Por Amadeo Varela [*]
30.09.2018
TRAMA EN PRECIMIL
Historia dun acoso
IV
Conto por entregas: 4 e 5 de 10 e un máis. A partir do anuncio do derribo, os ataques contra o barrio foron constantes; os medios informaban a cotío da demolición das vivendas de Precimil e o asunto tiña o aspecto dunha conspiración ben organizada, pois parecían contar con todos os medios: político, de propaganda, empresarial e financeiro. No ámbito político, os “demoledores” gobernaban na cidade, na Deputación, na Autonomía e no Estado; no tema da propaganda, dominaban na radio e TV locais, en tanto que, nos xornais, aparecían a diario opinións a favor do derribo, incluídas as do presidente da asociación veciñal, que tamén facía campaña a favor; pola parte empresarial contaban coa Promotora Inmobiliaria TAÚRES, que parecía estar no tema e, no asunto financeiro, afirmaban contar co apoio de Bancos e Caixas. Os políticos máis “demoledores”, facían declaracións sobre a falta de calidade das vivendas e, presentaron publicamente unha maqueta da futura urbanización, (moi parecida ao proxecto da Promotora “Taúres”) negando a importancia histórica, urbanística e social, dunhas vivendas que foran sinaladas polos Arquitectos locais como “O fito urbanístico máis importante da cidade no século XX”.
V
A propaganda da trama en Precimil, facíase diariamente a través da radio local, por teléfono, con intervencións a favor do derribo, cualificando o barrio como ruinoso e como unha vergoña para a cidade, por estar situado na súa entrada. Case sempre eran as mesmas persoas as que falaban e tiñan o teléfono practicamente secuestrado. Na TV local, facíanse con frecuencia debates sobre o tema de Precimil aos que normalmente se invitaba aos partidarios da demolición; nun deses debates o propio presentador afirmou que as vivendas “estaban caendo”. Outro día, un dos representantes dos demoledores, recoñecía que, se as vivendas non estivesen “no centro”, non sería interesante o derribo. Estimaba en dez anos o tempo da operación (coincidindo cos cálculos de “TAÚRES”) e, minimizaba o prexuízo dos veciños afirmando que: “total, en dez anos estarán todos mortos”. Semella que os “demoledores” tíñano todo ben calculado, porque pensaban trasladar aos habitantes e reservar para eles unhas 700 vivendas, quedando preto de 1.500 para negociar, mais contaban con que, en dez anos, moitos morrerían e xa case non quedarían veciños e todas as vivendas serían para especular.
---
[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida") publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.
_______________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon