venres, febreiro 17, 2017

Entrega de Escrito á atención do Alcalde e convocatoria de Rolda de Prensa para o luns 20 de febreiro, ás 12 do mediodía na Casa do Concello de Ferrol



Este venres 17 de febreiro, Fernando Ramos, no nome da Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización, entregou o escrito que transcribimos, onde lle facemos oito preguntas en relación ao Informe de Emafesa de Novembro de 2016 que é a base do cálculo da Taxa que pretende aprobar por segunda vez o Goberno Municipal de Jorge Suárez, o vindeiro mércores 22 de febreiro, nun novo Pleno Extraordinario, convocado para as 9:30hs. Ademais de reiterar, no escrito, a demanda veciñal de explicación mediante Audiencia Pública; que deixe de condicionar a aprobación da taxa á depuración e saneamento, por ser falso, pode-se depurar xa e agora, unha vez poñan a funcionar os interceptores e tanques de tormenta que nunca debeu privatizar a súa xestión; e por último que a participación cidadá deixe de ser meras palabras e canto de serea, para ser unha realidade, comezando por elaborar as ordenanzas de xeito participado coa veciñanza.

Rolda de Prensa

Temos convocado para o vindeiro luns 20 de febreiro, ás 12 do mediodía, na Casa do Concello, para explicar a posición e entregar o Estudo da Plataforma sobre o cálculo da Taxa (Argumentos e incosistencias).

Escrito ao Alcalde - Oito Preguntas e varias consideracións

A ATENCIÓN DO SR. ALCALDE PRESIDENTE DO CONCELLO DE FERROL


Fernando Ramos Armesto, con DNI Nº XXXXXXXXX, no nome da Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización con enderezo a efectos de notificación, en Ferrol (15406), na Rúa Armada Española, nº32 Baixo, e teléfono 622932443, e ao amparo do disposto no Regulamento de Participación Cidadá en vigor (Artigos do 4º ao 13º), presentamos o presente escrito de INFORMACIÓN e PETICIÓN

A Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización, que xa nos temos dirixido a Vostede en anteriores ocasións, así como mantido dúas xuntanzas, diriximos-nos a Vostede, non sen antes lembrar-lle a nosa vontade, misión e obxecto de existencia.

Consideramos-nos representantes dun xeito de sentir dunha parte da cidadanía desta comarca, que reivindica a recuperación para a xestión pública aqueles servizos básicos, privatizados. Esa vontade ficou reflectida, nas miles de sinaturas presentadas o ano 2015 no rexistro do Concello; no apoio maioritario da cidadanía ao optar nas eleccións locais de maio do mesmo ano, polas alternativas políticas que levaban no seu programa este rescate para o público e municipalización, e mesmo na enquisa de Sondaxe, publicada en xullo, tamén do mesmo ano, onde aseguraba que o 67% da veciñanza deste concello apoiaba a remunicipalización dos servizos públicos.
 
Esta Plataforma considerase herdeira do movemento popular que encheu as rúas no ano 2015, ao sentirse indignada e estafada polo cobro por parte deste Concello dunha taxa ilegal, por unha depuración que non se realizaba, sen o preceptivo padrón municipal, dunha xestión da auga ao servizo dos intereses privados, e contra un sistema de saneamento imposto desde a irracionalidade e a  non sustentabilidade.

Exposición.-

Tal como Vostede ben sabe, levamos máis de dous anos rexeitando a taxa para o servizo de saneamento e depuración que Emafesa quere impoñer debido ao seu custo excesivo e mal fundamentado. Nestes momentos o goberno municipal pretende obter a aprobación dos grupos municipais dunha taxa nova similar á anterior, baseada nos mesmos argumentos e inconsistencias, e que rexeitamos de novo pola opacidade no proceso de aprobación, por seguir entendendo que os custos son inaprazábeis, e por non ter a oportunidade de demostrar que algunhas partidas incluídas no último estudo de Emafesa, de data novembro de 2016, son de novo abusivas, incoherentes e non razoábeis.

Desexamos que o sistema de saneamento empece a funcionar o máis axiña posíbel, é máis consideramos que xa podería estar funcionando desde o día seguinte en que remataron as obras de reparación o pasado ano 2016, pois non hai nengún fundamento xurídico que impida a posta en funcionamento da depuradora, nin é nin pode ser un condicionante a existencia dunha taxa, simultánea á depuración e saneamento das augas residuais. Vostedes e o PP, pretenden facer disto un axioma, mais ben saben que é un axioma falso e interesado. Mais tamén desexamos ter a oportunidade de que se nos aclaren os conceptos que se incluíron no Informe de Emafesa de novembro de 2016 e porque se obteñen uns valores exaxeradamente tan elevados.

Volvemos a reiterar a petición de que retire a proposta de Taxa e convoque unha Audiencia Pública, ou no seu defecto un acto como ten realizado ao respecto do Plan de Peonalización da Madalena, como así lle pediamos e pedimos insistentemente, e Vostede mesmo solicitaba ao anterior Alcalde, para que se lle explique á veciñanza con detalle, a elaboración da proposta de Taxa e da ordenanza fiscal de referencia. E que teña en conta as propostas e consideración que xurdan.

Preguntas.-

En concreto solicitamos que nos responda ás seguintes cuestións:

A) Si a auga servida a Ferrol e Narón polo sistema de abastecemento non chega aos 7.000.000 m3/ano, Por que o caudal avaliado por Emafesa no seu Informe é de 11.464.434 m3/ano?

B) Que valores de precipitacións anuais e superficie impermeábel estimaron-se para o cálculo do caudal de auga a depurar en tempo de chuvia?

C) Si a relación de auga servida a Ferrol e Narón é de 58 - 42 % Por que se asigna a Ferrol e Narón unha relación de 70 - 30 %?

D) Si o maior valor de enerxía eléctrica consumida procede dos sistemas de bombeo. Que caudais manexáronse para obter un valor da enerxía eléctrica consumida igual a 14.402.500 kW.h?

E) Está incluída na enerxía consumida da anterior pregunta a correspondente ás bombas e servizos dos Tanques de Tormentas?

F) Cal é o valor da tarifa unitaria da parte fixa (factor de potencia) do custo eléctrico en Euros/kW.ano?

G) Cal é o valor da tarifa unitaria da parte variábel do custo eléctrico en Euros/kW.h?

H) Por que se incluíu no estudo de novembro de 2.016 unha nova partida para o mantemento dos interceptores e Tanques de Tormenta?

Polo que,

Solicitamos,

Que teña a ben, recibir este escrito e responder ás preguntas formuladas, non sen antes comunicar-lle que debería cumprir o seu compromiso de facer unha política participada, onde a veciñanza e o movemento social da cidade, teñan a oportunidade de recibir a información veraz e adecuada, e de opinar e propoñer, na xestión, nas ideas, no deseño de cidade, na política e medidas administrativas que afecten ao conxunto de veciñas e veciños.

Sen outras consideración e preguntas que facer,  despedimos-nos atentamente, en Ferrol a 16 de febreiro de 2017.



PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas! Si se pode!
Pódese, débese e precísase!

remunicipalizacion.plataforma@gmail.com

https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon