Por Xaquín Campo Freire [*]
11.08.2016
OS NOSOS LIBROS E OS CÁRCERES
"Abride escolas e pecharanse cárceres". Esta frase é moito de dona Concepción Arenal. O concepto xa viña desde as culturas máis antigas.
Desde 1946, na miseria e analfabetismo da posguerra española, foi Corín Tellado a escritora que puxo máis xente a ler entre as clases máis humildes e populares incluídas as aldeas. Grazas a ela, os que pouco máis facían que poder leren unha carta, foron quen de seguiren un argumento novelado e desde aí espertar a seren xa lectores. Hoxe ninguén lle pode negar a súa categoría de escritora dentro do seu xénero literario peculiar. “Nin son romántica nin escribo novelas románticas. Son positiva e sensible, e escribo novelas de sentimentos, que non é o mesmo. As historias da vida cotiá inspíranme. Eu recompilo as vivencias da rúa e axústoas ás miñas cousas. Os meus personaxes teñen unha tremenda humanidade. Hai moitas mozas que na vida real viviron o que viven os meus personaxes”.
A partires destes dous exemplos socio-literarios citados quero falar das bibliotecas e dos libros nos cárceres e na sociedade.
Estanse a tirar aos contedores do papel, ao lixo, infinidade de libros de todas as clases cando nos nosos cárceres hai falta de libros tamén de todas as clases: Literatura, didácticos, científicos, enciclopedias dos tempos da crianza dos fillos e das de máis categoría ou especializadas, etc.
Cos ordenadores e internet moitos destes libros estorban nas casas e as xeracións novas non fan uso deles. Pero no cárcere non hai ordenadores e a internet non está autorizada. Aí é onde o libro non perdeu actualidade. Que clase de libros? Todos. Imos razoar xuntos e veremos por que.
Nos cárceres están maioritariamente, case exclusivamente, os pobres. Por iso, mesmo eses libros de contos que xa fican arrombados na túa casa son do mesmo nivel cultural de moitos dos nosos reclusos. E só empezarán a ler de novo se retoman eses contos sinxelos de rapaciños onde ficou a súa formación de antano. E digo outro tanto dos libros de Primaria, da ESO ou de BUP. O tempo do cárcere ten de ser un tempo aproveitado, pero para iso fan falta medios e instrumentos axeitados.
Que con isto xa vai ser todo de cor de rosas? Certo que non. Pero, como di o Xénese 18, 30-32: “E se non houbese máis que cinco xustos ti xa nos destruirías a todos?”. Vale a pena o noso esforzo se un dez, quince ou vinte por cento vai adiante e muda as súas condicións de formación alí e para cando saia en liberdade?
Os educadores de cada módulo e do cárcere en xeral ben desexarían teren máis medios. Os libros son moi importantes. Logo están aqueles internos que, con formación máis elevada, son capaces xa de avanzar en por si ou mesmo de crear un grupo de estudo en común onde algún deles poida axudar aos compañeiros que desexan progredir e avanzar se hai medios.
O problema é moito máis amplo e complexo. Xa sei que a Xunta, o Goberno, o Ministerio do Interior, etc, serían os que terían de dotar os cárceres. É verdade. Pero xa vemos como nos vai coa sanidade, a educación, os servizos sociais, etc. E por outra parte estou a falar de non desperdiciar recursos que van ir ao lixo se antes con eles non nos beneficiamos todos.
Non fagamos como fixeron D. Xesús Vázquez, conselleiro de educación e o Sr. Feixoo que para que os profesores non caeran na tentación de dar certas crases en lingua galega queimaron milleiros e milleiros de libros de texto, noviños, sen estrear. Pero dixo Manolo Rivas: “Os libros arden mal”. A queima deles sempre se volverá contra do incendiario.
Que tampouco se volvan contra nós se os tiramos ao lixo. Claro que non debemos converter o cárcere noutro contedor cos que están xa inservíbeis.
E como podemos facer se os queremos levar alí? Falo dos cárceres pero tamén dos xeriátricos ou de institucións sociais que poidan precisar. Na Galiza hai cinco centros penitenciarios. Na internet están os telefones de cada un deles. Hai un encargado da biblioteca ou un grupo de educadores. Pedindo que nos poñan con algún deles, seguro que conseguimos boa información. Eles xa nos indican a forma, o modo e o xeito máis amañado de procedermos.
“As forzas que se asocian para o ben non se suman, multiplícanse. O home que se levanta é aínda máis grande que o que non caeu”. (C. Arenal).
[*] Xaquín Campo Freire [Xaquín da Roca], Narón 1937, é un relixioso galeguista. Graduado social, ATS pola Universidade de Santiago de Compostela, a diplomatura en Xerontoloxía Social pola Universidade Complutense de Madrid e é licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria, pola Universidade Camillianum de Roma dende 2005. É membro do consello de redacción da revista Encrucillada así como membro ordinario da AELG. Traballou de enfermeiro no PAC de Fene e de capelán de Residencia de Anciáns. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e da Escola e Saúde e Centro de Escoita Activa Mons. Araúxo.
Enviado por:
Xaquin Campo Freire
-xaquinderoca@gmail.com-
11 de agosto de 2016 00:09
______________
Centros Penitenciarios e CIS na Galiza. | Ir á Web.
Centros de Antención a Maiores na Galiza. | Ir á Web.
______________________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon