Este martes no Parlamento Europeo, xornada sobre como lograr unha xustiza adaptada ás necesidades da infancia. | A eurodeputada Lídia Senra, do GUE/NGL, promove este evento, no que participará como relator o ferrolán Víctor Manuel López Casal, avogado da asociación galega de AGAMME. | Elaborarase un documento de recomendacións e boas prácticas para que se respecten os dereitos das menores de idade vítimas de abusos.
Este martes, 6 de xuño, na Sala 1C051 do Parlamento Europeo en Bruxelas, terá lugar a xornada de traballo “Unha xustiza adaptada á infancia: A consideración da voz das vítimas menores de idade”. Promovido pola eurodeputada galega do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), Lídia Senra, o evento reunirá a varias persoas que aportarán información e debate sobre o necesario coidado dos nenos e nenas nos procedementos xudiciais e de accións específicas para evitar a súa dobre vitimización ou vitimización secundaria. Nese sentido, pártese de datos preocupantes como que só un 2% do abuso intrafamiliar a menores e o 6% do extrafamiliar é denunciado, e que nos casos que chegan a procesos xudiciais non se salvagardan todo o que se debería os dereitos dos nenos e nenas nin se lles dá unha atención axeitada.
O evento incluirá entre as 13:15 e as 15:30 horas varios relatorios. Entre eles, o dun galego: Víctor Manuel López Casal, avogado e vogal da área xurídica de AGAMME (Asociación Galega contra o Maltrato a Menores), baixo o título “A testemuña dos nenos, nenas e adolescentes como proba de cargo no delito de abuso sexual”.
Tamén participará Sonia Vaccaro, psicóloga clínica e forense, experta en vitimoloxía e violencia baseada no xénero de vicepresidenta daRede Internacional para os dereitos da infancia Fight4 Child, que realizará unha exposición sobre “A voz das vítimas infantís na xustiza: Escóitase á infancia?”. Graciela Dora Jofré, xuíza de Paz Letrada de Villa Gesell, en Bos Aires, falará sobre “As nenas e os nenos na Xustiza”; Clara Sottomayor, xuíza do Tribunal Constitucional portugués abordará “A protección das crianzas vítimas de abuso sexual nos procesos de regulación das responsabilidades parentais”; Esther Susin Carrasco, avogada e coordinadora do Departamento Internacional de Dones Juristas e integrante da Federación Internacional de Mulleres de Carreiras Xurídicas (FIMCJ), intervirá sobre “Dereito da participación de nenas, nenos e adolescentes nos procedementos que lles incumben”; e María Elena Elverdin, presidenta da Federación Internacional de Mulleres de Carreiras Xurídicas, relatará as “Aportacións desde a FIMCJ das conclusións do seu Simposio anual”. Xa pola tarde, a partir das 16:30 horas, levarase a cabo un debate de propostas e entre as 17:30 e as 18:30 horas elaborarase o documento final de conclusións da xornada, que incluirá unha serie de recomendacións e boas prácticas orientadas a lograr unha xustiza adaptada e dirixida á infancia, para que Europa poida ser un lugar onde as persoas menores de idade sexan respectadas.
Con este evento, preténdese poñer sobre a mesa, unha vez máis, situacións que se viven nos xuízos con menores nos que se parte da “idea errónea” de considerar ao neno ou nena como “adultos en miniatura”, empregando unha linguaxe pouco axeitada para a súa etapa evolutiva, a confusión para interpretar o discurso e o descoñecemento de quen entrevista á hora de orientar o diálogo para a testemuña. Denuncian que os xulgados non teñen espazos adaptados para os nenos e as nenas vítimas e que os profesionais da xustiza non son expertos en psicoloxía infantil e por iso cometen erros no trato con menores. “Co funcionamento actual da xustiza, coa premisa de imparcialidade e coa prevalencia dos dereitos dos adultos, non se acadará que os nenos e as nenas obteñan unha xustiza xusta”, defenden. Así, chaman a que no marco das Directrices sobre a xustiza adaptada á infancia, elaboradas polo Consello de Europa no 2010, se cumpran as premisas máis importantes das crianzas, que son: Dereitos a ser escoitadas, a ser informadas, a ser protexidas, a non ser discriminadas e a un trato digno e respectuoso.
Con esta xornada de traballo, o GUE/NGL dá un paso máis na defensa dos dereitos da infancia ante procesos xudiciais, á espera tamén de como conclúe a investigación que abriu a Comisión Europea, tras detectar que o Estado español pode estar a vulnerar as directivas da UE sobre nenos e nenas vítimas de violencia machista e abusos, a raíz dunha petición rexistrada precisamente por AGAMME. Ademais, xa no 2015, Lídia Senra e Ángela Vallina colaboraron desde o GUE/NGL para organizar unha xornada que se desenvolvera no Parlamento Europeo e na que se abordara o Síndrome de Alienación Parental.
Bruxelas, 5 de xuño de 2017.
Lídia Senra, eurodeputadagalega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | Tlf: 609 845 861, lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/ | https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez.
Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
5 de junho de 2017 16:57
______________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon