sábado, xullo 23, 2016

Tempo de impasse, ... Por David Rodríguez - "...estívose máis atendo á consolidación dunhas siglas que ao avance do movemento popular..."


Por David Rodríguez [*]
23.07.2016


Atopámonos no impasse que media entre a repetición dunhas eleccións xerais e a celebración dunhas autonómicas galegas. Unha repetición de eleccións que se demostrou nefasta para os intereses globais das esquerdas. Se a orixe desta repetición está na "xogada mestra" mediante a cal, en rolda de prensa, os gurús da complutense comezaron a repartir ministerios e a poñer como condición para botar ao PP das institucións o acceso ao goberno co PSOE, estamos en disposición de concluír que, en realidade, aquela foi máis ben unha "cagada mestra". Ter negociado á portuguesa a investidura do PSOE sen entrar no goberno suporía, hoxe, que o Partido Podre de Rajoy sería historia, que o PSOE e Ciudadanos estarían xestionando os recortes de Bruxelas e que o Bloque Popular estaría facendo unha oposición dura coa vista posta na seguinte, probablemente próxima, crise do réxime. Na miña lectura estívose máis atendo á consolidación dunhas siglas que ao avance do movemento popular e, con todo, é probable que tampouco o primeiro obxectivo vaia ser posible.

En todo caso, isto é pasado. De cara ao futuro, as eleccións do 26 X deixaron, polo menos, dúas cousas claras:

1. O asalto aos ceos, que -na enésima baixada de listón- desta volta pasaba polo sorpasso ao PSOE, fracasou. Os resultados do fenómeno Podemos, se non chega a ir no Estado en coalición con IU, serían aínda máis magros. Neste sentido, o 26X marca o comezo da fin da burbulla podemos. A partir de agora o eventual avance dese partido vaise deber a un traballo máis pedestre e desagradecido que á inercia da política espectáculo.

2. A "operación envolvente" para dar unha patada no cu a Anova (entendida esta non coma as siglas continxentes desta organización -ao fin e ao cabo o menos importante- senón como a expresión do proxecto político que considera que do proceso de Unidade Popular que arrancou con AGE debía nacer un suxeito político galego de esquerdas -polo tanto non necesariamente nacionalista, ollo-), tamén fracasou.

A este respecto, algo de memoria:

O bloqueo interesado da mesa de coordinación de En Marea para que esta se democratizase e territorializase inmediatamente despois das eleccións do 20 de decembro de 2016 permitiu que tomase corpo ese sucedáneo da Marea Atlántica chamado Mareas en Común. Cando, debido a este bloqueo, En Marea concorre de novo coa fórmula de coalición -cometendo o despropósito de pretender falar outravolta de grupo parlamentario propio ao tempo que nada se fixera na fórmula xurídica de concorrencia para que este tivese algunha posibilidade máis de levarse a cabo- Marea Atlántica ponse de perfil e, ao tempo, Mareas en Común comeza a enarborar o discurso democratista e horizontalista que a propia Marea Atlántica contribuíra a bloquear en En Marea.

Antes das xerais, e de cara ás autonómicas, EU, na boca de Yolanda Díaz, expresa a súa aposta por En Marea como fórmula de concorrencia ás xerais e por Mareas en Común como fórmula para as autonómicas. Ao tempo, Garzón, o líder de IU, exprésase en twitter no mesmo sentido: En Marea para as xerais, MeC para as autonómicas. Outro tanto fai Ada Colau, sen dúbida influenciada por Marea Atlántica. A guinda do pastel pona Xulio Ferreiro cando, en lugar de pechar campaña en Compostela con En Marea, decide pechala en Madrid con Unidos Podemos. A envolvente estaba lista. A consecución do sorpasso deixaría ao que representa Anova sen espazo vital. Mareas en Común sería o espazo para as autonómicas, un espazo onde se incluirían EU, Marea Atlántica e Podemos.

O fiasco dos resultados electorais torceu os plans. Agora podíase argüír que a baixada de votos de En Marea tiña que ver co ninguneamento do factor "galego", co desprezo á figura de Beiras etc. Marea Atlántica estaba noqueada despois de que o seu alcalde apostase tan fortemente por Madrid en detrimento de Santiago. Mareas en Común, rápido habería comezar a facer xestos para ofrecerse máis como "pata" que como "espazo central" da confluencia de cara as autonómicas.

Aí chega o escrito dos alcaldes. O manifesto convoca unha asemblea constituínte para o 30 de xullo. Constituínte, suponse que quere dicir, constituínte, porén, dánse xa como elementos de partida os documentos elaborados por Mareas en Común. Confórmase unha xestora da asemblea cuxa composición, polo que se vai coñecendo, é bastante cuestionable e dáse por suposta a existencia dun chamado "candidato de consenso".

A aparición do manifesto dos alcaldes introduce unha contradición extra no espazo Podemos, onde a loita interna de faccións leva a que os deputados de En Marea, que, paradoxalmente, nas negociacións en Madrid para decidir se En Marea irá ao mixto ou quedará no Grupo Confederal se comportan como auténticos patriotas de siglas podemitas, teñan que defender o espazo de confluencia fronte a Carmen Santos, antigamente partidaria da confluencia e hoxe depositaria das esencias do patriotismo de siglas podemitas. Un cúmulo de despropósitos e cambios de parecer que fan pensar máis nunha partida de trileiros do oeste que en xente que non deixa de dar a brasa co fetixe dos "códigos éticos".

O vindeiro 30 de xullo asistiremos ao final dun tempo político partidario en Galicia. O que se ventila -ou, o que para min se debería ventilar nesa data- non ten que ver só coas eleccións autonómicas. Unhas eleccións ás que o PP chega bastante mellor do que se podía aventurar hai uns meses. O que se decidirá nesa asemblea será se o que saia do longo proceso que arrancou con AGE en Galicia dará lugar a un suxeito político galego ou a unha franquicia de Podemos. Quere isto dicir que, á hora da verdade, e ante a profusión de siglas e chiringuitos variados á que asistimos nos últimos tempos, a cousa vaise polarizar arredor desta cuestión. Só agardo que o que se vende como asemblea constituínte, sexa efectivamente unha asemblea constituínte, sen grupos de facilitación e outros "enxeños" para pastorear ovellas. Se esa asemblea é realmente constituínte e non a enésima patada á pelota para que xente con ideas incompatibles concorran xuntas ás eleccións, todo o mundo terá que retratarse. A implosión, logo, deste espazo heteroxéneo e incoherente será inevitable. Se a implosión non se produce nesta asemblea, producirase despois das eleccións, o que se poderá ler coma unha fraude ao electorado.

O resto, trangalladas para, nunca mellor dito, marear ao persoal.

Publicado o 20 de Xullo de 2016 no blogue do autor: O Funambulista Coxo. A foto do cabezallo do artigo foi postada por Ártabra 21, tirada de Tempos Galegos.

[*] David Rodríguez Rodríguez (Vigo, 1975) mantén o blogue http://ofunambulistacoxo.blogspot.com desde o ano 2005. É autor das obras de teatro radiofónico O Bambán e Nunca me esquecerei de ti (gañadora e finalista respectivamente do I e IV Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural). Escribiu o poemario Lapidarias. Os versos escuros e participou no libro colectivo Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural.

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
21 de julho de 2016 01:38

_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon