións, o déficit tarifario, etc.

“O Goberno tense que opor rotundamente á conxelación de fondos, esixir á Comisión que retire esta chantaxe e desbotar as medidas neoliberais da UE apostando por aquelas que vaian directamente sobre os responsábeis das crise económica e non sobre as clases populares” [3], esixiu Lídia Senra. “Se a chantaxe vai adiante e din que ou cumprimos co Memorando ou ficamos fóra da UE, o Goberno ten que tomar a decisión clara de romper ca Unión Europea. Non pode pasar o que pasou en Grecia”.

A eurodeputada de AGEe esixiu tamén “un posicionamento claro” por parte da Xunta de Galicia diante da ameaza lanzada pola Comisión: “o Presidente Feijoo ten que dar a cara publicamente para explicar cal sería o impacto dunha medida deste tipo nos programas afectados e, en xeral, nos propios orzamentos da Xunta de Galiza”.

Bruxelas, a 29 de Xullo de 2016.

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

lidia.senra@europarl.europa.eu

Equipa de Comunicación AGEe:
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Bruxelas:
vera.montotovazquez@europarl.europa.eu
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Galiza:
age.europa.galiza@gmail.com
Xornal dixital de AGEe:
http://ageuropa.gal/

   


[1] O pasado sete de xullo, coincidindo coa sesión plenaria, o Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), no que Alternativa Galega de Esquerda (AGEe) está integrada, realizou unha acción de denuncia na sede do Parlamento Europeo en Estrasburgo en contra da aplicación da sanción.
[2]  A elusión fiscal é calquera acción, en principio por vías legais, que persegue evitar ou minimizar o pago de impostos [Ir á WipiquediA].

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
28 de julho de 2016 17:16
29 de julho de 2016 21:46
__________________________

venres, xullo 08, 2016

A eurodeputada galega, Lídia Senra, que participou nunha protesta no Parlamento Europeo organizada polo GUE, chama a pór fin ao austericidio público e esíxelle a De Guindos e tamén a Feijóo que actúen con transparencia e expliquen os recortes previstos en pensións, sanidade e educación


Lídia Senra: “O PP vendeu fume para gañar as eleccións e agora a chantaxe da UE por déficit pagarémola tod@s”. | Esíxelle a De Guindos e tamén a Feijóo que actúen con transparencia e expliquen os recortes previstos en pensións, sanidade e educación. | A eurodeputada de AGE, que participou nunha protesta no Parlamento Europeo organizada polo GUE, chama a pór fin ao austericidio público
.

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), acusou este xoves ao Partido Popular de “vender fume” nos últimos anos e meses para gañar as eleccións no Estado español e agora a realidade é que seremos “todas e todos, o pobo, quen pagaremos as esixencias da Unión Europea por déficit como non poñamos freo á súa chantaxe”. Senra reacciona así ante a decisión do Colexio de Comisarios, que hoxe adoptou o ditame negativo sobre as medidas tomadas polo Goberno do Estado español para cumprir os obxectivos de déficit pactados coa UE, o que activa o proceso que pode derivar nunha multa ao Estado español con ata 2.000 millóns de euros e a conxelación de parte dos fondos comunitarios que lle corresponden.

A Comisión Europea sostén que España se desviou no obxectivo de déficit en 2014 nunha décima (5,9% fronte ao 5,8% pactado) e en 2015 –ano electoral- nun punto (5,1% fronte ao 4,2% pactado) e incide en que “as medidas de saneamento do sistema de pensións e as administracións públicas” adoptadas no Estado español, “non teñen sido suficientes para compensar as medidas expansivas”.

“O PP vendeu fume para poder gañar as eleccións, ata actuou irresponsablemente no cumprimento do nivel de déficit que pode supoñer unha multa, e aínda que non haxa multa, as esixencias da UE imos ter que pagalas todos e todas nós. Levou o déficit público ao 100% do PIB. E se finalmente a dereita segue a gobernar no Estado español, lexislará por decreto, sen necesidade de acordo parlamentario, para aumentar os impostos indirectos, que son os que afectan ás clases populares, e continuar co austericidio e a política de recortes de servizos públicos de cara a cumprir o que esixe Bruxelas”, denunciou onte a eurodeputada galega.

Lídia Senra reclámalle ao Ministro de Economía en funcións, Luis de Guindos, quen se amosaba esta semana convencido de que a UE non vai multar ao Estado español, que antes de que os parlamentarios e parlamentarias voten a investidura do novo Goberno, nos diga a todas e todos que vai facer o PP para cumprir co esixido por Bruxelas, porque se non soben os impostos e cotizacións sociais, terán que reducir os gastos públicos. “E isto xa sabemos como vai: Recortes en sanidade, educación, salarios, funcionarios e funcionarias e quen sabe se finalmente, nas pensións tamén, para acadar os obxectivos neoliberais de privatizar as pensións mediante a contratación privada de plans de pensións”, engadiu a eurodeputada, quen tamén lle demandou claridade ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e que “deixe de dicir que isto non vai con Galiza e de enganar á cidadanía nas vésperas das eleccións galegas previstas para este outono”.

Contextualización

Lídia Senra asegura que o PP vendeu fume polo seguinte: O Estado español aplicou unha rebaixa fiscal no IRPF para todos os tramos e tamén reduciu o Imposto sobre Sociedades do 30% ao 28% en 2015 e do 25% en 2016. No Imposto sobre Sociedades, a meirande parte das empresas (PEMES) xa estaban pagando o 25% (e seguirano pagando logo da rebaixa) e estes tipos máximos só lles afectaban ás grandes empresas. É dicir, que na práctica, no imposto sobre sociedades elimínase a progresividade. As rebaixas fiscais viñeron sobre impostos directos, aqueles que se aplican en función do volume de riqueza (rendementos do traballo ou beneficios empresariais), mentres que non se tocou o IVE que foi subido no seu momento e que afecta por igual a todas as persoas, independentemente do volume de ingresos que estas teñan.

Luis de Guindos di que coas novas previsións do Estado español para 2016 e 2017, a Unión Europea finalmente non aplicará a multa. Pero a Comisión Europea afirma que o Estado Español non cumprirá cos obxectivos de déficit, polo que nos programas de estabilidade para 2017 e 2018 deberá aplicar novos recortes no gasto público ou aumento de impostos, previsiblemente nos indirectos, quedando lonxe da promesa electoral e irreal de non subir os impostos.

Para poder chegar aos obxectivos de déficit, non se podían baixar os impostos no 2015, pero baixáronse por ser ano electoral, e baixáronse nos impostos directos, mantendo os indirectos. Por riba, seguirán tendo que recorrer ao fondo das pensións porque as cotizacións correntes das traballadoras e traballadores non chegan para facer fronte ao pago das pensións. O cal non é de estrañar co índice de desemprego actual.

A opinión da Comisión Europea deberá agora ser validada o 12 de xullo no Consello Europeo de Ministros de Economía e Finanzas.

Lídia Senra esíxelle a De Guindos que actúe xa con total transparencia e diga publicamente a toda a cidadanía en que se van traducir exactamente os escenarios orzamentarios que planea o PP e en que van basear as alegacións á CE. “Que nos diga cales son os esforzos fiscais aos que se vai comprometer e como vai afectar aos impostos. Cantos e a quen? Ten que dicirnos se lle vai tocar ás pensións e se van seguir desmantelando a sanidade e o ensino públicos”, reclamou a eurodeputada, que quixo deixar clara a posición de AGE contraria á “chantaxe da Unión Europea e da banca” e avogou por facer unha auditoría da débeda pública, negarse a pagar a débeda ilexítima e poñer fin ao austericidio (como se cualifica á política brutal de recortes en servizos públicos básicos).A membro de AGEe participou este xoves pola mañá tamén, na sede do Parlamento Europeo en Estrasburgo, nunha protesta organizada polo GUE/NGL contra a citada chantaxe.

Santiago, a 7 de Xullo de 2016

---

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

lidia.senra@europarl.europa.eu

Equipa de Comunicación AGEe:
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Bruxelas:
vera.montotovazquez@europarl.europa.eu
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Galiza:
age.europa.galiza@gmail.com
Xornal dixital de AGEe:
http://ageuropa.gal/

   


Enviado por:
AGE Europa - Galiza
-age.europa.galiza@gmail.com-
7 de julho de 2016 16:48
__________