Por Iolanda Teixeiro [*]
24.04.2018
Levamos tres longos anos cun governo en inanición. Nese estado de vazío. Inane. Un governo local de fraqueza extrema por falta de alimentación. Tres longos anos nos que todos os movementos para axir, para facer política, non foron máis que un pedalear no baleiro. Á incapacidade de Jorge Suárez para manter un pacto co seu socio de governo do Psoe, hai que engadir o seu desleixo para aprobar un só orzamento en toda a lexislatura. Daí a inanición municipal.
O alcalde de Ferrol pasará á historia da cidade por unha versión mareante do principio taoísta do wu wei, deixar que actúe o tempo, mais sen facer ren. Un alcalde que entrou con poucos apoios e que rematará con aínda menos. El mesmo confesa que cada concelleiro leva seis ou sete áreas e que iso dificulta a acción de governo. Como se o governo en mínimos non tivera sido responsabilidade súa e da súa equipa e fora o designio de algunha escura divindade. Como se non fora responsabilidade dun governo que non soubo negociar nen abrirse á participación cidadá. Un alcalde tan semellante ao anterior popular Rey Varela que ate lle serveron os orzamentos aprobados por el. Cantos investimentos teremos perdido?.
Gostaría de preguntar a Jorge Suárez, que amais de alcalde é tamén concelleiro de Facenda, que proxecto de cidade pode ter alguén que non é quen de aprobar nengún orzamento nun trienio?.
Cando remate a súa lexislatura a única análise posíbel serán estes catro anos perdidos.
[*] Iolanda Teixeiro Rei -Ferrol, activista ecoloxista e decrecentista, articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Sermos Galiza.
Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
20 de abril de 2018 11:16
_______________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon