Alianza europea desde Galiza na defensa dos sistemas de reparto que financian as pensións públicas. | Reclamamos que a Xunta estableza a curto prazo complementos para as pensións máis baixas, entre elas as das persoas que cotizan na agraria. | Exiximos derrogar as reformas de pensións de 2011 e 2013, que o Estado español achegue os ingresos fiscais á media europea e que a CE free o PEPP.
A xornada “O futuro das pensións. Galiza, Estado español e Europa”, organizada pola eurodeputada Lídia Senra e o Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas (MODEPEN), e que desde o venres pola mañá reuniu no Palacio de Congresos, en Santiago de Compostela, a expertos e expertas en seguridade social, traballo e pensións chegados de diferentes países, concluiu este mediodía coa presentación das súas conclusións.
Despois de día e medio de debates e intercambio de información sobre a situación de perigo na que se atopan os sistemas públicos de pensións e o avance do neoliberalismo e das intencións privatizadoras do capitalismo financeiro internacional, os e as participantes realizaron un chamamento a fraguar alianzas amplas entre os movementos que defenden unhas pensións públicas e dignas en toda Europa.
A eurodeputada Lídia Senra agradeceu a todas as persoas que se desprazaron a Santiago desde diferentes lugares da Galiza, do Estado español e de Portugal, Finlandia, Suecia, Irlanda, Grecia e Francia para participar nas xornadas e animou a seguir loitando para evitar que as persoas nos convirtamos en pobres ao chegar ao fin da nosa vida laboral. “Ter una pensión que nos permita vivir dignamente non pode depender da nosa capacidade de aforro”, defendeu. “Vimos que en toda a UE, a tendencia é a mesma, aumentar a idade de xubilación, reducir as pensións, culpabilizar ás persoas pensionistas e a fenda de pensións entre homes e mulleres. Por iso estamos firmemente convecidas de que é moi importante seguir coordinando as loitas e intercambiando experiencias”, dixo a europarlamentaria.
No acto de clausura, presentáronse unha serie de conclusións para orientar o traballo político, reivindicativo e de mobilización dos próximos meses e anos.
A nivel galego, denunciamos que as pensións galegas son inferiores á media da pensión estatal, as segundas máis baixas de todo o Estado español, despois das estremeñas e que é fundamental corrixir a tendencia de devalo demográfico para poder recuperar a soberanía económica e desenvolver actividades creadoras de emprego que produzan bens e servizos e salarios dignos e bases de cotizacións sociais superiores ás actuais e no futuro pensións suficientes.
Neste marco, reclamamos a constitución dunha empresa pública galega que xestione as grandes infraestruturas enerxéticas e lidere a transición a un sistema máis descentralizado e de cero emisións de carbono. Tamén a creación dunha banca pública galega como potente instrumento para desenvolver unha política económica ao servizo da maioría social e non do lucro privado. “A curto prazo, a Xunta deberá establecer complementos para as pensións máis baixas, entre elas as das persoas que cotizaron no réxim agrario, como existen noutras comunidades”, inclúen.
A nivel estatal, exiximos as derrogacións das reformas das pensións de 2011 e 2013 e a recuperación do vínculo por lei entre suba anual das pensións e IPC. Ademais, exiximos a derrogación da reforma laboral de 2012 que serviu para debilitar ás traballadoras e traballadores na negociación colectiva e para baixar os salarios. Así, vemos prioritaria levar a cabo unha reforma fiscal para achegar os ingresos fiscais no Estado español á media da UE-28 e facer que as tecnolóxicas, bancos, grandes empresas e grandes patrimonios contribúan segundo o principio de progresividade.
Na conclusión das xornadas levouse a cabo unha defensa total dos sistemas de reparto mediante os cales as cotizacións sociais e os ingresos procedentes dos Orzamentos Xerais do Estado e impostos financian as pensións públicas. Así, anunciamos a oposición a todos os intentos de substituír os sistemas de reparto por fondos privados de capitalización. Consideramos que os sistemas de reparto son o principal instrumento de loita contra a pobreza entre as persoas maiores, unha conquista da civilización humana que non permitiremos eliminar.
Especial atención prestouse á situación das mulleres, xa que a fenda salarial que padecen as mulleres con respecto aos homes tradúcese en cotizacións sociais inferiores e dan dereito a pensións máis baixas. Para acabar con esta discriminación, propoñemos socializar parte do traballo non retribuído, igular a taxa de actividade das mulleres coa dos homes, que os homes asuman a parte que lles corresponde do traballo non retribuído, políticas de igualación salarial e cotas e que se recoñeza como tempo cotizado os periodos de abandono do mercado de traballo como consecuencia das maternidades ou de coidado a persoas dependentes.
No capítulo europeo, manifestamos un claro rexeitamento ao Produto Panaeuropeo de Pensións Individuais (PEPP), por ser un paso máis na guerra de posicións por substituír o piar básico dos sistemas de protección social que son as pensións públicas de reparto, por un instrumento financeiro que favorecerá ás grandes empresas financeiras que xestionarán os fondos privados de capitalización.
Documento completo de conclusións. | 6 páxinas en formato pdf. | Acceder/Baixar.
Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | Tlf: 609 845 861, lidia.senra@europarl.europa.eu | http://lidiasenra.gal | https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez |
Oficina de Lídia Senra na Galiza
Tlf.: +34.698.144.067 / 698.120.268
Tlf.: +34.881.817.443
www.ageuropa.gal
Enviado por:
AGE Europa - Galiza
-age.europa.galiza@gmail.com-
29 de setembro de 2018 12:38
___________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon