luns, febreiro 11, 2019

A voltas coa Unidade Popular en Ferrol, ... Anxo Fernández-Armesto


Anxo Fernández-Armesto [*]
11.02.2019


A “Unidade Popular” é un termo tan usado que está perdendo sentido. Significa unidade do pobo, mais cabe preguntarse o que é o pobo e quen forma parte del. Como iso requeriría filosofar moito, creo que é mellor falar de clases (clases desfavorecidas, clase traballadora…). E a unidade non sei que ten que todos falan dela máis realmente poucos a queren. Está o PSOE, un partido liberal e progresista que busca a hexemonía perdida. O BNG, unha organización de esquerda lóxicamente cun proxecto específicamente nacionalista. Estan as mareas e os seus facsímiles. Dun lado Ferrol en Común, unha coalición de partidos na que deciden as executivas como en calquera outra, o cal é lícito máis non é unha candidatura de activistas apoiada por partidos; iso tal vez fose a idea orixinal da Marea Ártabra, da que se separaron os partidos porque querían ter máis control. Por outra parte Marea de Ferrol, cun espírito parecido ao da Ártabra, por mais que haxa quen queira vender que son simples resentidos. En Ferrol Podemos parece querer unha utópica reconciliación de todos os actores da esquerda social e política ferrolá. Tamén está Xuntos Actúa, candidatura do ex presidente de FeC, bastante decoñecidos aínda. Aparte de todo está Ligando, unha formación nova cun proxecto decrecentista e arredista moi diferente de todos coa que estou pouco familiarizado.

Na miña opinión precísanse uns a outros para asegurar non só unha victoria electoral senón un proxecto real de esquerda que inclúa orzamentos participativos, remunicipalizar os servizos público, peonalizar o centro ou abordar a despoboación, o estado deplorábel da cidade e a falta de traballo. Precisan de feito traballar con máis xente de movementos e asociacións e apoiarse nelas se queren que esas reformas saian adiante.

Desde o programa de Radio Filispim (radio libre e comunitaria da Terra de Trasancos 93.9 FM) “Directo de Esquerdas”, do que son actualmente conductor, fixemos há uns meses un humilde chamado ás forzas da esquerda a que se xuntasen pra falar sobre que cidade queren. Iso é o principal, se cadra axudaría se algunha xente dese un paso a un lado para facilitar conversas. Penso que sería una excelente idea facer una mesa redonda e falar con honestidade de política real e non de “díxome-díxomes” e rencores persoais polo ben da cidade e da veciñanza de Ferrol. Dicía Lennon o de “you may say I'm a dreamer”, mais estou convencido de non ser o único.

[*] Anxo Fernández-Armesto Sánchez, activista de esquerdas, filólogo, actual conductor do programa 'Directo de Esquerdas', de Radio Filispim.

@directodeesquerdas


Enviado por:
Anxo Fernández-Armesto Sánchez
-anxofarmesto@hotmail.com-
11 de fevereiro de 2019 12:17

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon