CONVOCATORIA ASEMBLEA CIDADÁ EN FERROL - 28 DE OUTUBRO
Somos un grupo de persoas preocupadas polo noso Concello, que levamos varios meses reflexionando sobre a situación social, cívica, económica, laboral e institucional de Ferrol.
Por este motivo, vimos de convocar unha Asemblea Cidadá que vai ter lugar o Sábado 28 de Outubro, ás 18.00 horas, no Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño.
Nesta Asemblea gustaríanos compartir reflexións e sumar vontades, para o que partiremos dun pequeno texto que se adxunta (tamén se pode ver máis abaixo) que elaboramos como proposta para comezar e orientar o debate da Asemblea.
Para contactar: Barbara Primo e Xaime Aguiar.
procesoferrol@gmail.com
QUEREMOS UNHA ALTERNATIVA
Moitas persoas estamos a observar a regresión e o progresivo deterioro da situación social, cívica, económica, laboral e institucional de Ferrol.
Lonxe de patriotismos partidarios e de prexuízos políticos, debemos sobrepoñernos e superar a precariedade e frustración presentes, así como as alarmantes perspectivas de futuro que podemos prever.
Temos obxectivos
Xa temos algún camiño andado, e sabemos que desde intereses diversos podemos chegar a obxectivos comúns. Que debemos ser quen de construír unha mínima unidade popular, de remunicipalizar, feminizar, rehabilitar, galeguizar, participar.
Queremos organizar un proxecto de participación política local, perdurable no tempo e con capacidade de influír social e institucionalmente. En definitiva, unha ferramenta política con carácter democrático para un proxecto municipalista.
Queremos e temos que organizarnos
Propoñemos un lugar de encontro aberto ao conxunto da cidadanía, onde todo xire en torno á articulación de formas respectuosas de participación entre nós, e tamén na interacción con todo tipo de organizacións e movementos sociais.
Unha proposta política con modelos de funcionamento horizontais, transversais e plurais. Procurando consensos desde a diversidade e a diferenza, como elementos que están na natureza mesma do proxecto
Un espazo político para as persoas, onde nos poidamos recoñecer mutuamente, sen mediacións, nin autoridades, nin poderes fácticos de ningunha caste.
Con estritas garantías democráticas, no que as persoas poidamos exercer os nosos dereitos plenamente, en réxime de radical igualdade.
Queremos actuar desde o respecto e a honestidade
Un proxecto sen imposturas, que faga o que di que vai facer desde a máxima transparencia e radicalidade democrática. Desde a honestidade persoal como antesala da honestidade colectiva.
Un espazo soberano e autónomo, pero non excluínte. Aberto a fórmulas de cooperación con proxectos compatibles cos nosos obxectivos políticos.
Aspiramos a representar maiorías sociais, por iso non podemos eludir a relación existente entre un horizonte emancipatorio que promova o cambio social, co máis inmediato e pragmático horizonte electoral.
Planificar as tarefas precisas para atender a eses horizontes temporais semella ser o traballo que debemos abordar xa, participadamente, desde o conxunto do colectivo.
HAI ALTERNATIVA. HAI POSIBILIDADE.
Documento Anexo en formato pdf. | Acceder/Baixar.
Enviado por:
Proceso Ferrol
-procesoferrol@gmail.com-
26 de outubro de 2017 11:46
_______________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon