martes, abril 24, 2018

André Abeledo o concelleiro da esquerda de Narón, defende a necesidade de ter un servizo de transporte público de calidade que cubra realmente as necesidades da veciñanza


ABELEDO DEFENDERÁ MOCIÓN PARA INSTAR O GOBERNO GALEGO PARA QUE IMPULSE UNHA 'MESA DE DIÁLOGO PARA O TRANSPORTE PÚBLICO'

André Abeledo defendeu hoxe luns día 23 de Abril, na Xunta de Portavoces, a necesidade de ter un servizo de transporte público de calidade que cubra realmente as necesidades da veciñanza.

Na reunión Abeledo defendeu a Moción do Grupo Municipal de EU Narón, e garantizou o apoio de TEGA, BNG, e PSOE.

Entendemos o transporte público como un dereito e non como un simple negocio, por este motivo o mantemento ou fortalecemento das liñas de autobuses non pode medirse pola rentabilidade senón pola necesidade da veciñanza de ter un servizo”. 

A administración, neste caso a Xunta de Galicia, ten a obriga de garantir o dereito ao transporte público a cidadanía”.

"Galiza necesita outra política de Transporte. Unha política integral que teña como obxectivo prioritario a articulación territorial do país. Articulación que debe estar vertebrada por unha interconexión de calidade entre áreas metropolitanas, núcleos vilegos, zonas periurbanas e rurais, capaz de dar resposta ás demandas de mobilidade presentes e futuras da nosa poboación".

Resulta pois, fundamental, transcender a dimensión espacial do termo transporte (centrado no acto físico de portar mercadorías e persoas) e introducir a dimensión social que leva consigo implícita a mobilidade, centrada na capacidade das persoas para exercer un desprazamento. Dimensión social transversalizada en todo momento por un elemento clave: a accesibilidade.

Atopámonos nun momento transcendental para que as galegas e galegos poidamos contar cun Plan de Transporte Público de Galiza que dea respostas concretas e efectivas a problemáticas históricas do noso territorio. O límite temporal fixado pola Lei 10/2016 de Medidas Urxentes para a Actualización do Transporte Público,  obriga á aprobación do Plan de Transporte 22 meses despois da súa entrada en vigor, polo que se conta cun horizonte duns meses por diante para a súa aprobación.

Temos por tanto, a OPORTUNIDADE E A RESPONSABILIDADE  de acometer coa máxima premura os traballos que sexan necesarios para que a elaboración do Plan de Transporte de Galiza conte coa máxima participación e diálogo social, garante de que se fixe como eixo fundamental a optimización do servizo en base a criterios de rendibilidade social, sostibilidade, transparencia e necesidade. Temos a oportunidade e a responsabilidade de que o Pan de Transporte sexa froito dunha planificación integral da mobilidade do país artellada baixo os principios de solvencia técnica, rigor técnico e máxima seguridade xurídica.

A Sentenza de marzo de 2016 do Tribunal Supremo , que anulou 129 concesións de transporte público por estrada, prorrogadas pola Xunta apelando a criterios contrarios á lei, dan boa conta do desleixo e irresponsabilidade co que foi tratado un sector estratéxico para o noso país. Un sector no que o Partido Popular leva décadas favorecendo a creación dun mercado do transporte en beneficio das grandes compañías, poñendo por riba dos dereitos das persoas, criterios mercantís e de redución de custos.

É unha obriga para o futuro do noso país mudar o rumbo. Galiza non entrará no SXXI ata non ter unha rede de transporte público de calidade, cómpre poñer todos os esforzos en acadala.

Con ese obxetivo é fundamental a defensa dos seguintes principios básicos:

1. Garantir o dereito á mobilidade: Toda planificación da mobilidade no noso país debe estar fundamentada no beneficio social e na búsqueda de mellora de calidade de vida da poboación, reducindo os tempos empregados nos desprazamentos e garantindo que se poidan exercer dentro de parámetros de equidade e xustiza social, con independencia de renda e lugar de residencia.

2. Garantir un transporte público de calidade, capaz de dar alternativa real ao vehículo privado, con independencia dos factores socioeconómicos das persoas usuarias. Un transporte público de calidade será aquel que polas súas características sexa percibido como atractivo e útil pola poboación de forma transversal, cunha tipoloxía de usuario que abranga todas as franxas de idade, renda ou lugar de residencia.

3. Mellorar a calidade ambiental e impulsar a soberanía enerxética. Dispoñer dun transporte público efectivo incidirá nun uso racional do vehículo privado, este feito leva aparellada indubidablemente unha redución de emisións de CO2 e de gases contaminantes, así como unha diminución do consumo enerxético global.

4. Garantir a Accesibilidade en todo o Transporte Público.

5. Apostar polo equilibrio territorial e pola proximidade: A rede de transporte público debe ser vector de equilibrio entre os diversos territorios, garantindo o acceso a servizos a toda a poboación con independencia do seu lugar de residencia. Debe requirir especial atención o fomento dun transporte de proximidade.

6. Impulsar o dinamismo económico: A mobilidade debe permitir favorecer o atractivo das actividades terciarias, converténdose nun instrumento para  desenvolvemento económico do país, contribuíndo en definitiva á dinamización económica do mesmo.

7. Integrar a todos os colectivos e administracións implicados. Deben estar integrados todos os colectivos e axentes con implicación na materia dentro dun marco de colaboración activa. Ao mesmo tempo que se debe contar con todas as administracións con facultade e competencia na materia para traballar en prol dun dereito que afecta á vida cotiá da poboación.

Dado que un novo modelo de mobilidade que vertebre un novo modelo de país, só responderá ás necesidades reais da poboación se é froito do diálogo social dentro dun marco de colaboración activa e só responderá a criterios de beneficio social sobre os beneficios monetarios se é elaborado nun marco de participación social e transparencia.

Por isto consideramos imprescindible constituír unha Mesa para o Diálogo do Transporte Público con representantes da Xunta, sindicatos e empresas do sector, concellos e Deputacións, direccións de colexios e ANPAS, ademais de asociacións da sociedade civil que sumen representatividade, coñecementos e capacidade propositiva para podermos, así, articular un espazo de información, deliberación, debate e deseño participativo do novo Plan de Transporte Público de Galiza.

E propón o seguinte ACORDO para o seu debate e aprobación en Pleno:

O Concello de Narón insta ao Goberno galego a impulsar unha Mesa para o Diálogo do Transporte Público coa fin de dotarnos dun Plan de Transporte Público en base aos seguintes obxectivos:

-Deseñar unha rede de transporte colectivo atractivo polo número de frecuencias e rutas, baixo as premisas de fiabilidade, puntualidade, accesibilidade e competitividade en tempos.

-Artellar o país coa lóxica metropolitana e comarcal, impulsando medidas como a conexión coas cabeceiras de comarca, implantación de aparcamentos disuasorios nas contornas das áreas urbanas e introdución do transporte urbano onde non exista.

-Impulsar a intermodalidade con outros medios de transporte , implementando  “sistemas de xestión e tarifarios unificados para para incluír, ademáis dos autobuses urbanos e metropolitanos, novas opcións coma os ferrocarrís de proximidade, tranvías e metros lixeiros, transporte marítimo metropolitano etc.

-Deseñar unha rede de transporte colectivo tendo en contas as diferentes áreas funcionais, dando cobertura e conexión aos principais nodos atractores de mobilidade como hospitais, universidades, centros comerciais, polígonos industriais, estacións etc.

-”Fomento doutras formas de mobilidade sostible”, tanto ciclista como peonil

-Garantir a mobilidade en espazos rurais e zonas de baixa densidade de poboación mediante “ a implantación progresiva de concesións zonais, uso de vehículos de transporte colectivo de menor tamaño e outras iniciativas como programas de transporte a demanda ou transporte escolar compartida

-”Desenvolver sistemas integrados de transporte colectivo nos espazos de maior densidade litoral como as Rías Baixas e a Mariña de Lugo, Incluíndo o transporte marítimo metropolitano dentro da oferta do transporte público.

-Sincronizar a oferta de transporte público cos incrementos de demanda estacionais relacionados co turismo, garantindo a calidade do servizo e dando resposta ás demandas específicas derivadas de dita actividade, mediante aumento de frecuencias e rutas.

-Adaptar a oferta de transporte público aos incrementos de demanda relacionados cos calendarios escolares e universitarios e relación desta cos fluxos de mobilidade específicos da comunidade educativa e universitaria. Supresión da estacionalidade relacionada cos calendarios escolares e universitarios cando isto supoña unha redución de oferta e unha diminución da calidade do servizo.

-Incluír a perspectiva de xénero no deseño das redes de transporte público, horarios, rutas, paradas e equipamentos. Así como impulsar medidas que resolvan as carencias do transporte público colectivo no referente á percepción de seguridade."

*Citas extraídas das Directrices de Ordenación do Territorio de Galiza sobre sistemas de transporte.

En Narón a 12/04/2018

Asdo.: André Abeledo Fernández

Voceiro do Grupo Municipal de Esquerda Unida

Enviado por:
Naron Esquerda Unida
-eu-naron@esquerdaunida.org-
23 de abril de 2018 14:03

______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon