mércores, agosto 10, 2016

Por ser de interese: Beatriz Sestayo, concelleira de Benestar Social de Ferrol, anunciou que até o próximo 26 de agosto estará aberto o prazo para a solicitude da concesión de axudas á escolarización para o vindeiro curso escolar, así como para as becas de comedor


BENESTAR SOCIAL ABRE ATA O 26 DE AGOSTO O PRAZO PARA A SOLICITUDE DE AXUDAS Á ESCOLARIZACIÓN DE 95 EUROS E PARA BECAS DE COMEDOR


A concelleira de Benestar Social, Beatriz Sestayo, destacou que as axudas á escolarización ascenden a 95 euros por neno e nena. Para as becas de comedor a administración destina unha partida de 200.000 euros.

A concelleira de Benestar Social, Beatriz Sestayo, anunciou esta mañá que ata o próximo 26 de agosto estará aberto o prazo para a solicitude da concesión de axudas á escolarización para o curso 2016-2017, así como para as becas de comedor, un esforzo económico importante que amosa a aposta do departamento para garantir a igualdade de oportunidades.

A contía das axudas á escolarización ascende a 95 euros por neno/a, dirixida aos menores matriculados nun centro de ensino do Concello de Ferrol e que cursen educación infantil, primaria e secundaria. O obxectivo, segundo resaltou Sestayo, é dar resposta ás necesidades dos nenos e nenas pertencentes a familias con escaseza de recursos económicos e que non poden facer fronte aos gastos que se presentan ao inicio do novo curso escolar.

Os beneficiarios serán unidades familiares con menores de idade a cargo que non superen o límite de ingresos establecidos no baremo económico (1.397 euros máximo para unha unidade de 6 membros). Deberán estar empadroados e residir en Ferrol, do mesmo xeito que os menores terán que estar matriculados en centros escolares da cidade e presentar a solicitude e a documentación requirida en tempo e forma.

Os gastos subvencionables son os de libros de texto, material escolar, vestiario básico, material e libros específicos ou equipamento informático.

No baremo económico tense en conta o 1'5 veces o IPREM, (532,51 euros en 2016), incrementando un 15% (79,88 euros) por cada novo membro e cun límite de 1.397 euros.

PÓDESE OBTER MÁIS INFORMACIÓN NO “TABOLEIRO DE ANUNCIOS” DA WEB DO CONCELLO, www.ferrol.es, OU NO EDIFICIO DE SERVIZOS SOCIAIS EN SÁNCHEZ BARCÁIZTEGUI.

BECAS DE COMEDOR

Así mesmo, tamén ata o próximo 26 de agosto está aberto o prazo para a solicitude da concesión de Becas de Comedor, dirixidas a unidades familiares con menores escolarizados na cidade (centros públicos e concertados). As axudas destinaranse a familias que se encontren en risco de exclusión social e con menor poder adquisitivo. Terán que empregar o servizo de comedor, agás causa xustificada. As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Municipal.

De igual xeito, no baremo económico terase en conta o 1'5 veces o IPREM, (532,51 euros en 2016), incrementando un 15% (79,88 euros) por cada novo membro e cun límite de 1.397 euros.

O orzamento total para o curso escolar 2016/2017 ascende a 200.000 euros.

Fonte: web do Concello de Ferrol o Martes, 9 de agosto de 2016.

As bases e as solicitudes xa están dispoñibles na páxina web.
___________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon