xoves, maio 17, 2018

Valoración da primeira posición sobre a PAC 2021-2027 aprobada hoxe pola Comisión de Agricultura do PE - Lídia Senra: 'É urxente e imprescindíbel socializar o debate sobre a nova Política Agraria Común' - A Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural aprobou hoxe unha posición sobre a nova PAC; será votada na plenaria do PE a finais de mes - A Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural aprobou hoxe unha posición sobre a nova PAC; será votada na plenaria do PE a finais de mes


Valoración da primeira posición sobre a PAC 2021-2027 aprobada hoxe pola Comisión de Agricultura do PE. | Lídia Senra: “É urxente e imprescindíbel socializar o debate sobre a nova Política Agraria Común”. | A Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural aprobou hoxe unha posición sobre a nova PAC; será votada na plenaria do PE a finais de mes. | As eurodeputadas/os presentaron máis de 1.000 emendas a un texto que, segundo Senra, mesmo empeora a proposta inicial da Comisión


Esta mañá a Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo (PE) aprobou un informe de iniciativa propia (INI) co que aspira a configurar a posición da Eurocámara en relación á proposta de Política Agraria Común (PAC) para o período 2021-2027 que a Comisión Europea vai presentar formalmente nas vindeiras semanas. Este INI será votado na sesión plenaria do PE que terá lugar do 28 ao 31 de maio en Estrasburgo.

Para Lídia Senra o documento aprobado hoxe, que adoptou o mesmo título que o presentado pola Comisión Europea a finais do ano pasado  -“O futuro da alimentación e a agricultura”, do que Senra xa mostrou no seu momento a súa crítica-, “lonxe de mellorar, agrava a posición europea”, polo que loxicamente opúxose co seu voto.

A eurodeputada galega, coordenadora do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural, reiterou hoxe a súa preocupación polo que identifica como “perder a oportunidade de realmente termos unha política agraria común que garanta labregas e labregos, pequenas e medianas explotacións, producindo alimentos no territorio e mantendo un medio rural vivo”.

A PAC actual, advertiu, “está eliminando o campesiñado europeo, o número de explotacións agrarias segue a diminuír. Que máis indicadores son precisos para asumir que estas políticas agrarias están destruíndo o medio rural labrego?”. E a nova proposta que está a facer dende as institucións europeas vai tamén na mesma liña, “a nós non nos serve nin a PAC actual nin a que están a propor para o período 2021-2027. Considero que é importante mandar unha mensaxe forte de que estas políticas agrarias non son as que queremos para a UE”.

A eurodeputada galega subliñou que no informe elaborado polo PE foron detectados aspectos que incluso empeoran o actual marco lexislativo comunitario, como por exemplo a consideración do sector forestal dentro da PAC, “unha visión política que apunta máis á capitalización do mundo rural que a unha verdadeira preocupación por establecer un marco que garanta unha produción de alimentos sans en base a un modelo respectuoso co medioambiente e que facilite o asentamento de poboación no medio rural europeo. A CE observa as zonas rurais como extensións de territorio nos que extraer aproveitamento económico, non ten en conta nin a cuestión da soberanía alimentaria dos pobos nin a relevancia de contar con un sistema de produción que manteña a alimentación nas mans das labregas e labregos”.

Outra consideración a ter en conta é a vontade da CE de apoiar ás organizacións de produtores/as, “en detrimento das organizacións sindicais agrarias”, cuestión que ademais vai paralela á práctica desaparición do debate con respecto aos prezos dos produtos agrarios. “É fundamental recuperar como unha cuestión central a fixación de prezos que cubran o custo de produción e o traballo das labregas e labregos. Unha cuestión tan seria como a  produción de alimentos non debería estar vinculado a subvencións, que ademais poden desaparecer en calquera momento, se non a garantir modelos de produción sustentábeis, que proporcionen unha alimentación sa e de calidade, e que estea sustentada por moitas labregas e labregos, non monopolizadas por megaindustrias produtoras de alimentos”.

Xa inmersas a nivel europeo nos debates previos á proposta e discusión da nova política agraria común para o período 2021-2027 -que ademais estará marcada pola redución de orzamento nun 5% dentro do Marco Financeiro Plurianual da UE contemplado para dito período-,  a eurodeputada galega vén de pór en marcha nas últimas semanas unha xeira de encontros para socializar información e dinamizar discusións con respecto á nova política agraria europea, así como para e recabar propostas do sector e da cidadanía na Galiza para plantexalas en todos os espazos onde sexa posíbel dende o Parlamento Europeo.

Na Galiza, á xornada desenvolvida a pasada fin de semana en Laza baixo o título “A futura PAC para as zonas de montaña” seguiralle o seminario “Acceso aos servizos básicos: Un dereito imprescindíbel para un rural vivo en Europa”, que terá lugar en Vedra o sábado 26 de maio.

Aliás, uns días antes, o vindeiro mércores 23, Senra acollerá na Eurocámara en Bruxelas un encontro ao que asistirán arredor de 150 labregas e labregos, 10 delas da Galiza. Este evento está a ser articulado pola eurodeputada galega en calidade de coordenadora do GUE/NGL na Comisión de Agricultura, e polos coordinadores do grupo dos Socialistas europeos -o francés Eric Andrieu (S&D)- e dos Verdes -o alemán Martin Häusling (Verdes/EFA)-.  Baixo a premisa “Unha PAC para o campesiñado e a cidadanía”, este encontro foi impulsado pola coordinadora europea da organización social labrega global La Vía Campesina, e está contemplado como o espazo de debate que xuntará ao maior número de labregas e labregos da UE antes de que a CE presente oficialmente a súa proposta, previsibelmente a finais de maio/principios de xuño.

Oficina de Lídia Senra. | Eurodeputada Galega do  Grupo da Esquerda Unitaria Europea/ Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) . | Comisión de Agricultura - Comisión de Pesca . | Asamblea Paritaria África, Caribe, Pacífico-UE . | 0034 609 845 861. | Willy Brandt, 02M025 (Bruxelas)

Louise Weiss, T05018 (Estrasburgo)
lidia.senra@europarl.europa.eu

http://ageuropa.gal/



Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
16 de maio de 2018 15:32

__________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon