luns, novembro 06, 2017

A presidenta e o vicepresidente da Comisión FEMM do Parlamento Europeo reciben o martes á delegación galega de En Negro Contra as Violencias Machistas - A eurodeputada Lídia Senra acompañará á delegación de case medio cento de representantes de entidades locais e provinciais galegas integradas na campaña que chegan xa hoxe pola tarde a Bruxelas - A concelleira de Igualdade de Santiago, Marta Lois, presentará na reunión o pacto social municipal contras as violencias machistas e tamén está prevista unha acción de visibilización na rúa - Previsión: Martes 7 de Novembro 2017 en Bruxelas da Presentación internacional da campaña galega

A campaña galega En negro contra as violencias machistas chegou xa á sede do Parlamento
Europeo en Bruxelas. Benvidas!!  Tarde do luns 6 de novembro de 2017

A presidenta e o vicepresidente da Comisión FEMM do Parlamento Europeo reciben o martes á delegación galega de En Negro Contra as Violencias Machistas. | A eurodeputada Lídia Senra acompañará á delegación de case medio cento de representantes de entidades locais e provinciais galegas integradas na campaña que chegan xa hoxe pola tarde a Bruxelas. | A concelleira de Igualdade de Santiago, Marta Lois, presentará na reunión o pacto social municipal contras as violencias machistas e tamén está prevista unha acción de visibilización na rúa.


A presidenta e o vicepresidente da Comisión de Dereitos da Muller e Igualdade de Xénero (FEMM) do Parlamento Europeo, a lituana socialista Vilija Blinkeviciute e o portugués membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) Joao Pimenta Lopes, respectivamente, así como outros eurodeputados e eurodeputadas de FEMM de diferentes países recibirán este martes no edificio da Eurocámara en Bruxelas á delegación de case medio cento de representantes municipais e provinciais galegas que chegan este luns pola tarde á capital belga para presentar a campaña En Negro contra as violencias machistas. O grupo galego, encabezado pola concelleira de Igualdade de Santiago de Compostela, Marta Lois, estará acompañado en todo momento e será presentado aos representantes internacionais pola eurodeputada galega tamén membro do GUE/NGL Lídia Senra.

A reunión terá lugar ás 10:00 horas da mañá do martes, na sala E1E do Parlamento Europeo, e nela Marta Lois, arroupada polo resto de integrantes da delegación, presentaralle aos representantes da Comisión FEMM o Pacto social municipal galego contras as violencias machistas. Posteriormente, ás 11:30 horas, terá lugar unha acción de visibilización da campaña galega na explanada de diante do Parlamento Europeo. O obxectivo: Que Galiza simbolice na institución comunitaria a repulsa e a loita colectiva contras as violencias machistas, na antesala do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A campaña En Negro contra as Violencias Machistas, posta en marcha hai tres anos polo Concello de Santiago por primeira vez, conta neste 2017 con 72 concellos de toda Galiza adheridos a ela e case 3.000 establecementos de todo tipo.

A eurodeputada Lídia Senra amosa o seu apoio a esta iniciativa, no marco da reivindicación que realiza constantemente para que a loita contra a violencia machista e pola igualdade de xénero sexa unha prioridade nas políticas do Parlamento Europeo. “Non é suficiente con amosar de palabra que se está en contra do machismo, hai que demostralo con feitos, poñer en marcha iniciativas que promovan a igualdade real e a fin da violencia. O Parlamento Europeo debería ser máis firme nestas cuestións. En varias ocasións temos asistido no pleno a comentarios machistas por parte de membros do Parlamento Europeo, un Parlamento que, por certo, non é paritario nin de lonxe (só o 37% dos escanos están ocupados por mulleres)”, defende Senra. “É necesario impulsar medidas que acaben co nesgo machista na aplicación das leis, e que blinden a tolerancia cero coa violencia machista, os cargos públicos que exerzan violencia machista deben ser cesados fulminantemente. Os casos de acoso que están saíndo á luz, tanto no Parlamento Europeo como noutras institucións son intolerables. Precísanse actuacións contundentes para acabar con estas situacións de violencia machista para sempre. Se non somos contundentes nas institucións, que leccións estamos dando á sociedade?”, declara a europarlamentaria.

A delegación de medio cento de persoas galegas que viaxa a Bruxelas esta semana está integrada por deputadas provinciais da Deputación de Lugo e de Pontevedra, concelleiras e concelleiros, responsables municipais de Centros de Información ás Mulleres e técnicas locais de Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Muros, Salceda de Caselas, Rianxo, Ribadeo, Fisterra, Val do Dubra, Lugo, Ames, Cerdido, Ortigueira, As Pontes, Cambre e Becerreá.

Segundo os datos da última Macroenquista de violencia contra as mulleres realizada no 2015 polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, un 13% das mulleres residentes no Estado español de máis de 16 anos declaran ter sufrido violencia física ou sexual nalgún momento da súa vida por parte da parella ou exparella; un 26% violencia psicolóxica de control como celos, control de horarios e actividades; e un 20% violencia psicolóxica emocional como insultos, intimidacións, ameazas verbais, etc. Desde 2003 até maio do 2017, a Delegación do Goberno rexistrou 53 asasinatos machista na Galiza e 780 no Estado español.

En Negro contra as Violencias Machistas naceu no 2015 da man do Concello de Santiago, que puxo en marcha a campaña Compostela, en Negro, na que se implicaron arredor de 300 establecementoscomerciais e axentes sociais do municipio, que se converteron en embaixadores da mesma co obxectivo de promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres. A acción consistiu en tinguir de negro a cidade a través dos escaparates, os manequíns, a roupa de traballo; vestir loito en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista. Partindo desta práctica inicial, e coa finalidade de multiplicar e estender a incidencia social da campaña, no 2016, xa 16 concellos máis uníronse para desenvolveren conxuntamente a campaña En negro, contra as violencias. Neste 2017, xa son máis de 70 os concellos adheridos que intentan así situar na axenda política esta loita e como gran novidade está tamén o salto que darán esta semana ao Parlamento Europeo.

A iniciativa enmárcase dentro das actividades que terán lugar ao longo de novembro para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, 25 de novembro, así instaurado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1999 convidando a gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gobernamentais a desenvolver actividades dirixidas a sensibilizar á poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres.

Bruxelas, 6 de novembro de 2017.
---

Previsión: Martes 7 de Novembro 2017 en Bruxelas, no Parlamento Europeo: Presentación internacional da campaña galega "En Negro contra as Violencias Machistas".

Unha delegación integrada por case medio cento de representantes municipais e provinciais galegos, encabezada pola concelleira de Igualdade de Santiago de Compostela Marta Lois e acompañada pola eurodeputada galega Lídia Senra, presentarán este martes no Parlamento Europeo a campaña En Negro contra as Violencias Machistas, na que participan 72 concellos de toda Galiza e case 3.000 establecementos de todo tipo. | Acceder/Baixar Programa.

Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). Facebook e Twitter.

lidia.senra@europarl.europa.eu      
http://ageuropa.gal/

Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
6 de novembro de 2017 11:59
6 de novembro de 2017 17:34

_________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon