Lídia Senra visita Catalunya para seguir o referendo dentro dunha delegación parlamentaria internacional. | A deputada galega estivo hoxe no Parlament catalán e na Generalitat, participando nas reunións con Puigdemont, Forcadell e Romeva. | A europarlamentaria, que chama a respectar o dereito de autodeterminación dos pobos, permanecerá até o luns en Barcelona.
Barcelona, 29 de Setembro de 2017. A eurodeputada galega Lídia Senra atópase xa en Catalunya, onde permanecerá até o próximo luns, para seguir o referendo do 1 de outubro dentro dunha delegación parlamentaria internacional organizada por Diplocat. En calidade de visitante, Senra mantivo xa este venres pola mañá varios encontros en Barcelona, que incluíron reunións coa presidenta do Parlament catalán, Carme Forcadell, na sede da institución catalá; e co presidente do Goberno catalán, Carles Puigdemont, e o conselleiro de Asuntos Exteriores, Relacións Institucionais e Transparencia, Raül Romeva, no Palau da Generalitat. Tamén tivo a oportunidade de escoitar a diferentes expertos académicos en materia económica e política, así como a diferentes representantes da sociedade civil catalá.
A eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) do Parlamento Europeo, está a comprobar en directo o sentir da poboación catalá, en defensa do seu dereito a votar. Preocupada polas trabas coas que o Goberno do Estado español está tentando intimidar ao pobo catalán para que renuncia á súa vontade de exercer o dereito de Autodeterminación, Senra defendeu unha vez máis “o dereito dos pobos a decidir sobre as súas propias formas de goberno e o seu desenvolvemento económico, social e cultural, sen inxerencias externas e de acordo ao principio de igualdade”. “Estamos a falar dun dereito que está recollido nos Pactos Internacionais de Dereitos Humanos da Asemblea Xeral das Nacións Unidas”, reiterou Senra, que advirte que “quen queira poñerlle portas ao campo en Catalunya equivócase totalmente”.
A preocupación polo clima de confrontación que o Goberno do Partido Popular está instigando contra o pobo catalán, así como a instrumentalización das estruturas xudiciais e policiais para poñer en marcha detencións, rexistros en domicilios e empresas e cuantiosas multas a persoas que están participando da organización do referendo, está a ser subliñada tanto por Lídia Senra como por numerosas eurodeputadas de distintos grupos políticos.
Así, xunto con máis de trinta eurodeputados/as a pasada semana denunciou diante da Comisión Europea o acoso por parte da Fiscalía española a máis de setecentos alcaldesas/es catalás. Tamén forma parte do case medio cento de deputadas/os europeos que subscribiron unha carta dirixida a Mariano Rajoy instándoo a poñer fin á violación dos dereitos civís da cidadanía de Catalunya, e das representantes europeas que se dirixiron ao vicepresidente da Comisión Europea, Frans Timmermans, para denunciar a vulneración do dereito de liberade de expresión que supón a prohibición de actos públicos que pretendían abordar o tema do referendo.
Asemade, tamén dende Galiza, no marco do coloquio sobre os desafíos aos que está a facer fronte esquerda política internacional, celebrado a pasada semana en Santiago de Compostela, a eurodeputada galega voltou amosar o seu apoio ao dereito do pobo catalán a expresarse a través das urnas do referendo convocado pola Generalitat.
Ademais, a través dunha pregunta parlamentaria, Lídia Senra solicitou tamén saber exactamente se a Comisión Europea contempla reaccionar ante a vulneración de dereitos fundamentais que está a protagonizar o Goberno do Partido Popular contra o pobo catalán, a través por exemplo da posta en marcha dun mecanismo preventivo ou incluso sancionador contra o Estado español por estas prácticas seguindo o Artigo 7 do Tratado da Unión Europea, que establece medidas para facer fronte a ameazas sistémicas ao Estado de Dereito nos países da UE.
________
Eurodeputada galega integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)
lidia.senra@europarl.europa.eu
http://ageuropa.gal/
@LidiaSenra
Enviado por:
AGE Europa - Galiza
-age.europa.galiza@gmail.com-
29 de setembro de 2017 18:02
__________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon