domingo, xullo 31, 2016

Lídia Senra: “A ‘non aplicación’ da multa non pode repercutir en máis ataques ás clases populares” - A ameaza de suspensión de fondos feita pola CE evidencia que o Estado está intervido por Bruxelas - O goberno Español comprometeu-se a aplicar un duro axuste para o ano 2017 - A eurodeputada galega formula unha batería de medidas a aplicar para facer fronte ao déficit, incluída unha posíbel saída do Euro


A oficina en Bruxelas da eurodeputada galega, Lídia Senra, remitiu-nos unha moi interesante información que nos vai comezar a afectar nos vindeiros meses. E non se trata do Brexit, onde o segundo maior contribuidor ás arcas europeas decidiu abandonar o barco da UE que seguro nós vai afectar e moito. Non, trata-se da "non aplicación da sanción de 2.200 millóns de euros" por incumprimento do déficit, a cambio dun forte axuste económico e social. O Goberno en funcións de Mariano Rajoy, comprometeu ao polo de agora Reino de España, a aplicar un duro axuste para o ano 2017. Desde Ártabra 21 convidamos a ler as dúas novas con atención e tomar nota do que se aveciña. Un novo goberno do cambio, tería que saber que o que iría facer fronte a isto no caso de acadar o poder nas institucións. Os próximos invernos van ser duros.

Lídia Senra: “A ‘non aplicación’ da multa non pode repercutir en máis ataques ás clases populares”. | A eurodeputada de AGEe plantexa unha batería de medidas a aplicar para facer fronte ao déficit, incluída unha posíbel saída do Euro. | Salienta a necesidade dun Goberno disposto a “dar pasos” para recuperar a Soberanía Popular e facer fronte á ditadura de Bruxelas.

O feito de que o Estado español e Portugal, non sexan multados por incumprir os obxectivos de déficit do 2015 é positivo, xa que o contrario, no caso do Estado Español, suporía sacar das arcas públicas uns 2.200 millóns de euros, tendo como consecuencia un incremento dos xa asfixiantes recortes que vimos sufrindo nos últimos tempos [1].

Agora ben, esta “non aplicación” da sanción non é gratuíta. O Goberno en funcións comprometeuse a aplicar un duro axuste para o ano 2017, para reducir o déficit do 5,2% -en 2015- ao 4,6% no 2016, para situarse en 2018 no 2,2%, é dicir, por embaixo do 3% que establece o Pacto de Estabilidade. A Comisión Europea xa puxo en marcha a chantaxe conxelando, polo momento, os fondos estruturais que recibe o Estado até saber cales son as medidas concretas que vai acometer o Goberno español para levar adiante os recortes comprometidos.

Diante deste novo contexto, “o primeiro que debería facer o Goberno español é explicar claramente que accións vai emprender para chegar aos obxectivos de déficit aos que se comprometeron”, esixiu a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda (AGEe), Lídia Senra. Tendo en conta que a data límite para tomar medidas é o 15 de outubro de 2016, “é máis que urxente que este Goberno en funcións explique os compromisos asumidos”, apremiou.

Ademais disto, “cómpre esixir con contundencia que calquera compromiso para reducir o déficit debe pasar por incrementar os ingresos para o erario público sen acudir a privatizacións de ningún tipo nin cargar os impostos indirectos”, evitando que recaian novamente sobre as clases populares.

Estas son algunhas das medidas que a eurodeputada de AGEe identifica como necesarias para afrontar a crise provocada polas políticas de austeridade impostas para reducir o déficit:
  1. O primeiro paso debería ir no camiño de que sexan os bancos e as grandes empresas responsábeis da débeda pública quen asuma a parte que lle corresponde dos xuros da débeda -nos orzamentos de 2016 adícanse 34.000 millóns de euros so para pagar os xuros da débeda.
  2. Lexislar para poñer fin á elusión [2] e á evasión fiscal, obrigando ás grandes empresas a pagar os seus impostos. Cómpre recordar que o Ibex-35 triplicou a súa presenza en paraísos fiscais durante a crise. E que, segundo un informe de Oxfam Intermon e o ORCS, o Banco de Santander é o principal beneficiario da elusión fiscal con 235 filiais localizadas en territorios con vantaxes fiscais.
  3. Negarse a que sexa Bruxelas quen marque os obxectivos de déficit do Estado e as regras para reducilo, xa que isto impide facer políticas sociais, provoca o desmantelamento dos servizos públicos básicos como sanidade, ensino ou os servizos sociais, ameaza as pensións, obriga a privatizar todo o que nos queda público, provoca unha enorme destrución de emprego e impón “reformas” para arrebatar os dereitos laborais conquistados polas loitas das e dos traballadores.
  4. Facer fronte ás imposicións que significa o actual proxecto de integración neoliberal e autoritaria, mediante actuacións que permitan a recuperación da Soberanía Popular e o dereito a decidir dos pobos. Neste sentido esiximos a retirada do denominado “documento dos cinco presidentes” sobre como avanzar na construción dunha unión económica e monetaria, por canto supón afondar aínda máis nestas políticas neoliberais que nos están destruíndo.
  5. Eliminar da Constitución Española a obriga de priorizar o pago da débeda.
A Comisión Europea utiliza a chantaxe para lograr os seus obxectivos sabendo que as súas imposicións supoñen aumentar aínda máis o noso empobrecemento e a precarización das clases populares”, advertiu a eurodeputada galega. Por iso “cómpre un Goberno disposto a dar pasos”, reivindicou, “os pasos necesarios para recuperar a capacidade de decidir sobre os orzamentos e sobre o nivel de déficit en función dos intereses da maioría. Os pasos necesarios para priorizar políticas para manter os servizos públicos e os bens comúns a salvo das privatizacións, chegando mesmo ao abandono da moeda única se fora preciso para garantir os dereitos das persoas. Os pasos necesarios para crear emprego e recuperar a capacidade de desenvolver todos os nosos sectores produtivos e para que o respecto aos dereitos humanos, entre eles a saúde, a educación, ou o dereito á folga... estean por enriba dos intereses do capital”.

Bruxelas, a 28 de Xullo de 2016.

“A ameaza de suspensión de fondos feita pola CE evidencia que o Estado está intervido por Bruxelas”. | Achegamos listaxe correspondente aos fondos europeos propostos para suspensión pola CE e carta na que o PE acepta debate estruturado. | Senra esixe que Feijoo “dea a cara” para explicar o impacto nos orzamentos da Xunta e demanda oposición total ás medidas da UE.

O pasado 14 de xullo o Vicepresidente da Comisión Europea Jyrki Katainen remitiu unha carta ao Presidente do Parlamento Europeo, Martin Schulz, achegando unha lista de posíbeis Fondos Estruturais e de Investimento Social Europeo que poderían ser conxelados no Estado español e Portugal en virtude da Normativa de Disposicións Comúns que rexe este tipo de fondos -entre os que se atopan, entre outros, o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural ou o Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e que prevé que parte deses recursos podan ser suspendidos se o Consello decide que un Estado membro non tomou medidas eficaces en resposta a unha recomendación emitida no contexto do Procedemento de Déficit Excesivo.

Posto que o pasado 12 de xullo, á vista de que o déficit do Estado español e Portugal non era inferior ao 3%, o Consello ditaminou que estes Estados realizaron un esforzo orzamentario que ficou “moi por embaixo do recomendado”, dánse xa as condicións contempladas pola tecnocracia europea para proceder á chantaxe da ameaza de suspensión de fondos públicos a estes dous Estados membro.

Nos fondos propostos para suspensión atópanse tódolos plans de desenvolvemento rural do Estado español, polo tanto tamén o galego; así como programas de dimensión estatal que afectan directamente ao noso País, como o Programa Operativo Rexional; o Programa Operativo do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca; o Programa Operativo de Emprego, Formación e Educación; o Programa Operativo de Inclusión e Economía Social; o Programa Operativo de Asistencia Técnica; o Programa Operativo de Crecemento Intelixente; o Programa Operativo de Crecemento Sustentábel ou o Programa Operativo Iniciativa PEME, entre outros.

O 25 de xullo o Presidente do Parlamento remitiu unha carta ao Presidente da Comisión Europea, Jean Claude Juncker, aceptando a proposta da CE de que logo do verán teña lugar un debate estruturado entre a Comisión Europea e o Parlamento Europeo a fin de discutir, no caso de que finalmente se dea unha suspensión de fondos, cales dos sinalados na lista proposta pola Comisión Europea serían os afectados. Logo deste proceso a Comisión Europea proporá para a súa aprobación no Consello Europeo -conformado polos/as presidentes dos estados membros- unha lista de fondos a conxelar, como castigo ao incumprimento do déficit do Estado Español.

De concretarse a posibilidade da suspensión de fondos -sinalou a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra-, o Plan Estratéxico 2015-2020 do que alardea Feijoo, e que mesmo nos veu ‘vender’ a Bruxelas o Conselleiro de Facenda, podería converterse en papel mollado”.

Este escenario de violencia económica debuxado polas institucións europeas, “pon de manifesto algo que sempre se quixo ocultar, que é a intervención do Estado español por parte de Bruxelas”, analizou a eurodeputada galega. “Chantaxear con cartos públicos para obrigar a favorecer aos intereses privados a través de recortes e privatizacións é totalmente inmoral e atentatorio contra os Dereitos Humanos; é arrepiante que a Comisión Europea empregue a extorsión para afondar nunhas políticas de austeridade que están levando ao aumento da pobreza e da exclusión social, á falta de recursos para o coidado da saúde a través do desmantelamento da Sanidade, á restrición do acceso á educación, e toda unha batería de medidas orientadas a atacar ás clases populares”.

Reiteramos que o Goberno central en funcións ten que explicar inmediatamente en que vai concretar os recortes comprometidos para acadar a redución do déficit orzamentario, así como explicar tamén se vai adoptar medidas con relación ao outros aspectos recollidos no Memorando de 2012, como as reformas do mercado laboral, das pensións, o déficit tarifario, etc.

O Goberno tense que opor rotundamente á conxelación de fondos, esixir á Comisión que retire esta chantaxe e desbotar as medidas neoliberais da UE apostando por aquelas que vaian directamente sobre os responsábeis das crise económica e non sobre as clases populares[3], esixiu Lídia Senra. “Se a chantaxe vai adiante e din que ou cumprimos co Memorando ou ficamos fóra da UE, o Goberno ten que tomar a decisión clara de romper ca Unión Europea. Non pode pasar o que pasou en Grecia.

A eurodeputada de AGEe esixiu tamén “un posicionamento claro” por parte da Xunta de Galicia diante da ameaza lanzada pola Comisión: “o Presidente Feijoo ten que dar a cara publicamente para explicar cal sería o impacto dunha medida deste tipo nos programas afectados e, en xeral, nos propios orzamentos da Xunta de Galiza.

Bruxelas, a 29 de Xullo de 2016.

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

lidia.senra@europarl.europa.eu

Equipa de Comunicación AGEe:
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Bruxelas:
vera.montotovazquez@europarl.europa.eu
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Galiza:
age.europa.galiza@gmail.com
Xornal dixital de AGEe:
http://ageuropa.gal/

   


[1] O pasado sete de xullo, coincidindo coa sesión plenaria, o Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), no que Alternativa Galega de Esquerda (AGEe) está integrada, realizou unha acción de denuncia na sede do Parlamento Europeo en Estrasburgo en contra da aplicación da sanción.
[2A elusión fiscal é calquera acción, en principio por vías legais, que persegue evitar ou minimizar o pago de impostos [Ir á WipiquediA].

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
28 de julho de 2016 17:16
29 de julho de 2016 21:46
__________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon