xoves, decembro 14, 2017

O responsábel máximo da situación desolada da xestión do sistema de saneamento de Ferrol e Narón, Augas de Galicia, pon-se por arriba do ben e do mal e considera-se mediador nun conflito entre dúas administracións, os concellos de Ferrol e Narón - Pasamos dun requirimento de Narón moi ben elaborado e argumentado, centrando o asunto no seu punto real a unha suposta mediación impresentábel

Roberto Rodríguez, director de Augas de Galicia, nun momento da reunión,
celebrada na Coruña, este mércores 13 de decembro de 2017

A Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización, viamos con preocupación á convocatoria dunha reunión a tres bandas entre Augas de Galicia, Concello de Narón e Concello de Ferrol. A experiencia dicía-nos que cada vez que o Alcalde de Ferrol acude a unha reunión con Augas de Galicia, é para acabar representando os intereses da parte privada de Emafesa (Socamex), e non os da cidadanía de Ferrol. Por varias veces acudiu coa idea de devolver o sistema de depuración e saneamento a Augas de Galicia, e volveu cunha axenda cargada de compromisos favorecedores da parte privada que xestiona Emafesa, de xeito opaco, irregular e de dubidosa legalidade.

Foi por iso que a principios de semana, solicitamos entrevistar-nos coa Alcaldesa de Narón e tamén co Alcalde de Ferrol, para expoñer-lles a nosa preocupación e propostas, ante a xuntanza a tres bandas. Mais esta última xuntanza, tivo lugar antes de que responderan ás nosas peticións desde os gabinetes dos respectivos concellos. Aínda así insistiremos en manter esas xuntanzas solicitadas.

Desde a Plataforma insistimos, e así faremos-llo chegar nas entrevistas solicitadas a Jorge Suárez e Marian Ferreiro, que con Augas de Galicia só hai que achegar un punto na orde do día: a devolución do sistema de saneamento e depuración aos seus responsábeis (Augas de Galicia). Canto máis se alonga o proceso polo que o goberno de Jorge Suárez, xunto ao Partido Popular e CD,s, intenta aumentar o volume de negocio, e sanear irregularmente as contas da empresa mixta Emafesa, máis incumprimentos legais aparecen enriba da mesa, entre estes, e para engadir á longa lista do denunciado nos comunicados desta Plataforma, a Lei de Contratos Públicos (artigo 24).


A continuación os titulares da nova da reunión a tres bandas, na web oficial de Augas de Galicia. Estes titulares pretenden ser os resumos, desde o punto de vista do ente público empresarial, desta xuntanza que tivo lugar onte mércores, 13 de decembro de 2017, n'A Coruña.

"Augas de Galicia facilita un principio de acordo entre Ferrol e Narón para a explotación do saneamento da marxe norte da ría".

"O director do ente público mantivo hoxe unha xuntanza de traballo cos alcaldes de ambos municipios co obxectivo de desbloquear a situación".

"Segundo o borrador de convenio que lles entregou Augas de Galicia, os dous concellos sufragarían a partes iguais os custes de explotación do sistema mentres a xestión non sexa asumida por parte da Mancomunidade".

"As tres administracións danse un prazo duns días para analizar o documento e pechar os últimos flecos antes de iniciar a tramitación do convenio definitivo"

O colmo do despropósito, o responsábel máximo da desoladora situación da xestión do sistema de saneamento de Narón e Ferrol, Augas de Galicia, pon-se por arriba do ben e do mal considerando-se mediador nun suposto conflito entre dúas administracións, os concellos de Ferrol e Narón. É a prolongación da desolación na que estamos por incapacidade e inacción do Alcalde Jorge Suárez e a irresponsabilidade e manobras políticas de Augas de Galicia. Ademais nun día no que se publican as contas de Emafesa, onde presentaba a finais de 2016, un déficit no balance, entre perdas e débedas, próximo aos 7 millóns de euros. Non nos queremos nin imaxinar a situación a día de hoxe. Toda unha grande irresponsabilidade.

Pasamos dun requirimento de Narón a Augas de Galicia e ao Concello de Ferrol, moi ben elaborado e argumentado, centrando o asunto no seu punto real, a unha "mediación", nun suposto conflito, cuxo maior responsábel é o propio mediador (Augas de Galicia). Xa pode conservar ben Alberto Nuñez Feijóo, ao encantador de serpes, Roberto Rodríguez, Director de Augas de Galicia, a verdade que é "Puro Ouro de Lei", para defender os intereses e as políticas neoliberais, porque está demostrando que é capaz de converter a auga en viño.

Di o propio ente da Xunta: "Augas de Galicia e os concellos de Ferrol e Narón chegaron hoxe a un principio de acordo respecto do financiamento dos custos de explotación do sistema de saneamento da marxe norte da Ría ferrolana. No transcurso dunha reunión celebrada en A Coruña, o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, trasladoulles ao alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, e á alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, un borrador de convenio no que se establecen e regulan as condicións segundo as cales ambos municipios asumirán, a partes iguais, os custes de mantemento deste sistema". Debe conter algún erro esta afirmación de partes iguais, pois até o de agora o acordo político, estaba entre o 70% que asumía Ferrol e o 30% que asumía Narón.

Roberto Rodríguez entregou-lles, "un borrador de Convenio", outro máis, unha verdadeira tomadura de pelo. Mentres, a empresa mixta de augas de Ferrol desangra-se por todas partes, e a samesuga de Socamex (a parte privada), está preparada para abandonar o buque, despois de facer todos os amaños para demandar unha forte indemnización. Todo isto co noso Alcalde, Jorge Suárez, asesorado por os habilitados estatais (Secretario e Interventor) e pola súa sospeitosa asesoría xurídica externa (ao menos no caso do Contrato eléctrico), sita no bufete "Lama&Asociados", dados en "ameazar" a concelleiros e concelleiras con responsabilidades penais, perigo do patrimonio persoal... nas que poden incorrer si votan en contra de determinados intereses, bufete que tamén asesora oficialmente a Emafesa.

Sigue dicindo Augas de Galicia, "o acordo alcanzado e no que Augas de Galicia asumiu un papel de mediación, terá só carácter temporal, xa que o convenio estará vixente ata que a Mancomunidade de Concellos da comarca de Ferrolterra asuma directamente a explotación e mantemento do saneamento da marxe norte da ría, un compromiso adquirido no seu día polo ente supramunicipal". Esta é a perla da interpretación do tratado na reunión a tres bandas: "acordo alcanzado" e "papel mediador". Balóns todos fora, deixando claro que para nada é responsábel, e deixando todo sen data, vamos como estaba. Por certo, a Mancomunidade o que encargou polo de agora foi só un estudo das posibilidades de constitución dun ente supramunicipal, non a súa constitución.

Augas de Galicia, continua interpretando o que nesa reunión aconteceu, "así mesmo, Roberto Rodríguez e os alcaldes de Ferrol e Narón acordaron darse un prazo duns días para pechar os últimos flecos pendentes e dispoñer canto antes do convenio definitivo para poder iniciar a tramitación que corresponda por parte das tres administracións". Mais dilación, para intentar materializar unha ilegalidade, como deixar en mans de Emafesa o sistema de depuración, unha empresa que non pode considerar-se medio propio, segundo a lexislación vixente, e sobre todo na situación económica na que se atopa con millonarias débedas e perdas patrimoniais e contas sen aprobar. Desde o noso punto de vista unha situación insalvábel. Parece que Roberto Rodríguez, pretende dilatar o asunto até que non haxa posibilidade de rectificación e chegar nas proximidades das vindeiras eleccións municipais (Maio de 2019), a un grado de deterioro moi custoso a nivel social, político e sobre todo económico. Participando deste xeito, o citado director de Augas de Galicia, na estratexia elaborada polo ferrolano Miguel Tellado (Secretario Xeral do PP de Galicia), de utilización de todos os medios postos ao seu servizo (institucionais, mediáticos, orzamentarios,...) para o acose e deterioro da vida institucional onde quen goberna non é o Partido Popular.

Agora cumpre agardar non só a versión de Marián Ferreiro e a de Jorge Suárez, senón a posición dos respectivos gobernos municipais e logo o debate en Plenos.


Entrega do Recurso contra a Taxa do PP

E aproveitando, mañá venres 15 de decembro, ás 12 do mediodía, vemo-nos no rexistro do Concello de Ferrol, entregando o noso Recurso de Reposición, contra a habilitación da Taxa do Partido Popular, por parte do Pleno.


PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Alexandre Carrodeguas | Fernando Ramos | Pablo Portero |  Bernardo Rego | Lupe Ces  |
remunicipalizacion.plataforma@gmail.com | https://plataformaferrol.blogspot.com.es

---


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon