mércores, abril 25, 2018

Lídia Senra pide á CE que inclúa os eucaliptos na lista de invasoras, baseándose no ditame do Comité Científico - Chama á Comisión Europea a tomar como análise de risco das especies o documento unánime aprobado pola vintena de científicos do Estado español - A eurodeputada rexistra unha pregunta parlamentaria por escrito para saber se o ente comunitario estaría agora en disposición de iniciar esta tramitación


Lídia Senra pide á CE que inclúa os eucaliptos na lista de invasoras, baseándose no ditame do Comité Científico. | Chama á Comisión Europea a tomar como análise de risco das especies o documento unánime aprobado pola vintena de científicos do Estado español. | A eurodeputada rexistra unha pregunta parlamentaria por escrito para saber se o ente comunitario estaría agora en disposición de iniciar esta tramitación.


Lídia Senra, eurodeputada galega no Parlamento Europeo, reclama á Comisión Europea (CE) que, tomando como base o ditame[1] aprobado de forma unánime polo Comité Científico de Flora e Faunas Silvestres do Estado español, inclúa os eucaliptos na lista de especies exóticas invasoras preocupantes para a Unión.
Senra rexistrou hoxe unha pregunta parlamentaria por escrito na que informa ao ente comunitario de que o Comité Científico do Estado español, órgano consultivo formado por unha vintena de científicos independentes, emitiu recentemente un ditame unánime no que conclúe que “constatados cos datos cienfíticos dispoñibles o carácter invasor das especies Eucalyptus naturalizadas no Estado, se deberían incluír no Catálogo de Especies Exóticas Invasoras todas estas especies: Eucalyptus camaldulensis, Eucalyptus globulus, Eucalyptus gomphocephala, Eucalyptus gunnii, Eucalyptus nitens e Eucalyptus sideroxylon, así como calquera outra especie deste xénero cuxo destino sexa a explotación forestal, debido ao alto risco de invasión a consecuencia das súas caracterísitcas biolóxicas, fisiolóxicas e ecolóxicas”.

Na contestación en maio do 2017 do anterior escrito[2] de Lídia Senra á CE para pedirlle que incluíra os eucaliptos na lista de invasoras europeas, a Comisión respondera que as solicitudes de inclusión de especies exóticas invasoras nesa lista podían proceder dos Estados membros ou da propia CE e que un requisito previo a unha solicitude deste tipo é que se teña efectuada unha análise de riscos. Explicaba daquela a CE que non se recibira ningunha solicitude para a inclusión das especies de eucaliptos na lista da Unión e que a CE tampouco era coñecedora de ningunha análise de risco pertinente, motivos polos cales consideraba improbables que se foran incluír os eucaliptos nesta lista. Agora, tendo en conta que hai un ditame emitido polo Comité Científico estatal, Senra considera que a CE debería volver valorar a situación. Así, a eurodeputada galega pregúntalle á Comisión se “podería estudar con detalle o citado ditame e, guiándose polas súas amplas análises e recomendacións, iniciar o procedemento para solicitar a inclusión destas especies na lista de especies exóticas invasoras preocupantes para a Unión, conforme ao disposto no artigo 4, apartado 2, do Regulamento (UE) nº 1143/2014”.

A europarlamentaria defende que é fundamental que se leve a cabo esta inclusión para poder frear os graves problemas socioambientais que xeran os eucaliptos na Galiza, onde ocupan máis de 400.000 hectáreas (a cuarta parte da superficie forestal galega). E é que os eucaliptos, ao ser un monocultivo, convirten os terreos en áreas con escasa biodiversidade; as súas raíces absorben grandes cantidades de auga impedindo la filtración de augas cara aos acuíferos, e secando pequenos regatos, fontes, etc.; ademais, ao ser prantas pirófitas favorecen os incendios forestais; traen consigo pragas e enfermidades que provocan a aplicación de insecticidas e fungicidas; e tamén é frecuente a aplicación de glifosato para diminuír a carga do sotobosque. A súa expansión provoca a desaparición de masas boscosas de elevado valor tanto ambiental como sociocultural ou patrimonial e estas problemáticas teñen sido denunciadas pola FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultural) en varias ocasións.

Os motivos para que os eucaliptos sexan incluídos na lista sobran e ademais agora todas estas evidencias están refrendadas polo que é o maior organismo consultivo do Estado español para estas cuestións”, defende Senra. O Real Decreto 139/2011 de 4 de Febreiro, para o desenvolvemento do Listado de Especies Silvestres en Réximen de Protección Especial e do Catálogo Español de Especies Amenazadas, no seu Artigo 7, crea o Comité Científico como órgano consultivo para asistir ao Comité de Flora e Fauna Silvestres, as Comunidades Autónomas e ao Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente. E no 2013, cando se regulou o Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras, ampliáronse as funcións deste Comité Científico a este aspecto tamén. Así, en setembro do 2017, o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, tras a recepción dunha moción do Concello de Teo pedindo a inclusión dos eucaliptos no catálogo de invasoras, solicitou un informe do seu Comité Científico ao respecto e o Comité Científico emitiu o ditame ao que se alude. Fronte á actitude do Ministerio, que despois pedir a elaboración deste ditame e de ver o resultado decidiu obvialo totalmente e desautorizalo, omitindo todas as opinións científicas, Senra chama á CE a valoralo e tomalo como base para iniciar o proceso para a declaración dos eucaliptos como especies exóticas invasoras preocupantes na Unión.

Santiago, 19 de abril de 2018.

[1] O ditame completo pode consultarse aquí:
http://www.mapama.gob.es/es/biodiversidad/temas/conservacion-de-especies/dictamencc302017eucalyptusvariasspp_tcm30-445705.pdf

[2] Esta foi a pregunta rexistrada por Lídia Senra o ano pasado á Comisión sobre este tema:

http://www.europarl.europa.eu/sides/getAllAnswers.do?reference=E-2017-002717&language=ES

Moitas grazas pola vosa atención

Adxuntamos copia da pregunta rexistrada na Comisión Europea.


Máis información:

Oficina de Lídia Senra, Eurodeputada Galega integrada no Grupo da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | Comisión de Agricultura. | Comisión de Pesca. | Asamblea Paritaria África, Caribe, Pacífico-UE. | 0034 609 845 861 .| lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/

twitter | facebook

Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
19 de abril de 2018 13:11
________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon