A UE confirma que o Estado español debe actuar contra o delito de apoloxía do franquismo. | Resposta á denuncia de Lídia Senra en relación á actitude da Fundación Franco de ensalzar a “grandeza” do ditador no Pazo de Meirás. | A eurodeputada galega critica a actitude cómplice do Goberno estatal e da Xunta ao eludir as responsabilidades na persecución deste delito.
A Comisión Europea vén de respostar á denuncia realizada a finais do verán pola eurodeputada Lídia Senra en relación ás declaracións públicas efectuadas pola Fundación Francisco Franco nas que aseguraba que ser a responsable de xestionar as visitas guiadas ao Pazo de Meirás era para ela "unha honra e unha excelente oportunidade para mostrar ao gran público a grandeza da figura" do ditador. No escrito emitido esta semana, a CE aclara e lembra que a Decisión Marco da UE relativa á loita contra o racismo e a xenofobia (2008/913/JAI) obriga aos Estados membro a tipificar como delito a apoloxía pública dos crimes de guerra.
Ademais, especifica a CE, é competencia das autoridades do Estado investigar, procesar e xulgar os casos individuais de delitos de incitación ao odio, como ben puidera ser o caso da actitude da Fundación Franco, non só polas declaracións públicas que ven realizando, senón tamén por estar beneficiándose economicamente da xestión dun Ben de Interese Cultural (BIC) como é o Pazo de Meirás, que non só foi regalado a Franco durante a Ditadura a través de 'doazóns' forzosas que tivo que facer o pobo, senón que ademais agora está a servir para financiar aos defensores da mesma.
“O Goberno do Estado e a Xunta de Galicia non poden seguir eludindo a súa responsabilidade. Ca súa permisividade están sendo cómplices da apoloxía do franquismo que está a facer a Fundación”, declarou hoxe a eurodeputada galega. Para Senra, a actitude mantida por ambas administracións “evidencia a súa falta de compromiso na defensa dos dereitos humanos e a falta total de respecto cara as víctimas do franquismo”. É por iso que reclamou que a Fundación Francisco Franco deixe de ser inmediatamente a responsable de xestionar as visitas do Pazo de Meirás e tamén que a familia Franco devolva estas propiedades ao patrimonio público, xa que leva anos incumprindo a lei.
Así, Senra lembra que o Pazo de Meirás foi declarado BIC no ano 2011, o que obriga aos seus propietarios a abrir ao público o complexo catro veces por mes como mínimo, algo que a familia Franco non cumpriu. "Se a isto lle engadimos que a responsable de organizar as visitas é a propia Fundación Francisco Franco, o delito de apoloxía do franquismo é claro e nisto a resposta da CE non ten dúbidas, polo tanto, o Estado e a Xunta deben mover ficha xa e forzar que tanto á familia Franco como á Fundación deixen de ter responsabilidade sobre o Pazo de Meirás", reclama a eurodeputada.
Estrasburgo, 26 de outubro de 2017.
Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)
lidia.senra@europarl.europa.eu
http://ageuropa.gal/
Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
26 de outubro de 2017 10:35
_____________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon