sábado, setembro 23, 2017

Comunicado da Plataforma en Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización unha vez realizada a Xunta de Accionistas e o Consello de Administración de Emafesa do 21 de setembro - Agora a parte privada SOCAMEX, solicita a disolución da empresa...


COMUNICADO DA ‘PLATAFORMA EN DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN’ UNHA VEZ REALIZADA A XUNTA DE ACCIONISTAS E O CONSELLO DE ADMINISTRACIÓN DE EMAFESA DO 21 DE SETEMBRO

No comunicado [1] emitido por esta Plataforma o pasado 7 de setembro, enumerabamos toda unha serie de irregularidades e incumprimentos que a empresa EMAFESA, Xunta de Galicia e o Concello de Ferrol, viñan practicando e asumindo en relación ao servizo de auga e da depuración de augas residuais. Un comunicado onde exixiamos, unha vez máis, ao  goberno municipal, que iniciara o proceso de recuperación da xestión do servizo, cumprindo cos acordos do pleno municipal de xullo de 2015; denunciara o Convenio con Augas de Galicia e entregara a xestión do sistema de saneamento e depuración, a quen é o seu único responsable, a Xunta de Galicia, ata que se creara un sistema supramunicipal de xestión, como así está establecido; se devolva a taxa indebidamente cobrada e comece cun proceso transparente e participado.

Estes lodos veñen do malgoberno de José Manuel Rey Varela que con maioría absoluta do Partido Popular, recepcionou un sistema de depuración abandonado, que non funcionaba e que non lle pertencía recepcionar, que cobrou unha taxa por un servizo que non se prestaba e enganou ao pobo de Ferrol, para un beneficio electoralista e persoal. E veñen tamén, do goberno de Jorge Suárez por incumprimentos das propostas electorais, programa de goberno, acordos plenarios e compromisos do verán de 2015 e un período de inacción até que en abril deste ano acordou xunto ao Partido Popular asinar o Convenio (Encomenda) con Augas de Galicia, copia literal do rexeitado en maio de 2014, situando-se deste xeito no polo oposto ao que viña mantendo.

Polo tanto, desde esta Plataforma manifestamos, que a situación creada en EMAFESA, é produto dun engano político e un cálculo empresarial, onde a cidadanía de Ferrol tiña que xogar o papel de pagadora, ante un servizo que non recibía, e unhas instalacións que non lle pertencen. Así, denunciabamos no anterior comunicado que, si se mantivese a Taxa abusiva e ilegal anterior, EMAFESA tería ingresado máis de 7 millóns de euros, sen contar cos 3 millóns de Narón.

Agora a parte privada SOCAMEX, solicita a disolución da empresa como estratexia de presión para que o Concello asuma as facturas que lle presenta, polo de agora, por valor duns 5 millóns de euros. Unhas facturas relacionadas con traballos realizados na reparación e posta a punto da depuradora, que carecen de base contractual, e que en absoluto corresponde asumir á cidadanía de Ferrol. E por outra banda pretende a recuperación da Taxa imposta polo Partido Popular, con efectos retroactivos desde xaneiro de 2015.

Atrás quedan as actuacións do goberno municipal para utilizar a aprobación, vía express, intentada ata catro veces en pleno, dunha nova taxa. Taxa que ía ser utilizada como aval bancario para sanear as contas de EMAFESA. Atrás a estratexia de ir reservando, sacando de distintas partidas, ata 5,8 millóns de euros, para inxectar liquidez a EMAFESA. Atrás a sinatura de convenios (encomendas) irregulares ou ilegais, prexudiciais para a cidadanía, con quen son os responsábeis das infraestruturas e deste sistema irracional e oneroso de saneamento: Augas de Galicia e a Confederación Hidrografica del Miño-Sil (Goberno Español). A realidade imponse, e demostra que a única saída para unha empresa que enganou, demostrou ser incompetente, incumpre nas súas obrigas e mesmo pon en perigo a nosa saúde (trihalometanos), é a recuperación do servizo cunha EMAFESA 100% pública.

O Concello debe cumprir xa a súa obriga e compromiso de facer unha auditoría real sobre a xestión e a situación económica financeira de EMAFESA, o que ademais é indispensábel, para poder defender os intereses da veciñanza e do Concello de Ferrol, fronte aos abusos e as pretensións económicas da parte privada (SOCAMEX -división de aguas do transnacional  Grupo Urbaser da corporación Firion Investments).

SOCAMEX, aínda sendo só o 49% de EMAFESA, ten o control 100% da xestión e polo tanto cumpre que asuma responsabilidades en todo este desastre, incluíndo as actuacións realizadas fora da legalidade.

Comezando pola devolución inmediata dos máis de 800.000 euros cobrados ilegalmente por unha depuración inexistente durante o goberno de Rey Varela e Martina Aneiros. Paralelamente, creemos que poden darse as condicións para cumprirse o disposto na cláusula vixésimo quinta [2] do Prego de Condicións, o que supón que é SOCAMEX quen debe abandonar a condición de socio de EMAFESA pero sen percibir ningún tipo de indemnización e mesmo coa posibilidade de ter que resarcir ao Concello. Lograríase así a xestión 100% pública de EMAFESA, manter os postos de traballo e garantir un servizo transparente e de calidade.

Ferrol, a 23 de setembro, de 2017



PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas! Si se pode!
Pódese, débese e precísase!
  • Alexandre Carrodeguas | 690612737
  • Fernando Ramos | 622932443
  • Pablo Portero | 659855805
  • Bernardo Rego | 603772650
  • Lupe Ces | 652201003
remunicipalizacion.plataforma@gmail.com

https://plataformaferrol.blogspot.com.es/

---
Notas.-

[1] Comunicado da Plataforma do 7 de Setembro, de 2017. Ir á Web.

[2] Cláusula Vixésimo Quinta (Da Extinción do Contrato, páxina 29 do Pliego de Condicións anexado no documento, páxina 52). |Escrituras de constitución de EMAFESA (Empresa Mixta de Augas de Ferrol, S.A.) | 3 de Abril do 2000 | 88 páxinas escaneadas como imaxe en doc formato pdf. | Acordo Plenario do 18 de Setembro de 1998 en orde á modificación da xestión dos servizos de abastecemento de auga e saneamento do termino municipal de Ferrol, a través da xestión indirecta mediante empresa mixta, con aprobación do Prego de Condicións Xerais que habería de rexer o concurso para a selección do socio privado co que constituír dita empresa mixta. Ratificado todo no Acordo Plenario do 11 de Novembro de 1998. Adxudicación do concurso de selección de referencia, no Acordo Plenario do 28 de Abril de 1999. E Acordo Plenario do 24 de Febreiro do 2000, onde se aproban os Estatutos de EMAFESA entre outros acordos. | O arquivo, pesa 32,3MB. | Acceder/Baixar.

---


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon