O Partido Popular inaugura as obras do tren polo sur ao Porto Exterior de Ferrol, a pesar da oposición veciñal e social ao malgasto e un novo atentado contra a Ría. 25 de Setembro de 2017 | +info. |
Por Alexandre Carrodeguas [*]
27.09.2017
A iniciativa de levar o tren ao porto exterior de Ferrol [1] non considera cuestións fundamentais, como é a ineficiente conexión ferroviaria entre Ferrol e o resto do territorio ou a difícil competitividade futura da terminal de contedores. Estase vendendo fume para poder facer unha obra de 123 millóns de euros que, ademais de non servir para moito, tería un impacto ambiental inasumible.
Un dos argumentos máis repetidos para xustificar a necesidade do acceso ferroviario ao porto exterior de Ferrol é que non hai porto competitivo sen acceso ferroviario, argumento difícil de soster coñecendo, por exemplo, o caso de Alxeciras, o principal porto do Mediterráneo e o terceiro en tráfico de contedores de Europa: aínda que conta con acceso ferroviario, a práctica totalidade do seu tráfico de contedores consiste no transbordo barco-barco.
Ademais, facer unha vía dende a Malata ata o porto exterior só serviría para mover os contedores dende Caneliñas ata a estación de Ferrol. Dende alí, tendo en conta as actuais condicións das vías de FEVE e Renfe, os contedores deberían ser transportados, como hoxe, por estrada aos seus destinos. De feito, a dársena interior do porto xa conta con acceso ferroviario que practicamente non se usa.
Esta eiva non se vai solucionar nin sequera a medio prazo: o Plan de Infraestruturas, Transporte e Vivenda 2012-2024 só prevé o propio acceso ao Porto Exterior e a reposición, co actual trazado, da vía estreita entre Ferrol e Bilbao. Por outra banda un porto que mova contedores terra-mar e mar-terra precisa, para ser viable, que unha boa parte das mercadorías que mova sexan producidas e consumidas na propia área urbana inmediata. Algúns cifran esta parte nun 35% do total.
O porto de Ferrol está na periferia do sistema urbano da península. Outros portos atlánticos como Xixón e Bilbao, ou Leixões e Sines en Portugal, ademais de estar mellor conectados co resto do mundo a través de liñas ferroviarias e aeroportos, están próximos a maiores puntos de produción e consumo de mercadorías que o de Ferrol. Mentres esto sexa así o porto de Ferrol sempre terá menos tráfico de contedores que o resto dos portos atlánticos da península.
Outra cousa sería especializarse no transbordo barco-barco, como Algexiras, para o que, obviamente, non é necesario acceso ferroviario de ningunha clase.
As propias condicións da dársena tamén son un hándicap para que funcione o tráfico de contedores. A lámina de auga de Caneliñas non é moi estable, coincidindo cos refluxos de determinadas mareas. Isto é un problema pois as grúas traballan con marxes duns poucos centímetros cando apiñan os contedores nos barcos.
Isto é unha desvantaxe competitiva en relación a outros portos como Sines, que non teñen este problema. Despois de todo, o porto exterior de Ferrol non foi ideado para acoller unha terminal de contedores, senón para unha planta de regasificación. Esa foi a súa orixe. Outra cousa é que agora se lle queira buscar outra utilidade.
Ademais, se o impacto ambiental e social da alternativa pola Malata é moi grande, o das outras alternativas é aínda maior: a afección á Fraga de Menáncaro, o volume de entullos xigantesco ou maior percorrido urbano, entre outros. Non é polo tanto lóxico que se defenda ningunha das alternativas polo seu menor impacto. Para a cidadanía de Ferrol non hai alternativa boa.
A isto xuntase o custo de oportunidade que supón non investir estes 123 millóns de euros de recursos públicos noutras necesidades, como poderían ser mellorar a conexión ferroviaria entre Ferrol e Coruña ou a rexeneración ambiental da Dársena da Malata, por exemplo.
Todo o antedito é suficiente para poñer en cuestión necesidade de contar cun acceso ferroviario a Caneliñas. Tamén explica que a solicitude de financiamento á Unión Europea, a través do programa “Conectar Europa”, fose denegada en base a “pobre relevancia das accións proxectadas”.
Cando se esaxeran os efectos que esta infraestrutura, se se construíse, chegaría a ter no emprego e na economía da bisbarra estase a enganar a cidadanía, para apoiar cegamente o negocio da súa construción con cartos públicos. Son as “megainfraestruturas” que non xeran beneficio social algún das que tanto nos fala o economista Naredo. E que unha vez construídas ninguén vai responder das expectativas creadas, nin dos estudos de viabilidade que xustificaron tanto malgasto. É necesario pois un amplo debate social sobre os custos e beneficios do acceso o porto exterior... Non hai alternativa boa.
Publicado no Diario de Ferrol o 26 de setembro de 2017.
Foto: Detalle modificado da foto de Galiciapress.
[1] As obras que se iniciaron en Ferrol, son unha actuación que foi adxudicada á Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Copasa, Ogmios e Geotunel, cun prazo de execución de 46 meses e un investimento de case 72,5 millóns de euros máis IVE. O trazado discorrerá maioritariamente baixo terra, a través dun túnel, e contará tamén cun viaduto na enseada da Malata.
[*] Alexandre Carrodeguas, activista social de Ferrol Terra, promotor de plataformas cidadáns en defensa do patrimonio urbanístico e cultural; defensor dos espazos públicos e da rehabilitación dos cascos históricos; membro de Verdegaia, do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol e da Comisión Social de Seguimento da construción da infraestrutura de depuración e saneamento da marxe norte da ría de Ferrol. E un dos promotores da iniciativa cidadá pola xestión pública e social do ciclo da auga e do saneamento en Ferrol e da Plataforma pola Remunicipalización (Fonte: Ártabra 21).
Artigos de Alexandre carrodeguas en Ártabra 21| Ir á Web.
Artigos sobre o Porto Exterior en Ártabra 21 | Ir á web.
Artigos sobre o Tren a Caneliñas en Ártabra 21. | Ir á Web.
Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
26 de setembro de 2017 19:43
__________
Enlaces e documentación relacionada:
Sitio da Plataforma Tren Polo Norte, formada por unha trintena de entidades que no 2010 presentaron alegacións ao trazado do porto exterior de Ferrol | Ir á Web.
O Porto Exterior de Ferrol no Plan de Ordenación do Litoral - POL (Xunta de Galicia). | Acceder/Baixar.
GeoTren - O acceso ferroviario ao Porto exterior de Ferrol. | 16.Xaneiro.2014 | Ir á Web.
A Autoridade Portuaria licita as obras do acceso ferroviario ao Porto Exterior de Ferrol. | Ministerio de Fomento | 16.Abril.2016 | Ir á Web.
Fomento adxudica a redacción do proxecto constructivo do acceso ferroviario ao Porto exterior de Ferrol. | Ministerio de Fomento | 03.Xaneiro.2014. | Ir á Web.
__________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon