xoves, outubro 26, 2017

A eurodeputada galega Lídia Senra, esixe no pleno do Parlamento Europeo medidas políticas contundentes na loita contra os lumes - Demandará, entre outras, unha aposta política clara pola recuperación da actividade agrícola e das terras agrícolas forestadas...


Reuniuse hoxe co responsábel no Consello de Europa do seguimento dun catálogo que sinala eucaliptos e piñeiros como especies invasoras. | Reiterará no pleno a necesidade de incidir na prevención dos lumes e garantir o establecemento de operativos públicos e profesionalizados.


A eurodeputada galega, Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) reuniuse hoxe co director do Departamento de Cultura, Natureza e Patrimonio do Consello de Europa, Eladio Fernádez-Galiano, responsábel nesta institución do seguimento do Convenio de Berna relativo á conservación da vida silvestre e do medio natural.

No marco deste convenio, o Consello de Europa está a tentar dende hai tres anos aprobar un  “Código de Conduta sobre Bosques Cultivados e Árbores Alóctonas” -de cumprimento voluntario-, que inclúe como especies invasoras algúns tipos de eucalipto e piñeiro. Tanto as patronais da industria da madeira como o propio Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente español están a exercer moita presión para que este código de conducta non se aprobe. De feito, o texto xa foi revisado tres veces por parte dos 47 Estados membro do Consello de Europa.

Durante este intercambio de opinións, a eurodeputada galega expúxolle a Fernández-Galiano que “é totalmente imprescindíbel acabar co monocultivo do eucalipto”, para o que sería moi importante lograr a inclusión do eucalipto e o piñeiro na actual  listaxe de especies exóticas e invasoras da propia Comisión Europea.  “Entendemos que a vaga de incendios na Galiza e Portugal xa deixou máis que claro que os lumes son unha cuestión de saúde pública, e o seu control ten que estar moi por riba das presións dos Estados ou da patronal madeireira”.

Ademais desta xuntanza, Lídia Senra participará esta noite no debate sobre os lumes que terá lugar durante a sesión plenaria do Parlamento Europeo, no cal esixirá “unha actuación decidida que poña fin ao negocio do lume”. Este debate foi introducido na orde do día  impulsado dende algúns grupos parlamentarios, como a propia Senra solicitou facer ao GUE/NGL xa o pasado luns 16 de outubro.

A eurodeputada galega, que tamén onte interveu na reunión do Grupo da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica para informar sobre a situación dos incendios na Galiza, aproveitará a súa quenda no debate da Eurocámara para incidir en que o xeito máis eficaz de combater os lumes é a prevención, reiterando a necesidade de realizar máis esforzos neste sentido. Así mesmo, subliñará unha vez máis a necesidade de contar con operativos de prevención  de incendios “totalmente públicos e profesionalizados que poñan fin dunha vez por todas á actual precariedade laboral e dignifiquen a profesión dos bombeiros e bombeiras forestais”.

O abandono do medio rural provocado por anos de políticas agrarias que expulsaron ao campesiñado é a causa principal do avance do lume”, analiza responsábel para o GUE/NGL na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural, polo que durante o debate desta noite tamén instará á Unión Europea a “promover e apoiar decididamente a supervivencia e instalación de explotacións agrarias en todo o territorio”, tanto a nivel económico como eliminando trabas administrativas.

Como medidas concretas, Senra demandará unha aposta política clara pola recuperación da actividade agrícola e das terras agrícolas forestadas, así como o mantemento de tarefas de limpeza dos montes durante todo o ano, a eliminación de eucaliptos e piñeiros da contorna das aldeas e vivendas, e a recuperación dos bosques autóctonos e a súa multifuncionalidade, incluída a introdución de rabaños de vacas, ovellas ou cabras.

Estrasburgo, 25 de Outubro 2017.

Lídia Senra Rodríguez

Eurodeputada galega






Enviado por:
Ofice de Senra Rodríguez, María Lídia
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
25 de outubro de 2017 18:44

______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon