domingo, julho 03, 2016

Badaladas pola prevención do suicidio: Cada día suicídadse polo menos unha persoa na Galiza, ... Por Xaquín Campo Freire


CADA DÍA SUICÍDASE POLO MENOS UNHA PERSOA NA GALIZA

Por Xaquín Campo Freire [*]
03.07.2016


O xoves pasado non me foi posíbel ir á Praza de Armas de Ferrol a unirme a esas “Badaladas pola prevención do suicidio”.

Como traballador da sanidade pública tocoume ben veces achegarme a ese triste e real escenario e ser testemuña directa deste drama persoal, familiar, social e comunitario. Logo, todo se sume no silencio e o tempo aparentemente segue coma se nada. E diso xa está prohibido falar.

Na miña condición de sacerdote e experto en relación de axuda nos grandes intres de dor tamén tiven que acompañar persoas e familias que sufriron a perda de seres moi queridos nesas circunstancias.

Que difícil sandar esas feridas fondas no máis profundo da alma e da vida! Non ter xa nunca unha resposta minimamente explicativa para esa pregunta que aló no íntimo de cadaquén estará continuamente martelando nos miolos e, ademais, non se quere ou non se pode falar: Por que? Por que? Por que? Que nunca che toque na familia!

Engádese ademais a maldita autoculpabilización da que tan difícil é liberarse: En que fallei? Que fixen de malo? E se non dixese aquela frase aquel día, ou fixese aquilo outro. Se non a deixase soa ou só.  Se eu fose menos esixente, ... , cambiaría a situación? E se, ou se, etc.? Os infinitos “e se”, que me rebentan a cabeza e non me deixan acougar na conciencia por máis que me aconsellen ou me intente auto convencer que non fun eu quen determinou esa decisión.

E non digamos se algún imprudente fala, deixa caer ou mesmo insinúa:  “Xa se vía vir”.

O problema do suicidio non se aborda en serio fóra das consabidas frases fatalistas, que repetimos como diagnósticos dogmáticos, aforrándonos así o traballo de confrontármonos con algo eminentemente doloroso e desagradábel. A verdade é que lle temos medo.

O medo. Outro sentimento ou emoción que non queremos verbalizar. Preferimos sumir todo na escura sombra junguiana onde nese subconsciente persoal ou colectivo afogamos xa para sempre ese problema. Pero por ese camiño iremos sempre a ningures.

Velaquí un chamamento a todos nós que nos interpela para apoiar unha causa e ir na procura de solucións estruturais nas que ninguén está da parte de fóra, nin persoal, nin familiar, nin socialmente. Abrangue a persoas e institucións, a grupos e colectividades.

As recomendacións da OMS afirman que o suicidio pode previrse eficazmente e, por iso, apostan polo obxectivo de reducir en cada país nun 10% para o ano 2020 o número de mortes por esta causa. Imperativamente chama aos Gobernos a liderar e a desenvolver Plans de Prevención do Suicidio

Os datos seguites está recollidos literalmente de diversos xornais destes días pasados:

"Galiza padeceu desde sempre elevadas taxas de suicidio e sitúa o noso país no marco dun "grave problema de saúde pública".

Cada día suicídase polo menos unha persoa na comunidade autónoma, rexistrándose 394 mortes deste tipo no 2014”. Unha cifra que non deixou de medrar desde 2010 pasando de 275 a 371 en apenas catro anos. A taxa de suicidios na Galiza sitúase en 11,85 por cada 100 mil habitantes.

 “Lugo está á cabeza do ránking de suicidios cunha taxa en 2015 de 17,08 por cada 100 mil habitantes, fronte aos 11,85 da media galega”.

O MGSM advirte:  as políticas desenvolvidas polo Goberno Central e a Xunta de Galiza fronte á crise desprotexeron a sectores sociais vulnerábeis incrementando o risco de suicidio na sociedade. Son especialmente importantes:
  • a carencia de políticas activas de emprego,
  • un elevadísimo paro prolongado,
  • a redución da protección social,
  • o deterioro da sanidade pública,
  • o debilitamento da Atención Primaria de Saúde en particular,
  • a tolerancia gobernamental coa banca,
  • a súa agresividade respecto ao cobro dos préstamos hipotecarios
  • a conseguinte vaga de desafiuzamentos".
  • Etc.
O Movemento Galego da Saúde Mental, (MGSM), iniciou o pasado 3 de maio a campaña Badaladas pola prevención do suicidio, coa finalidade de sensibilizar á sociedade fronte a esta cuestión, e para reclamar o cumprimento das obrigas que os gobernantes teñen coa protección da saúde e da vida da poboación”.
Badaladas pola prevención do suicidio concluíu esta quinta feira con concentracións simultáneas en Ferrol, A Coruña, Lugo, Compostela, Ribeira, Pontevedra, Cangas, Vigo e Ourense onde se escoitou unha badalada coa que lembrar as persoas mortas. Urxe un Plan de prevención.

Cáritas, Pastoral da Saúde e Pastoral Penitenciaria de forma moi documentada, seria e axeitadamente véñense achegando desde hai moitos anos a esta problemática. Pero fican certamente desbordados porque atinxe globalmente a todos os sistemas implicados.

O Papa Francisco falou varias veces deste asunto co gallo do Ano Santo da Misericordia. E mesmo actuou con moita empatía nalgún caso do persoal do mesmo Vaticano.

Se este problema é grave na sociedade, no cárcere, nos cárceres do mundo, estes berros traspasan todos os aramados e concertinas. Non os estás a escoitar? O 80 % dos reclusos, din as estatísticas, sofren trastornos psíquicos e ese non é o lugar para tratalos adecuadamente. Son enfermos e non delincuentes, por máis que cometesen actos delituosos. Disto falarei  máis especificamente noutra ocasión.

Como dixo Castelao: Ninguén sobra. Vinde todos traballar á obra. O xoves pasado non me foi posíbel ir á Praza de Armas de Ferrol a unirme a esas Badaladas pola prevención do suicidio. Esta é a miña badalada de adhesión persoal á causa que tan fortemente nos está urxindo a todos.


[*] Xaquín Campo Freire [Xaquín da Roca],  Narón 1937, é un relixioso galeguista. Graduado social, ATS pola Universidade de Santiago de Compostela, a diplomatura en Xerontoloxía Social pola Universidade Complutense de Madrid e é licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria, pola Universidade Camillianum de Roma dende 2005. É membro do consello de redacción da revista Encrucillada así como membro ordinario da AELG. Traballou de enfermeiro no PAC de Fene e de capelán de Residencia de Anciáns. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e da Escola e Saúde e Centro de Escoita Activa Mons. Araúxo.


Enviado por:
Xaquin Campo Freire
-xaquinderoca@gmail.com-
2 de julho de 2016 18:44
CADA DÍA SUICÍDASE POLO MENOS UNHA PERSOA NA GALIZA. Saúdos. Estes días saiu a noticia moito nos medios. Non é unha problemática moi de evasión e do verán. Pero está aí. Na miña calidade de traballador de enfermeiro do Sergas por moitos anos tocoume isto moi de pertiño. Tamén no verán. Algún día,  sen morbo pero con ánimo sanante e sanador, tal vez debera achegarme máis a esta realidade e ás súas repercusións nas familias, que vivin e aínda estou a vivir. Incluidos os nenos, os grandes silenciados e apartados, sen as axudas adecuadas que logo sufrirán toda a vida. Unha aperta de amigo.
________________

Enlace relacionado:
http://movementogalegosaudemental.gal/
____________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon